10/12/15

Constitución do Comité de Seguridade e Saúde: a presidencia para o Concello e a secretaría para a parte social

Por primeira vez o Concello e o persoal reparten cargos na Constitución do Comité de Seguridade e Saúde que tivo lugar o pasado 26 de novembro na Sala de Xuntas. A proposta partiu dos delegados de prevención do Comité de Empresa e a intención era ostentar a presidencia mais para o Concello isto era innegociable e para o delegado do CSIF tamén que se pretendía posicionar da parte do Concello, como xa vén sendo costume, sen entender que as decisións tomadas pola parte social son indivisibles e que a maioría está na man dos delegados de prevención do persoal laboral. Finalmente o Concello cedeu en que a secretaría fosepara o persoal, logo de entender que unha resolución da Alcadía designando os membros do Comité non era válida, porque eses cargos son escollidos entre o propio Comité de Seguridade e Saúde. Finalmente o Comité de Seguridade e Saúde ficará composto polos seguintes membros:

Diego Fernández López, presidente
Daniel Pereiro Cachaza, vogal
Verónica Chaves González, vogal
Silvia Muíño Naveira, secretaria
Jorge Amarante Rodríguez, vogal
Alberto Fernández Seijo, vogal

Nesta reunión acompañounos o compañeiro Ernesto López, como asesor da CIG no tema, que nos axudou  e asesorou de cara a poder darlle un novo e necesario pulo ao Comité de Seguridade e Saude e comezar a traballar para que o goberno comece a solucionar as cuestións máis urxentes para logo traballar nos obxectivos a longo prazo. Fixemos unha proposta para que o Comité se dote dun regulamento e acordamos envialo e facer unha reunión de urxencia para aprobalo e comezar a traballar canto antes.

Con respecto aos puntos da orde do día tratouse o tema das revisións médicas e os delegados de prevención do persoal laboral indicaron unha serie de apreciacións con respecto ás revisións, como que un ano máis seguen sen ser específicas, que no local en que se realizaban ía frío, que consideraban que hai deficiencias tendo en conta que se limitaban a preguntar que se todo era como o ano pasado cando deberían preguntar sobre todo de novo ao persoal, porque en ocasións mesmo nin se lembraría do que indicou o ano pasado. Finalmente tamén fixeron fincapé nos problemas coa máquina dos ruídos e das dúbidas de que os resultados fosen reais na medida en que se ouvía máis o balbordo dos traballadores que estaban fóra que a propia máquina.

Tamén o goberno municipal lle denegou unha adaptación de posto a unha compañeira de limpeza con informes médicos que acreditaban que non pode realizar as funcións que viña tendo encomenda, baseándose en que na Relación de Postos de Traballo non habería postos con este perfil. Os delegados de prevención preguntámoslle ao Concello se no caso da compañeira de limpeza que fai funcións de conserxe na biblioteca tamén se tramitara unha solicitude de adaptación de posto a través do Comité de Seguridade e Saúde e advertímoslle ao Concello que estaba incorrendo nun agravio discriminatorio, o concelleiro de Persoal, coma sempre, escusouse en que esa situación viña de antes mais que en todo caso solicitaría un informe para saber se nalgún momento se tramitou algo con respecto a ese tema.

Finalmente, e con respecto á actividade preventiva o concelleiro o presidente do Comité informou que no primeiro trimestre se procederá a mañar as deficiencias sinaladas pola Inspección de Traballo na Oficina de Turismo e mais se realizarán as avaliacións pendentes de diversos edificios municipais. Canto a este tema os delegados de prevención do persoal laboral lembráronlle que está pendente o simulacro da Escola Infantil Municipal e a necesidade de Plans de Evacuación en todos cantos edificios traballa persoal e accede a cidadanía.

Na quenda de intervencións a secretaria do Comité deu conta dunha serie de deficiencias e problemas nas instalacións da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente que entende que é urxente reparar e solucionar posto que estamos a falar dun centro ao que acoden moitos nenos diariamente e fixo fincapé nos problemas concretos do edificio para pedirlle solucións inmediatas ao goberno municipal pola seguridade e saúde tamén das propias traballadoras que prestan os seus servizos no centro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario