17/12/15

O Comité de Empresa solicítalle a cobertura inmediata das baixas de limpeza ao goberno municipal á vista de os trámites de conformación da listaxe están finalizando

A presidenta do Comité de Empresa, dando conta de todos os acordos que se teñen tomado no organismo a conta do conflito laboral pola privatización e non cobertura de baixas nin vacantes do servizo de limpeza de dependencias e centros educativos vén de solicitarlle ao Concello que en canto a listaxe de substitucións de limpeza de edificios e centros educativos se eleve a definitiva cubra de inmediato todas as prazas necesarias para ofrecer o servizo en condicións óptimas e con traballadores e traballadoras públicas, tal e como se acordou no propio pleno e tal e como se lle indicou a este órgano que sería no momento en que existisen unha listaxes de substitución actualizadas.
Antes disto, lémbralle ao Concello que tal e como se pode ver na web municipal, e a pesar de que o concelleiro non informou ao Comité desta cuestión,  o proceso de conformación das listaxes está practicamente finalizado e que tal e como foi acordado polo Pleno da Corporación e mais como o concelleiro de Persoal e o propio Alcalde informaron ao Comité de Empresa, o Concello debería cubrir de inmediato as baixas do servizo da limpeza municipal unha vez que estea aprobada a listaxe definitiva de substitucións do servizo de limpeza municipal de centros escolares e dependencias municipais. Ademais, lémbralle ao alcalde que o propio goberno indicou desde o mes de xuño de 2015 que a solución da contratación dunha empresa (cuxos datos descoñece o Comité) foi provisional e que no momento que se puidese cubrir con persoal municipal ese traballo así se faría.
A maiores, o Comité de Empresa, por inicitiva da CIG expresoulle que rexeita complementamente o proceso de privatización de diversos servizos que o goberno municipal emprendeu hai xa varios anos e solicítalle que cubra os postos necesarios para que os servizos do Concello de Betanzos sigan sendo públicos e de calidade e incidiu en que na actualidade o servizo de limpeza de edificios municipais ten varias baixas sen cubrir e que o Concello debe proceder a cubrir de inmediato e canto antes posto que esta situación, tal e como lle temos reiterado repercute gravemente na saúde do cada vez máis escaso persoal que ten que asumir o traballo do persoal de baixa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario