Amosando publicacións coa etiqueta solicitudes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta solicitudes. Amosar todas as publicacións

17/12/15

O Comité de Empresa solicítalle a cobertura inmediata das baixas de limpeza ao goberno municipal á vista de os trámites de conformación da listaxe están finalizando

A presidenta do Comité de Empresa, dando conta de todos os acordos que se teñen tomado no organismo a conta do conflito laboral pola privatización e non cobertura de baixas nin vacantes do servizo de limpeza de dependencias e centros educativos vén de solicitarlle ao Concello que en canto a listaxe de substitucións de limpeza de edificios e centros educativos se eleve a definitiva cubra de inmediato todas as prazas necesarias para ofrecer o servizo en condicións óptimas e con traballadores e traballadoras públicas, tal e como se acordou no propio pleno e tal e como se lle indicou a este órgano que sería no momento en que existisen unha listaxes de substitución actualizadas.
Antes disto, lémbralle ao Concello que tal e como se pode ver na web municipal, e a pesar de que o concelleiro non informou ao Comité desta cuestión,  o proceso de conformación das listaxes está practicamente finalizado e que tal e como foi acordado polo Pleno da Corporación e mais como o concelleiro de Persoal e o propio Alcalde informaron ao Comité de Empresa, o Concello debería cubrir de inmediato as baixas do servizo da limpeza municipal unha vez que estea aprobada a listaxe definitiva de substitucións do servizo de limpeza municipal de centros escolares e dependencias municipais. Ademais, lémbralle ao alcalde que o propio goberno indicou desde o mes de xuño de 2015 que a solución da contratación dunha empresa (cuxos datos descoñece o Comité) foi provisional e que no momento que se puidese cubrir con persoal municipal ese traballo así se faría.
A maiores, o Comité de Empresa, por inicitiva da CIG expresoulle que rexeita complementamente o proceso de privatización de diversos servizos que o goberno municipal emprendeu hai xa varios anos e solicítalle que cubra os postos necesarios para que os servizos do Concello de Betanzos sigan sendo públicos e de calidade e incidiu en que na actualidade o servizo de limpeza de edificios municipais ten varias baixas sen cubrir e que o Concello debe proceder a cubrir de inmediato e canto antes posto que esta situación, tal e como lle temos reiterado repercute gravemente na saúde do cada vez máis escaso persoal que ten que asumir o traballo do persoal de baixa.

09/12/15

O Comité urxe a reunión da Comisión Negociadora de cara a seguir coa tramitación do convenio

O Comité vén de solicitarlle ao Concello que continúe coa tramitación do novo convenio colectivo e que agarda que se axilice esta cuestión de cara á súa aprobación e entrada en vigor o antes posible, tendo en conta que o convenio vixente cumpre agora dez anos e está moi desfasado con respecto á lexislación laboral actual.
Por iso, lembroulle ao goberno municipal que desde o pasado 17 de novembro o Comité de Empresa está á espera da convocatoria da Comisión Negociadora do convenio colectivo, que leva desde marzo de 2015 coa tramitación deste novo texto e entende que é prioritario que se continúen dando os pasos oportunos para a publicación e entrada en vigor do novo convenio colectivo do persoal laboral. 
Finalmente, o Comité de Empresa instou ao Concello a que convoque canto antes a Comisión Negociadora do convenio colectivo a fin de poder levalo canto antes para a súa aprobación polo Pleno da Corporación, tal e como é preceptivo, neste ano 2015.

22/10/15

5 meses despois seguimos sen Mesa Xeral de Negociación nin Comité de Seguridade e Saúde

O goberno local está tomando esta lexislatura aínda con máis calma que a anterior, as présas para asinar convenio e chegar a un acordo co persoal antes xusto das eleccións locais quedaron atrás e deron lugar a unha calma chicha na que parece que nada importa.

A Mesa Xeral de Negociación que a CIG solicitou que se convocase de urxencia, ata o momento descoñecemos se o resto dos sindicatos tamén ou a actitude de UGT, CCOO E CSIF é a mesma pasotista en connivencia co goberno local, segue sen se constituír cinco meses despois, o mesmo acontece co Comité de Seguridade e Saúde, xa solicitado tamén polos delegados de prevención da CIG.

De seguir así esta situación nas vindeiras semanas os delegados de prevención da CIG decidiron que acudirán á Inspección de Traballo a denunciar a unha Administración local que leva un ano sen reunir o Comité de Seguridade e Saúde que segundo a Lei de Prevención de Riscos Laborais ten que se reunir cada tres meses e do que os novos delegados mesmo descoñecen os compoñentes por parte do goberno local.

Desde a Sección sindical da CIG valoramos como nefasta a xestión en persoal dos primeiros cinco meses de goberno e lamentamos que poida ser a consecuencia directa dos intereses que o concelleiro de Persoal , Diego Fernández López, ten postos fóra de Betanzos e nas eleccións estatais e que dá como resultado unha nula xestión nos primeiros días de goberno á fronte de novo da área de Persoal. Entendemos que son moitos os méritos que fixo para continuar coa carreira política nos últimos catro anos coa lexislatura máis conflitiva na historia deste Concello cos traballadores e traballadoras mais non perdemos a esperanza de que volva a vista para o cargo que foi electo hai cinco meses e mude o rumbo da xestión, facendo caso ás demandas do persoal, aínda que non haxa fotos nin notas de prensa polo medio.

16/04/15

Solicitude de reunión co concelleiro de Persoal

Varios compañeiros e compañeiras véñennos preguntando nos últimos días sobre cuestións que están pendentes e que o concelleiro de Persoal deu a entender que se resolverían nesta lexislatura, por este motivo o Comité de Empresascolicitou na semana pasada a reunión mensual co concelleiro de Persoal para preguntarlle por diversos temas relativos ao persoal laboral, nomeadamente solicitudes sen resposta tanto do propio Comité de Empresa como de varios compañeiros e compañeiras a nivel individual. Polo momento non tivemos novidades mais en canto así sexa manterémosvos informados.


27/03/15

Observacións ás convocatorias publicadas no BOP

A CIG vén de presentar por rexistro unha serie de achegas ás bases dos procesos selectivos para a cobertura dos postos de psicólogo/a e auxiliar administrativo/a de Servizos Sociais que se publicaron este mes no BOP. Unha vez máis, consideramos que as bases non se axustan na súa totalidade á lexislación en materia de provisión de postos da Administración pública e así llo fixemos saber ao goberno municipal de cara a que corrixa os devanditos puntos nesta convocatoria.

Si que consideramos que cómpre destacar, que por primeira vez en case catro anos o Concello incluíu en ambas as bases o seguinte:

"As retribucións, así como as condicións laborais axustaranse ao establecido no convenio colectivo deste Concello e demais lexislación de aplicación".

Que é algo que a CIG leva reclamando tanto como Sección sindical, como a través do Comité de Empresa, desde que chegou a este Concello, que todo o persoal laboral independentemente do seu tipo de contrato teña os mesmos dereitos ao abeiro do convenio colectivo en vigor. O certo é que a pesar de rexistrarmos tantas solicitudes e comunicacións ás que o Concello non responde, isto non fai máis que darnos folgos para continuar a facelo, porque entendemos que, polo menos, le o que lle trasladamos, e, de cando en vez, cae na conta de que hai cousas que se veñen facendo dun xeito por costume mais que non respondían a ningunha lóxica e afondaban nas discriminacións e máis desde que a lexislación laboral indica que o persoal non pode ser discriminado en función do seu tipo de contrato.


11/03/15

Lembra! Solicitude de vacacións

Segundo o artigo 10 do Convenio colectivo do persoal laboral, o Concello de Betanzos debe ter elaborado o día 1 de abril o plan de vacacións anual correspondente ao ano 2015 e aínda que tal e como se indica "o calendario anual de vacacións poderá ser modificado con carácter individualizado, trala solicitude dos interesados, sempre que non exista oposición, fundamentada en razóns obxectivas do servicio, e non se afecte a intereses de terceiros", é recomendable solicitar as vacacións en tempo e forma.

A pesar de que neste Concello nunca foi de coñecemento público o calendario de vacacións e o persoal tendeu a facer traballo que debería facer o propio Concello acordando as quendas de traballo nas vacacións estivais o certo é que deste artigo do Convenio, a falta do que indique a Comisión paritaria de interpretación do texto que o Concello se nega a reunir, enténdese que temos ata finais de marzo para solicitar as vacacións.

Para solicitalas lembra que hai un modelo de documento habilitado para o efecto e que na actualidade existe un rexistro no Departamento de Persoal, polo cal podes entregar a túa solicitude directamente alí, ademais neste caso recorda que o procedemento administrativo indica que o silencio administrativo con respecto á túa solicitude é dun mes e interprétase como positivo, é dicir, que se non che responden tes dereito a coller as vacacións do xeito solicitado. Tes o modelo de solicitude das vacacións aquí:





04/03/15

A CIG solicítalle ao Concello a adecuación das bases de dinamizador/a á lexislación vixente

A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos solicitoulle ao goberno municipal que rectifique as bases para a contratación temporal dun/ha dinamizador/a e as adecúe á lexislación vixente en materia de provisión de postos de traballo na Administración pública.

Como vén sendo costume o Concello convoca procesos selectivos sen contar cos representantes dos traballadores nin informalos sobre a publicación destes, isto vén motivando, ao longo de tres anos e medio, que cada vez que o BOP publica unha convocatoria dunha praza neste Concello vémonos obrigados a lle achegar as nosas propostas de mellora das bases a posteriori. Se o diálogo fose fluído isto non pasaría, pola nosa parte, desde logo, que preferiamos facer o traballo antes e que o Concello tivese en conta as propostas dos representantes dos traballadores e non saber a información á que legalmente temos dereito cando xa está publicada e non hai posibilidades de rectificación nin de ter en conta as propostas dos representantes dos traballadores. Hai cousas, polo que parece, que por moito que transcorran os anos, nunca cambian.

02/03/15

Solicitudes do Comité de Empresa

Aí tendes algunhas solicitudes presentadas polo Comité de Empresa nos pasados días sobre as horas extraordinarias, os calendarios laborais e o cumprimento do convenio colectivo vixente que están á espera da resposta do Concello






Queixas pola sobrecarga de traballo

Tal e como informabamos hai uns días a sobrecarga de traballo en determinados departamentos derivada da pésima xestión que da área de Persoal se leva neste Concello está supoñendo un exceso de traballo que recae en traballadores puntuais do servizo de limpeza mentre se destina a outros a funcións para as que non foi contratado. 

Na actualidade de 5 postos non cubertos por baixa e/ou xubilación, só se cubriu unha baixa temporal, o que supón que este servizo contaría con catro traballadoras menos, iso sen ter en conta a quen na RPT ten un posto de limpeza que na práctica non se realiza e que a maiores hai un aulario que se sumou aos edificios para limpar. A distribución do traballo neste servizo vén sendo un problema grave de organización desde hai anos que o Concello non dá solucionado, só hai que pensar que na actualidade hai o mesmo número de traballadores de limpeza para o aulario que para o CEIP Francisco Vales Villamarín, o que escapa a toda lóxica tendo en conta o número de alumnado dun centro ou doutro, así como o mencionado caso da compañeira a piques de se xubilar que ten 9 edificios para limpar.

O Comité de Empresa presentou por estes motivo e por iniciativa da CIG, unha queixa formal ao goberno municipal pola sobrecarga laboral que está a recaer en determinadas traballadoras mentres se destina persoal deste servizo a outras funcións, o que supón unha manifesta discriminación e repercute de xeito negativo na saúde do persoal afectado, ao que á situación inicial de non cobertura de baixas e xubilacións se lle une une estoutra situación. Por este motivo solicitoulle ao Concello que distribúa os efectivos de xeito que a carga de traballo sexa equitativa e non incorra en agravios discriminatorios, lembrándolle, ademais, que unha grande parte das baixas laborais deste Concello se producen no servizo de limpeza.


Á espera dunha nova reunión co concelleiro de Persoal

O Comité de Empresa por inicitiva da CIG, logo de levar máis dunha semana sen saber nada da negociación do convenio colectivo nin ter información nin sequera sobre a última reunión que o Concello mantivo con Galivalia solicitou unha nova reunión co concelleiro de Persoal de cara a tratar este e outros temas laborais que están pendentes e que entende que deben ser solucionados por parte do goberno municipal canto antes.

30/01/15

Hoxe é un día grande de festa! 21 días despois o concelleiro de Persoal recibirá aos representantes do Comité de Empresa

Hoxe amencimos con boas novas, debe ser festa, seica logo de 21 días o concelleiro recibirá aos representantes do Comité de Empresa o vindeiro 5 de febreiro!! Como se pode ver, os traballadores son unha proridade incuestionable para este goberno municipal e a media de espera xa supera a das urxencias de sanidade en días de colapso.

O certo é que onte mesmo o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, decidira que ía solicitar unha reunión co alcalde xa que o concelleiro non o recibía, coa idea de rexistrala hoxe a primeira hora, mais as novas deben correr que voan e xa nin deu tempo a realizar a xestión que o concelleiro de Persoal buliu no último momento. Certo é tamén que non é a primeira vez que o concelleiro mesmo menciona cousas que se tratan nas reunións do Comité de Empresa e repite versións dos delegados sindicais do outro sindicato con representación, mais isto xa nin é novo, nin sequera nos preocupa porque hai xa moito tempo que quedou claro a quen defende e que papel xoga cada un dos sindicatos que forman parte deste Comité, e hai quen dedica o tempo a cargar contra os compañeiros e defender a xestión do goberno municipal mesmo no caso de despedimentos dun xeito inxustificable.

Os meses para que o goberno cumpra todo o que ten pendente en materia de persoal nesta lexislatura van esgotándose, mais cando que che reciba o concelleiro de Persoal para lle poder transmitir algúns problemas existentes e buscarlles solucións é case unha súplica non hai moito que agardar de todo o demais. Diante estaba o alcalde, Ramón García, cando o instou a que se reunise mensualmente cos representantes dos traballadores, por tantos ambos, e todo o goberno municipal, son ben coñecedores da pésima xestión de persoal de Diego Fernández, que parece que non ten tempo para recibir aos propios traballadores, e todo son coñecedores e consentidores de que tantos e tantos problemas laborais sigan sen se amañar tres anos depois. Aínda están a tempo e agardamos que o aproveiten, porque aínda que sexa tarde mal e arrastro, as melloras para o persoal laboral e as solucións ao problemas laborais sempre serán benvidas.

26/01/15

O concelleiro non recibe e aquí non se percibe!


Logo de que o Comité de Empresa leve dez días agardando a que o concelleiro de Persoal o reciba solicitará nos vindeiros días unha reunión co máximo responsable do goberno municipal, o alcalde, Ramón García a ver se con este hai máis sorte, de cara a lle poder trasladar a súa preocupación polos moitos temas que están no aire e que durante tres anos e medio o goberno municipal asegurou que ía amañar nesta lexislatura.

Non é a primeira vez que o Comité tarda semanas en ser recibido polo concelleiro de Persoal, do que case nin percibimos a súa existencia, xa que non é quen de responder ás solicitudes do Comité de Empresa, da CIG nin dos propios traballadores a título individual... como desde o goberno fagan o mesmo coa veciñanza compadecémola, mais se non son quen nin de atender a quen traballa no Concello o que será dos de fóra!

Atrás queda aquela entrevista que Diego Fernández publicara nun xornal local ao comezo da lexislatura dicindo que se abría unha nova etapa de diálogo co persoal que non houbera co anterior goberno. O certo é que desde a CIG descoñecemos as relacións do Comité anterior co goberno nin o diálogo que había ou non, si que sabemos que escrito non había nada e aínda pagamos as consecuencias hoxe en día, mais se algo está claro é que se o diálogo co persoal supón agardar dez días a que che reciban hai quen necesita revisar o dicionario para comprender o significado das palabras.

É posible que tamén pasen outra cousas, pasou un ano, aló foron 21 000 euros, seguimos sen convenio, sen RPT, sen noticias e sen saber nada, máis que isto foi un negocio para alguén e que a contratación dunha empresa como Galivalia non beneficiou até o momento nin o máis mínimo ao persoal deste Concello, co consentimento explícito do alcalde e todo o goberno municipal que acordou contratar esta empresa cuxos resultados do traballo até o momento descoñecemos.


O que está claro é que os vindeiros meses van ser cruciais para destapar as verdadeiras intencións das promesas do goberno en materia de persoal, mais por moito que lle intenten dar unha reviravolta, que aínda están a tempo de amañar moitos dos problemas existentes, o triste transcurso desta lexislatura en materia de persoal non deixa atrás máis que discriminacións, conflitos, aperturas de expedientes e belixerancia cunha parte dos representantes dos traballadores, así como pasividade ante moitas situacións que poderían ter sido resoltas mais coas que, a fin de contas, parece que o único que se vai deixando é correr o tempo sen tomar decisións nin ofrecer solucións.

O Comité de Empresa solicítalle ao Concello que resolva as axudas sociais

O prazo para as resolver é de tres meses, mais a día de hoxe, a finais do mes de xaneiro, o Comité de Empresa non ten nin sequera información sobre se é suficiente a partida orzamentaria, debido a isto, o Comité, por iniciativa da CIG, solicitou máxima celeridade para a súa resolución, tendo en conta que deben ser pagadas, como moi tarde, coa nómina do mes de marzo.

22/01/15

Información, pensarán...para que? Coma sempre, parece que canta menos mellor

Desde que a CIG obtivo representación neste Concello un dos cabalos de batalla co Concello foi a necesidade de distribución da información entre todo o persoal por igual, que todos os traballadores e traballadoras tivesen coñecemento dos seus dereitos como garantía para poder exercelos ou reclamalos. Hai anos a información era pouca, escasa e para uns escollidos. Os Comité de Empresa anteriores tampouco nunca traballaran moito este tema por motivos que descoñecemos mais se algo aprendemos estes anos é que ás veces se dan cousas por supostas sobre as que non se ten coñecemento ou mesmo hai dúbidas entre o persoal.

Independentemente do traballo dos delegados sindicais o Concello ten a obriga de pór os medios para que a información poida chegar a todo o persoal e achegarlle, igualmente, a súa propia información ao persoal, tal e como desde hai dous anos lle reclamamos desde o Comité de Empresa e no que comezou o goberno a dar timidamente algúns pasos ao achegar información a varios dos departamentos municipais. Non obstante, isto non quita que durante todos estes anos fixésemos reclamacións tanto por escrito como verbalmente para que a distribución da información se realice en iguais condicións entre todo o persoal. E a comezos de 2015, con case catro anos de lexislatura ás costas aínda hai persoal ao que non lle chega a información por distintos motivos e desde a CIG vémonos na obriga de seguir reclamandolle ao Concello que facilite o acceso á información do persoal mediante os xeitos legalmente previstos para que todo o persoal deste Concello sexa tratado por igual no que respecta ao acceso á información laboral.

Solicitude de cobertura de baixas

A CIG vén de solicitar por rexistro que o Concello cubra as baixas dos servizos para que estes poidan funcionar do mellor xeito posible e estas non redunden nunha sobrecarga de traballo no resto do persoal dos departamentos afectados. Tentaremos transmitirlle tamén ao concelleiro de Persoal a preocupación pola non resolución destas situacións, especialmente nos casos que son previsibles, como é o casos das baixas por maternidade e/ou paternidade.

16/01/15

Temas pendentes e solicitude dunha reunión co concelleiro de Persoal

Comeza un novo ano e lamentablemente hai moitas cousas que non cambian, pasan os meses e hai problemas que non se solucionan, tres anos despois, seguimos a voltas con discriminacións que non se solventan e por iso unha vez máis, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, solicitou unha reunión co concelleiro de Persoal de cara a lle transmitir algúns dos temas que o propio persoal pon no noso coñecemento para poñer en coñecemento do goberno municipal para que tente buscar solucións.




A CIG solicita a compensación de dous festivos de 2015 con días de libre disposición

Tal e como fixemos en ano anteriores, a CIG vén de solicitar a compensación dos festivos do 25 de xullo e do 15 de agosto cons dous días máis de libre disposición que se sumarían aos 5 de que dispomos na actualidade logo das distintas disposicións normativa que modificaron o Estatuto Básico do Empregado Público.

Para solicitalo baseámonos xa na propia Resolución que a Alcaldía publicou con respecto aos días do ano 2014 e solicitámoslle ao Concello que adoptase coa máxima brevidade posible un acordo que nos permita desfrutrar de dous días máis de asuntos propios, tamén no ano 2015. Así mesmo, solicitámoslle ao Concello que publicase e actualizase a información correspondente aos días de asuntos propios nos taboleiros de información dos traballadores e traballadoras de cara a lles dar a máxima difusión.

15/01/15

O goberno municipal leva tres anos sen entregarlle a documentación relativa ás retribucións ao Comité de Empresa

Moita sorte debeu ter o Comité de Empresa anterior cando entre a súa documentación consta unha táboa de salarios brutos de todo o persoal laboral que lle entregara tamén o anterior goberno municipal, este Comité de Empresa leva tres anos e medio solicitándolle ao goberno municipal esta información sen obter un mísero papel, iso si, unha vez, o concelleiro de Persoal chegou a dicir que tal documento non existía, e o Comité tivo que lle levar unha copia das do ano 2010 que estaban en poder do Comité de Empresa anterior para demostrar que iso era mentira... mais nin así obtivemos tal documentación. Ao comezar o novo ano, para que non nos digan que as solicitudes están caducadas facemos unha nova solicitude desta documentación á que legalmente debe ter acceso o Comité de Empresa e como neste Nadal pedímoslle ao Apalpador que o Concello lle respondese ao Comité de Empresa a algunha solicitude, ao mellor, ata hai sorte... nunca se sabe! Non din ano novo vida nova.... a ver se desta volta é nova actitude!


15/12/14

Solicitude de información sobre as gratificacións e produtividades do persoal funcionario

A Sección sindical da CIG vén de solicitar a información correspondente ás gratificacións e produtividades do persoal funcionario logo de saber que a partida orzamentaria para laborais e funcionarios é única e común e conta con 40 000 euros segundo nos informou o concelleiro de Persoal. Na práctica isto supón que ao igual que as axudas sociais, as partidas que interesan compártense entre os dous tipos de persoal mais os salarios, como non interesa, son desiguais.

A maiores, como é sabido, entre o propio persoal laboral hai discriminacións no cobro ou non das horas extras que até o momento en ningunha ocasión foron xustificadas documentalmente o que nos fai sospeitar que poderían deberse a criterios arbitrarios e persoais. Se a isto lle sumamos que as últimas horas extras pagadas ao persoal laboral no ano 2014 correspóndense coas do mes de agosto que foron cobradas no mes de setembro, sobra dicir que é necesario dispoñer da información do reparto de toda a partida toda vez que cada ano se esgota antes e que unha partida para doce meses en 2014 só chegou para oito.

Con respecto a este tema hai un problema e grave, que o propio Comité de Empresa leva anos tentando explicar ao goberno municipal porque, cando menos ao persoal laboral, estánselle pagando como extraordinarios traballos que non o son e que deberían formar parte das retribucións mensuais da nómina, só que o Concello neste tema xoga a baza de que o persoal segue a realizar ese traballo a pesar de saber que non vai cobrar até dentro de varios meses e que cada ano tarda máis en cobrar o traballo realizado nos últimos meses do ano.

Como levamos tempo dicindo a solución para o persoal ao que o Concello non lle paga as horas ben porque non hai cartos ben porque non lle apetece é doada, que non se fagan as horas extras, cando haxa determinados traballos que se paralicen o Concello será quen de buscar unha solución e o amañará porque lle convén, agora, mentres o persoal siga a realizar o traballo coa promesa de cobrar a saber cando o problema vai ter máis difícil solución, basicamente porque o Concello o que quere é que se realicen os traballos e cando cobre a xente non debe ser algo que lle interese moito, do contrario teríalle buscado unha solución hai anos a este conflito.

Canto á propia partida orzamentaria e á solicitude de información vén dada porque o cálculo do importe das horas extraordinarias do persoal laboral chega para pouco máis da metade desa partida orzamentaria cando o persoal laboral dobra o número do persoal funcionario, e o dereito á información neste caso é ineludible toda vez que desde as horas de agosto o persoal non cobra as extraordinarias e descoñecemos se o funcionariado si, para saber isto debemos agardar a información do Concello. 

A maiores e tendo en conta que temos coñecemento que entre o persoal funcionario tamén se producen discriminacións á hora de cobrar as horas ou compensalas, na medida en que hai sectores a que o Concello se nega a pagar determinados traballos extraordinarios realizados fóra da xornada laboral, o goberno municipal debería aclarar cales son os criterios de cobro ou compensación á vista das gratificacións pagadas neste ano 2014 e que suporían unha suma considerable da partida orzamentaria total destinada a esta finalidade

Solicitude Información Gratificacións e Produtividades

O goberno municipal leva tres anos negándolle ao Comité de Empresa a información sobre os salarios do persoal laboral

O Comité de Empresa do Concello de Betanzos leva tres anos solicitándolle ao Concello de Betanzos a información sobre as retribucións dos distintos postos do persoal laboral, a táboa dos salarios brutos e mais a información sobre as retribucións do persoal non permanente (contratado ao abeiro de subvención ou mesmo xa sen contrato nin subvención como o persoal do anterior GRUMIR que non despediron ao acabar a subvención).

A única táboa de retribucións que ten o Comité de Empresa é unha do ano 2010 que o anterior goberno lle entregou ao Comité de Empresa anterior e que se encontraba na documentación que o anterior secretario do Comité lle entregou ao actual. É dicir o goberno actual négalle información ao Comité de Empresa da que mesmo dispuñan Comités de Empresa anteriores, mais o peor son as escusas alegadas durante anos polo concelleiro de Persoal, Diego Fernández, que mesmo chegou a dicir que tal documentación non existía, o que resulta irrisorio, que o Concello non teña unha listaxe cos salarios dos/as traballadores/as, e a pesar de que en 2012 o Comité lle entregou unha copia da táboa que tiña de 2010 para demostrarlle que esa documentación tiña que existir en persoal non se volveu saber nada do tema, ou sexa, que non interesa entregar esa información á que os representantes dos traballadores temos dereito.

O peor é que tamén o Comité de Empresa entregoulle ao propio alcalde, Ramón García, en 2013, unha copia de todo o que o Comité levaba solicitado e sen resposta até ese momento e as boas palabras nunca se converteron en feitos e seguimos igual en decembro de 2014. Tanto a Relación de Postos de Traballo como a retribución de cada posto deberían ser públicas non entendemos a que se debe tanta opacidade durante anos con este tema cando logo o PSOE solicita transparencia  noutras instancias e noutros organismos con respecto aos salarios, todo isto non fai máis que converter a política laboral deste goberno municipal en esperpéntica e pouco coherente entre o que se di e o que se fai.


Documentación salarios