Amosando publicacións coa etiqueta alegacións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta alegacións. Amosar todas as publicacións

04/03/15

A CIG solicítalle ao Concello a adecuación das bases de dinamizador/a á lexislación vixente

A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos solicitoulle ao goberno municipal que rectifique as bases para a contratación temporal dun/ha dinamizador/a e as adecúe á lexislación vixente en materia de provisión de postos de traballo na Administración pública.

Como vén sendo costume o Concello convoca procesos selectivos sen contar cos representantes dos traballadores nin informalos sobre a publicación destes, isto vén motivando, ao longo de tres anos e medio, que cada vez que o BOP publica unha convocatoria dunha praza neste Concello vémonos obrigados a lle achegar as nosas propostas de mellora das bases a posteriori. Se o diálogo fose fluído isto non pasaría, pola nosa parte, desde logo, que preferiamos facer o traballo antes e que o Concello tivese en conta as propostas dos representantes dos traballadores e non saber a información á que legalmente temos dereito cando xa está publicada e non hai posibilidades de rectificación nin de ter en conta as propostas dos representantes dos traballadores. Hai cousas, polo que parece, que por moito que transcorran os anos, nunca cambian.

24/01/13

A CIG PRESENTA UN RECURSO CONTRA OS ORZAMENTOS DO CONCELLO DE BETANZOS POLA FALTA DE NEGOCIACIÓN


A Confederación Intersindical Galega vén de presentar un recurso á aprobación definitiva do orzamento publicada a finais de novembro no Boletín Oficial da Provincia. Logo das alegacións presentadas incialmente ao orzamento que se baseaban no incumprimento de negociación do capítulo I dos orzamentos por parte do Concello a CIG presentou un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

As alegacións do recurso da CIG recollen, entre outros puntos, a aprobación sen previa negociación do capítulo correspondente ao persoal nos orzamentos incumprindo o que se recolle no Estatuto Básico do Empregado Público, segundo o cal o capítulo I é de obrigada negociación na Mesa Xeral de Negociación. A maiores, outra das alegacións baséase na inexistencia na partida de persoal do crédito necesario para pagar as retribucións do persoal do GRUMIR readmitido, que a día de hoxe xa ascende a seis traballadores readmitidos aos que o Concello lles adebeda todos os salarios de tramitación atrasados do ano 2012.

Algunhas outras das alegacións van contra as bases de execución do propio orzamento que pretende seguir discriminando ao persoal laboral fronte ao funcionariado no desenvolvemento temporal doutros postos de traballo e as normas relativas ao persoal que afondan nas históricas discriminacións de retribucións entre persoal laboral e funcionariado existentes no Concello de Betanzos.

É preciso lembrar que o Concello pretendía aprobar unha nova Relación de Postos de Traballo e un Plan de Emprego sen sequera ter informado a moitos dos traballadores e traballadoras afectadas e que isto motivou que se presentasen máis de sesenta alegacións ao orzamento e á Relación de Postos de Traballo que paralizaron a aprobación da nova RPT a pesar de que o orzamento si que se aprobou vinculado a unha moción de confianza ao goberno municipal. Isto non exime ao Concello de non ter negociado cos traballadores a partida de persoal e motivou que a CIG anunciase o recurso contra o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

23/11/12

E finalmente non se aprobou a nova Relación de Postos de Traballo

No Boletín Oficial da Provincia de hoxe publícase a aprobación definitiva do orzamento de 2012 nun edicto relativo á aprobación definitiva do orzamento xeral e o cadro de persoal do Concello de Betanzos para o exercicio económico de 2012. No caso da Relación de Postos de Traballo, como o propio edicto indica: 

"O cadro de persoal corresponde co aprobado no Presuposto do exercicio de 2008, que foi publicado no B.O.P. num. 235 de 11 de octubro de 2008"

Dende a Sección sindical da CIG entedemos como un avance que os traballadores e traballadoras desta Administración fósemos quen de parar unha Relación de Postos de Traballo que non facía máis que agravar e afondar en erros do pasado no canto de intentar buscar solucións pola vía do diálogo. Isto, sen dúbida, foi grazas a todos aqueles que por fin se decidiron a amosar abertamente o seu malestar coas políticas de discriminación en materia de persoal que se levan anos producindo neste Concello e a manifestalo cando era o momento. Os traballadores desta Administración exerceron os seus dereitos e puideron ver como realmente con vontade e determinación hai cousas que poden ir mudando, e por moi pequenos que parezan os cambios ou moi miúdos os logros, en Administracións locais como a de Betanzos totalmente enferruxadas no que ten que ver coa xestión do persoal, van abrindo camiños a marchas forzadas.

Igualmente, agardamos que o goberno local recapacite de cara á negociación dunha nova RPT para 2013 e abra canto antes o diálogo para buscar solucións conxuntas aos múltiples problemas que a xestión de persoal vén arrastrando dende hai tempo e intente poñer en práctica o que tanto predicou nos primeiros meses logo da chegada ao Concello.
BOP Orzamento

28/10/12

Martes 30 ás 20:30 h Pleno na Casa do Concello

Xusto cando vence un prazo e sen que ningún dos sindicatos nin traballadores que presentaron alegacións tivesen resposta por parte do Concello con respecto a estas o Concello incorpora nun pleno ordinario as alegacións, supoñemos que para restarlle importancia a un tema crucial para os traballadores. O caso é que  no pleno ordinario do vindeiro martes, día 30, tratarase o tema das alegacións e supoñemos e agardamos que o Concello sexa cabal e consecuente e non siga para adiante con este atraco á maior parte do persoal laboral deste Concello, por iso dende a CIG asistiremos ao plano e animamos a todos os traballadores que presentaron as súas alegacións e aos interesados a que se acheguen para coñecer de primeira man o que o Concello ten que dicir sobre cada un dos casos e tamén a posición do resto de grupo políticos con respecto á aprobación ou non dunha Relación de Postos de Traballo, que, en todo caso, de ser aprobada, será levada aos tribunais pola Confederación Intersindical Galega.

É importante a asistencia ao Pleno para demostrarlles coa nosa presenza que os traballadores nos mobilizamos, facemos as nosas alegacións e intentamos parar as agresións aos nosos dereitos que nos últimos tempos van en decrecemento continuo grazas ás políticas de destrución do emprego público estatais que contan coa complicidade de concellos como o de Betanzos que se negan a negociar cos traballadores e chegar a acordos que redunden nun mellor funcionamento do Concello que sería beneficioso tanto para o propio goberno polo bo servizo á cidadanía como para os traballadores se todos estivésemos en igualdade de condicións e non vísemos continuamente como dependendo de criterios que semellan arbitrarios mais que no fondo son discriminatorios tes máis ou menos complicacións no teu traballo diario, algo que é totalmente inaceptable nunha Administración pública dun sistema supostamente democrático. Por iso presentamos as nosas alegacións e por ese motivo levarémolas ata as últimas consecuencias no caso de se probar a Relación de Postos de Traballo.

Lembra, vémonos o martes ás 20:30 h na Casa do Concello!

07/10/12

Alegacións do Comité de Empresa: Plan de Emprego

Tal e como informamos con respecto ás alegacións do Comité de Empresa aos documentos relativos ao persoal e presentados no pasado mes de xullo ante o Pleno para a súa aprobación presentáronse alegacións aos tres documentos que se achegaron na Mesa Xeral de Negociación.

Con respecto ao Plan de Emprego a documentación que o Concello achegou é unha memoria de xustificación do Plan de Emprego do concelleiro de Persoal, Diego Fernández López. Nesta memoria comézase facendo alusión a un informe da Secretaría municipal sobre todos os efectivos de persoal do Concello de Betanzos que conclúe que se precisa un plan para a reasignación de efectivos. Este informe non foi facilitado xunto coa documentación achegada na Mesa Xeral do 30 de xullo e consideramos que é de vital importancia para o coñecemento da situación de todo o persoal laboral debido á falta de documentación por parte dos representantes sindicais neste Concello, por iso a CIG solicitou por rexistro este informe que non estaba en exposición pública xunto co resto da documentación durante  o período de consultas do orzamento, mais a día de hoxe o Concello aínda non llo facilitou.

Nas consideracións con respecto á formulación da nova RPT e a elaboración do Plan de Emprego hai que destacar que se propón o peche do Centro de Formación Ocupacional baseándose principalmente na escasa actividade do cento mais subliñando que no caso e que haxa cursos o monitorado cubrirase con persoal ocasional e temporal a través de contratación externa, enténdese pois que o que se está a facer é a redestinar ao persoal municipal a outros servizos para proceder a cubrir esas prazas no momento que faga falta con novo persoal, é obvio que hai moitas contradicións.

Así mesmo, indícase que como teñen en conta que non é unha modificación colectiva se lles dará aos traballadores traslado previo e audiencia no expediente durante quince días, cando en ningún momento o propio documento do Plan de Emprego foi público ata que se entregou na Mesa Xeral de Negociación do 30 de xullo e os traballadores afectados non se lles comunicou por escrito absolutamente nada ata o día de hoxe con respecto ao Plan de Emprego e as modificacións que os seus postos sufrirían, é claro, pois, se é así, que non tiveron audiencia no expediente durante quince días.

Hai que facer fincapé en que a propia memoria indica que o Plan de Emprego debería ser informado previamente á Mesa Xeral de Negociación polo Comité de Empresa tal e como indica o artigo 19 do Convenio colectivo do Persoal laboral e a día de hoxe o Comité de Empresa non foi requirido para a realización de tal informe e nin sequera se lle achegou ao Comité omo tal ningunha documentación relativa ao Plan de Emprego, este trámite que se indica como necesario nin sequera foi realizado polo Concello que directamenta chegou á Mesa Xeral a un día do Pleno e sen posibilidade de negociación e achegou un Plan de Emprego pechado e sen ningun informe que o avale.

Por último, e con respecto ás últimas consideracións que indican que unha vez que o Plan de Emprego sexa obxecto das audiencias e achegas dos representantes sindicais será levado ao Pleno para a súa aprobación é necesario dicir que os representantes sindicais non tivemos ningunha posibilidade de consideracións nin de achegas posto que na Mesa Xeral de Negociación convocada o luns non había posibilidades reais de negociación tal e como alí se expresou e tendo en conta que o pleno de aprobación do orzamento e a RPT tería lugar ao día seguinte.

Debido a todo isto o Comité solicitoulle ao Concello que o Plan de Emprego non sexa aprobado porque non foi obxecto da negociación pertinente na Mesa Xeral de Negociación e o propio Concello incumpriu cos pasos necesarios para a devandita aprobación ao non solicitarlle un informe sobre o documento ao Comité de Empresa do persoal laboral do Concello de Betanzos, tal e como indica que é preceptivo no criterios para a súa tramitación. A maiores os traballadores afectados polo devandito plan non tiveron audiencia no expediente no prazo pertinente nin tiveron coñecemento da modificación exacta das funcións de cada praza ata que se publicou provisionalmente a RPT e o Plan o que consideramos sumamente grave e que é unha boa mostra da nula vontade de negociación por parte do goberno municipal con respecto a este Plan de Emprego.



23/09/12

Lembra, última semana para presentar as túas alegacións

Esta semana é a última para que os traballadores poidan presentar as súas alegacións, o prazo finaliza o vindeiro 1 de outubro. A CIG presentará tamén alegacións colectivas mais independentemente diso é importante que os propios traballadores aleguen con respecto ás modificacións dos postos de traballo que ocupan, porque o Goberno municipal non dá máis que pasos para adiante sen ter para nada en conta aos primeiros afectados.

Esta nova Relación de Postos de Traballo está ateigada de irregularidades e discriminacións e os traballadores somos os primeiros interesados en que isto non siga adiante, por iso, se estás interesado/a en presentar alegacións e queres asesorarte e consultar a documentación aprobada incialmente lembra que esta semana podes achegarte ao Local do Comité de Empresa, situado na Alameda José Veiga Roel (por detrás do Liceo) no seguinte horario:

LUNS 24 DE SETEMBRO: de 17:00 h a 19:00 h
MARTES 25 DE SETEMBRO: de 13:00 h a 15:00 h e de 17:00 h a 19:00 h
MÉRCORES 26 DE SETEMBRO: de 17:00 h a 19:00 h

Temos eleborado un modelo de alegacións que tamén podedes pasar a recoller.

19/09/12

Información sobre as alegacións e consulta de documentación

O prazo de alegacións está aberto durante quince días hábiles dende o pasado venres, a documentación correspondente, o capítulo I dos orzamentos, a Relación de Postos de Traballo e o Plan de Emprego está en exposición pública na Tesouraría municipal do Concello onde os traballadores e traballadoras poderán consultala e os motivos para presentar alegacións son múltiples e animamos a que cada traballador que vexa modificada a súa situación laboral e non fose informado previamente antes da aprobación provisional dos orzamentos, e son moitos, faga as alegacións correspondentes.

Dende a CIG do Concello de Betanzos solicitamos de novo toda a documentación correspondente porque antes de facer as alegacións cómpre comprobar a documentación que foi presentada no Pleno e que esta se corresponde coa que se achegou aos representantes dos traballadores no paripé de Mesa Xeral de Negociación que se lle deu por escenificar ao Concello un día antes do pleno de presentación, que non aprobación, de orzamentos. Agardamos que desta volta o Concello si que achegue a documentación en prazo e senón seguiremos sumando e seguindo para continuar cos pasos oportunos, aínda así varios delegados da CIG achegaranse persoalmente comprobar a documentación exposta publicamente e se esta contén algúns documentos relativos aos salarios do persoal laboral que faltaban na Mesa Xeral de Negociación do 30 de xullo e sobre o que xa se advertiu na devandita Mesa.

Igualmente, e tal e como informabamos, na semana que vén dende a CIG estaremos no Local do Comité de Empresa cun horario especial para que se poidan achegar os traballadores consultar todas as súas dúbidas con respecto á nova Relación de Postos de Traballo e como esta lle afecta a cada posto de traballo e as posibles alegacións que se poden presentar. O horario do Local do Comité de Empresa da semana que vén será o seguinte:

LUNS 24 DE SETEMBRO: de 17:00 h a 19:00 h
MARTES 25 DE SETEMBRO: de 13:00 h a 15:00 h e de 17:00 h a 19:00 h
MÉRCORES 26 DE SETEMBRO: de 17:00 h a 19:00 h

Para alén das alegacións a toda a RPT que a CIG vai presentar é importante que os traballadores afectados se impliquen e fagan as alegacións individuais oportunas e iso témolo claro logo de meses en xuízos onde o Concello defendeu a Relación de Postos de Traballo vixente e as súas irregularidades baseándose en que ninguén, nin os sindicatos con representación daquela nin os propios traballadores afectados polas discriminacións achegaran as súas alegacións no momento oportuno e, por tanto, defendeu a capa e espada a RPT de 2008 como aceptada polos traballadores e traballadoras do Concello.

As alegacións presentadas irán ao Pleno e o certo é que é triste estarmos unha ben máis para a súa resolución en mans dos políticos, e máis aínda cando sabemos que hai partidos políticos como Cidadáns por Betanzos que nos últimos tempos veñen escenificando a súa especial cruzada contra os traballadores municipais, mais logo, por moito que as alegacións fosen rexeitadas nesta primeira instancia sempre se poderá acudir ao xulgado e, como sempre, dende a CIG seguiremos ata as últimas consecuencias, e moito máis con este tema de crucial importancia para os traballadores e traballadoras do Concello de Betanzos, especialmente para o persoal laboral, o grande perxudicado en todo o que teña a ver co tema laboral nesta Administración.