Xusto cando vence un prazo e sen que ningún dos sindicatos nin traballadores que presentaron alegacións tivesen resposta por parte do Concello con respecto a estas o Concello incorpora nun pleno ordinario as alegacións, supoñemos que para restarlle importancia a un tema crucial para os traballadores. O caso é que no pleno ordinario do vindeiro martes, día 30, tratarase o tema das alegacións e supoñemos e agardamos que o Concello sexa cabal e consecuente e non siga para adiante con este atraco á maior parte do persoal laboral deste Concello, por iso dende a CIG asistiremos ao plano e animamos a todos os traballadores que presentaron as súas alegacións e aos interesados a que se acheguen para coñecer de primeira man o que o Concello ten que dicir sobre cada un dos casos e tamén a posición do resto de grupo políticos con respecto á aprobación ou non dunha Relación de Postos de Traballo, que, en todo caso, de ser aprobada, será levada aos tribunais pola Confederación Intersindical Galega.
É importante a asistencia ao Pleno para demostrarlles coa nosa presenza que os traballadores nos mobilizamos, facemos as nosas alegacións e intentamos parar as agresións aos nosos dereitos que nos últimos tempos van en decrecemento continuo grazas ás políticas de destrución do emprego público estatais que contan coa complicidade de concellos como o de Betanzos que se negan a negociar cos traballadores e chegar a acordos que redunden nun mellor funcionamento do Concello que sería beneficioso tanto para o propio goberno polo bo servizo á cidadanía como para os traballadores se todos estivésemos en igualdade de condicións e non vísemos continuamente como dependendo de criterios que semellan arbitrarios mais que no fondo son discriminatorios tes máis ou menos complicacións no teu traballo diario, algo que é totalmente inaceptable nunha Administración pública dun sistema supostamente democrático. Por iso presentamos as nosas alegacións e por ese motivo levarémolas ata as últimas consecuencias no caso de se probar a Relación de Postos de Traballo.
Lembra, vémonos o martes ás 20:30 h na Casa do Concello!
Ningún comentario:
Publicar un comentario