Están a ser distribuídos, varios
modelos de reclamación ou recurso individual contra a
aplicación da nova redución salarial aos empregados
públicos que recollen os artigos 2 e 3 do RDL 20/2012, do 13
de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria.
A Asesoría Xurídica da CIG
desaconsella ás empregadas e empregados públicos a
presentación de reclamacións-tipo, polos seguintes
motivos:
a) A supresión da paga extraordinaria non
responde a unha decisión administrativa, senón que é
consecuencia dunha lei. As administracións, organismos,
entes ou empresas públicas non poden deixar de aplicar unha
lei, polo que esas reclamacións están condenadas ao
fracaso en vía administrativa.
b) A presentación de reclamacións-tipo
pode ter consecuencias negativas. Se a administración
emite unha resolución desestimatoria e esta
non é impugnada xudicialmente,
prodúcese un acto administrativo firme e
consentido, de modo que a persoa reclamante non pode repetir a
reclamación no futuro.
c) A presentación de demandas xudiciais,
nomeadamente en vía contencioso-administrativa, pode acarrexar
a imposición de custas procesuais. Ademais, unha
sentenza desestimatoria produce o efecto de cousa xulgada,
coas mesmas consecuencias, xa explicadas no punto anterior.
En todo caso, as reclamacións non poden
dirixirse contra o real decreto-lei, senón contra os seus
actos de aplicación e, particularmente,
contra a redución en nómina da
paga extraordinaria, que terá lugar no mes de
decembro.
Dado que a supresión da paga extraordinaria
foi acordada mediante Real Decreto-lei, só o
Tribunal Constitucional pode resolver
sobre a súa conformidade a
dereito. Para que este tribunal actue ten que ser algún
dos suxeitos lexitimados -50 deputados, 50 senadores, o defensor do
pobo ou unha comunidade autónoma- quen presente o «recurso
de inconstitucionalidade» (art. 162 CE).
Neste sentido, o pasado día 27 de setembro, o
pleno do Parlamento
de Navarra decidiu recorrer perante o
Tribunal Constitucional a supresión
da paga extraordinaria de decembro
dos empregados públicos, baseándose tanto na
«inidoneidade constitucional» do decreto-lei para
suprimir, a metade de exercicio, un dereito retibutivo básico,
como na posíbel vulneración das competencias forais
sobre función pública.
Se o Tribunal Constitucional estima o recurso de
Navarra, declarando a inconstitucionalidade do decreto-lei, a
sentenza beneficiará a todas as
empregadas e empregados públicos,
salvo a aqueles que, como
consecuencia dunha reclamación
individual, obtiveran unha resolución
desestimatoria firme e consentida en
vía administrativa, ou ben unha
sentenza desestimatoria con efectos de cousa xulgada en vía
xudicial.
A CIG apoia todas as
accións reivindicativas que se utilicen para
mostrar o rexeitamento das empregadas e empregados públicos a
un conxunto de medidas que constitúen un ataque sen precedente
aos nosos dereitos individuais e colectivos. Non obstante, fai un
chamamento á cautela para evitar
resolucións desfavorábeis que poidan prexudicar as
propias persoas interesadas.
(O Parlamento de Navarra aproba presentar recurso
de inconstitucionalidade contra a supresión da paga extra de
Nadal, co voto favorable de SN, Nabai, Bildu e I-E, a abstención
de UPN e o voto en contra do PPN.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario