A ministra de Emprego, Fátima Báñez,
vén de anunciar a aprobación por parte do Consello de Ministros do Real
Decreto de despedimentos colectivos, que será de aplicación a todo o persoal laboral das Administracións Públicas (non só ao persoal laboral temporal, senón tamén ao persoal fixo por oposición).
Malia que o texto definitivo do Real decreto non se coñecerá até a súa publicación no BOE, segundo o rascuño ao que tivo acceso a CIG en xullo
abondaría para aprobar o despido colectivo nun determinado organismo
ou departamento, por causas económicas, a insuficiencia orzamentaria
sobrevida e persistente, entendida como a diminución dun 10% do
orzamento dun organismo respecto do exercicio anterior; mentres que,
para aprobar o despido colectivo por causas organizativas, abondaría con
xustificar que a externalización do servizo producise unha redución de
custos.
Na práctica, isto permítelle ao Partido Popular, tanto no Goberno da Xunta como a nivel do Estado, producir por razóns políticas as causas que habiliten o despedimento de persoal laboral.
No
rascuño ao que tivo acceso a CIG, por outra banda nin sequera se
garante a preferencia de permanencia do persoal laboral fixo, que será
meramente potestativa para o organismo que aprobe o despedimento
colectivo no caso do persoal laboral que superase un proceso selectivo.
Dada a gravidade extrema desta medida, que constitúe ademais un claro referente para unha hipotética reforma do Estatuto básico do empregado públicoque remate coa garantía de emprego do persoal funcionario,
a CIG-Autonómica anuncia que adoptará todas as medidas posibles a
nivel xudicial contra este real decreto e chama a todos os traballadores
e traballadoras da Xunta a secundar todas as accións en contra das
políticas do Partido Popular e da Troika, que esixen unha mobilización
contundente na vindeira folga xeral convocada para o 14 de novembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario