28/10/12

Dende o 11 de outubro o Comité agarda a que o concelleiro de Persoal o reciba

Logo de dúas semanas agardando o Comité de Empresa ser recibido polo Concello de Betanzos e logo de mesmo o Concello lle ter respondido por escrito que a reunión sería hoxe, venres 26 de outubro, finalmente o Concello despreza unha vez máis aos representantes do persoal laboral ao aprazar para o vindeiro mércores a reunión.

Dende a CIG consideramos totalmente vergoñento que o Concello non sexa quen de recibir aos propios traballadores e máis cando sabemos aínda que mesmo falou con representantes do funcionariado. A deixación de funcións chega tal punto que o Comité leva meses sen recibir información que o Concello lle debe entregar como a relativa ás horas extras e as gratificacións e o Concello non se digna a responder a absolutamente ningún dos escritos do Comité de Empresa. Consideramos esta actitude unha falta de respecto absoluta de cara aos representantes dos traballadores, en concreto, do persoal laboral, e moito máis aínda ao sabermos que cos representantes do funcionariado si que falan. Estas actitudes antidemocráticas lembran reminiscencias de épocas anteriores e demostran o pouco respecto que os representantes políticos do goberno lle teñen aos representantes dos traballadores escollidos democraticamente.

Esta fuxida cara adiante e evasión dos problemas do persoal non fai máis que agravar a situación deste Concello día e día e botar terra por riba das promesas do goberno de que eran os primeiros interesados en amañar a situación para o bo funcionamento do Concello, e o que é peor, demostran a pouca capacidade de traballo dun goberno que se non ten tempo para recibir aos propios traballadores que son os que día a día fan que este Concello funcione, supoñemos que dificilmente serán quen de amañar problemas doutra índole. Resulta gravísimo que oculten información que debería ser pública e que non sexan quen de escoitar aos traballadores para poder buscar solucións a pequenos problemas que en moitos casos xorden no decorrer das xornadas laborais.

Dende o Comité de Empresa simplemente se acordou, por iniciativa da CIG, solicitar a reunión para pedir información con respecto a algúns temas que lle afectan a todo o persoal laboral mais tamén a distintos traballadores en particular, a día de hoxe non tivemos ao igual que ningún traballador resposta con respecto ás alegacións presentadas (case un mes despois!) e consideramos que o mínimo sería responderlle aos propios interesados e nos desprezalos de tal xeito que para saber algo teñan que ir ao pleno do martes. A maiores o Comité non ten resposta ningunha con respecto á solicitude de información sobre os últimos contratos realizados polo Concello que nos fan temer que haxa traballadores aos que si que lles manteñen a paga a pesar de non estar dentro do baremo que marca o Decreto 20/2012. Resulta tamén especialmente preocupante a situación do servizo de limpeza onde non se cubre absolutamente ningunha baixa e simplemente se aumenta a carga de traballo entre as traballadoras restantes, a maiores das múltiples discriminacións de trato entre as propias traballadoras do mesmo sector ou que as compañeiras da Escola infantil Municipal sexan discriminadas de xeito evidente ao levar anos (!) sen recibir nova roupa de traballo cando o resto de traballadores que teñen uniforme adoitan dispor deles, con maior ou menor celeridade, mais en ningún caso durante tanto tempo, e o Concello ten a completa desvergoña de incumplir o Convenio colectivo só cun sector e de que estas traballadoras teñan que estar remendando nos uniformes de traballo e o Concello facendo, de novo, distincións entre traballadores de primeira, segunda e terceira clase.

Hai moitos temas pendentes e o propio Concello debería ser o que convocase aos representantes do persoal mais aquí, pola contra, solicítanse reunións e aprázanse por falta de tempo de recibir aos representantes do persoal laboral mentres que calquera outro que entra pola porta parece que é ben recibido. Dende logo, non entendemos a que se debe esta actitude por parte do Concello cando logo de todo o coflito acontecido ao pagarlle as axudas sociais aos funcionarios antes que aos laborais o propio alcade reunido co concelleiro de persoal e a representación do Comité de Empresa dixo que había que abrir unha vía de diálogo e que ese sería o camiño que seguirían, visto o visto meses despois mentiron unha vez máis, a diferenza agora é que por moito que mintan xa non enganan a ninguén.

Ningún comentario:

Publicar un comentario