O Goberno de Mariano Rajoy mantén a conxelación salarial para os empregados/as públicos e a taxa de reposición no 0%
Na tarde do pasado mércores tivo lugar a Mesa Xeral de Administracións Públicas co único punto na orde do día da presentación do capítulo dedicado a persoal dos Orzamentos Xerais do Estado para 2013, que aborda as retribucións e condicións laborais do persoal ao servizo das administracións públicas. Un ano máis, a Área Pública ten que manifestar o seu absoluto rexeitamento ao contido duns orzamentos que reinciden na conxelación salarial e no mantemento da taxa de reposición do 0%, afondando deste xeito no deterioro e desmantelamento dos servizos públicos.
A convocatoria, da Mesa, como vén sendo habitual foi remitida aos sindicatos sen documentación previa para poder analizar en profundidade o contido deste capitulo dos Orzamentos e valorar en toda a súa extensión o impacto que terán tanto nas condicións salariais e laborais do persoal como no propio funcionamento e mantemento dos servizos públicos. Este método impositivo e escurantista, denuncia a Secretaria de CIG-Administración Pública, Maricarme López Santamariña, imposibilita presentar alternativas nin negociar ningúns dos aspectos tratados. “Trátase dun trámite máis que o Goberno ten que cumprir porque así lle obriga a lei”, asevera.
Segundo os datos presentados, o persoal das administracións recuperarán a paga extraordinaria de nadal para o vindeiro 2013. Porén, o Goberno do PP mantén a conxelación salarial, sen dar posibilidade á actualización da perda do poder adquisitivo acumulada dende 2009. Neste senso, a Área Pública da CIG lembra que tan só neste ano, os empregados e empregadas públicas perderon case o 10% da súa capacidade adquisitiva (por mor da supresión da paga extraordinaria de nadal, que supón unha baixada do 7%, unida á suba do IPC, situado a remate de agosto no 2,7%).
Así mesmo, mantense a prohibición de facer achegas a fondos ou plans de pensión ou previsión.
Respecto da taxa de reposición, esta mantense nun 0% para todo o sector público, agás en determinados sectores básicos, como Educación e Sanidade, onde será de até un 10%, ao igual que para os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Forzas Armadas e corpos de loita contra a fraude fiscal. Non obstante, segundo se informou na Mesa, non se producirán contratacións de persoal eventual ou interinos/as, excepto naqueles casos inaprazábeis en sectores prioritarios ou que afecten a servizos públicos esenciais, mais coa autorización previa correspondente.
Dende a Área Pública reiteraron a advertencia das graves consecuencias que esta decisión está tendo para os servizos públicos e para o seu mantemento, provocando o colapso da administración e dos servizos públicos, que xa están comenzando a verse incapaces de atender ás demandas dos cidadáns e cidadás por falta de persoal.
A CIG, como denunciou en múltiples ocasións, advirte que tras desta medida agóchase a decisión do PP de ir “adelgazando a administración”, que non é outra cousa que “abocar ao peche a certos servizos públicos porque non será posíbel atendelos e favorecer a privatizacións dos que sexan máis rendíbeis”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario