A Confederación
Intersindical Galega vén de presentar un recurso á aprobación
definitiva do orzamento publicada a finais de novembro no Boletín
Oficial da Provincia. Logo das alegacións presentadas incialmente ao
orzamento que se baseaban no incumprimento de negociación do
capítulo I dos orzamentos por parte do Concello a CIG presentou un
recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de
Xustiza de Galiza.
As alegacións do recurso
da CIG recollen, entre outros puntos, a aprobación sen previa
negociación do capítulo correspondente ao persoal nos orzamentos
incumprindo o que se recolle no Estatuto Básico do Empregado
Público, segundo o cal o capítulo I é de obrigada negociación na
Mesa Xeral de Negociación. A maiores, outra das alegacións baséase
na inexistencia na partida de persoal do crédito necesario para
pagar as retribucións do persoal do GRUMIR readmitido, que a día de
hoxe xa ascende a seis traballadores readmitidos aos que o Concello
lles adebeda todos os salarios de tramitación atrasados do ano 2012.
Algunhas
outras das alegacións van contra as bases de execución do propio
orzamento que pretende seguir discriminando ao persoal laboral fronte
ao funcionariado no desenvolvemento temporal doutros postos de
traballo e as normas relativas ao persoal que afondan nas históricas
discriminacións de retribucións entre persoal laboral e
funcionariado existentes no Concello de Betanzos.
É preciso lembrar que o Concello pretendía aprobar unha nova Relación de Postos de Traballo e un Plan de Emprego sen sequera ter informado a moitos dos traballadores e traballadoras afectadas e que isto motivou que se presentasen máis de sesenta alegacións ao orzamento e á Relación de Postos de Traballo que paralizaron a aprobación da nova RPT a pesar de que o orzamento si que se aprobou vinculado a unha moción de confianza ao goberno municipal. Isto non exime ao Concello de non ter negociado cos traballadores a partida de persoal e motivou que a CIG anunciase o recurso contra o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario