24/01/13

A CIG rexistra as súas propostas con relación ao II Plan de Igualdade do Concello de Betanzos

A sección sindical da CIG tomou a determinación de comezar a traballar nas propostas que en materia de igualdade se ve na obriga de lle trasladar ao Concello logo de observar a inoperancia do Plan de Igualdade en materia laboral no propio Concello e as consecuencias que esta provocou en determinados casos.Debido a isto adoptouse o acordo de facerlle chegar por rexistro as consideracións en relación ao II Plan de Igualdade de Oportunidades no Concello que Betanzos que vos trasladamos a continuación:


Tendo en conta que un plan de igualdade é un acordo estratéxico que vincula a toda a corporación municipal e a toda a cidadanía, consideramos que os pasos dados polo grupo de goberno para a súa negociación foron inexistentes, xa que este documento debería ser froito da participación de todos os entes sociais, a través da convocatoria de distintas reunións co persoal do concello, unha representación do movemento asociativo de Betanzos (centro de saúde, asociacións deportivas, asociacións culturais, entidades recreativas, etc) .

Neste senso, debería indicarse se o compromiso político para levalo a cabo foi aprobado en comisión ou en pleno, dado que debe gozar do consenso do conxunto dos axentes implicados.

Tamén sería necesaria unha breve reflexión ao respecto das áreas nas que se incidiu máis á vista dos resultados avaliados no I Plan, dados que non aparecen reflectidos en ningunha parte. De feito, previamente ás accións debería aparecer a xustificación da necesidade da elaboración do segundo plan, indicando o grao de cumplimento e efectividade das accións contempladas no plan anterior.

Discrepamos coa lexislación que se nomea no marco autonómico como normativa de referencia en materia de igualdade. É evidente que esta normativa existe, e está aprobada, mais cómpre indicar que non só non contou co respaldo do movemento feminista, senón que foron mesmo cuestionados por organismos autónomos tales como o Consello Económico e Social de Galicia ditaminando informes contrarios á norma, definíndoa como normativas ultraconservadoras contrarias aos dereitos das mulleres, como é o caso da Lei de apoio á familia e a convivencia, e no caso de normativas antiabortistas, cun marcado carácter ultrarelixioso como son a Lei de apoio á muller embarazada. Mesmo indícase como marco lexislativo a eliminación do Servizo Galego de Igualdade como organismo autónomo, co retroceso que esta iniciativa supuxo en materia de igualdade de oportunidades.

Os obxectivos son moi xenéricos. Non se achegan accións concretas, nin mecanismos de seguimento e avaliación, temporización destas, vinculación cos departamentos responsables, nin orzamentos destinados para a súa posta en marcha.

Por outra banda, asúmense compromisos no plan, como é o caso da actuación 1.4.6, dirixida a informar periodicamente ao persoal municipal das novidades en materia de dereitos laborais e facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, que reiteradamente se incumpren (denegación de permisos relacionados coa conciliación, arbitrariedade na concesión, etc.).

Neste sentido, é preciso indicar que o plan debería conter medidas específicas dirixidas a acadar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no propio cadro de persoal do Concello, tanto no que atinxe ao persoal laboral como ao funcionario, cuestións estas que nin se abordan no texto, nin foron propostas a representación sindical durante a redacción do plan, a pesar de indicar que o II Plan vai dirixido ao persoal municipal.

Por outra banda, consideramos que non pode existir transversalidade cando a responsabilidade de coordinar e impulsar o plan de igualdade correspóndelle ao departamento de servizos sociais. Se verdadeiramente hai un compromiso de toda a corporación, entón debería nomearse unha persoa responsábel en cada unha das áreas.

E por último, en caso de que o grupo de goberno teña en consideración o conxunto destas eivas, e, por tanto, reinicie o proceso de elaboración do plan, asumindo de xeito colectivo o compromiso político en materia de igualdade (a asunción da transversalidade), debatendo co persoal as medidas a implantar, e recollendo as aportacións do movemento asociativo, social, cultural e sindical do Concello de Betanzos, será preciso, por tanto, convocar un comité de seguimento que, á vista do resultado da avaliación do primeiro plan, faga propostas para este segundo e quede emprazado para participar no intercambio de información para a mellor concreción das accións recollidas nel. O comité de seguimento deberá estar integrado por unha representación política, técnica e do tecido asociativo, alén da representación sindical, debendo estabelecerse unha periodicidade das súas reunións.

A maiores enviáronse as principais propostas á caixa de correo da igualdade que o Concello habilitou, unha vez aprobado o Plan para recibir suxestións do II Plan de Igualdade e que agardamos que se difundan, tal e como se indica no artigo 1.3.2 do propio texto. Igualmente, tal e como lle propoñemos ao Concello debe ter en conta ao propio persoal para a posta en marcha de medidas en materia de igualdade e comezar a aplicar dentro da propia Administración o que se predica de portas para fóra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario