A CIG vén de presentar por rexistro unha serie de achegas ás bases dos procesos selectivos para a cobertura dos postos de psicólogo/a e auxiliar administrativo/a de Servizos Sociais que se publicaron este mes no BOP. Unha vez máis, consideramos que as bases non se axustan na súa totalidade á lexislación en materia de provisión de postos da Administración pública e así llo fixemos saber ao goberno municipal de cara a que corrixa os devanditos puntos nesta convocatoria.
Si que consideramos que cómpre destacar, que por primeira vez en case catro anos o Concello incluíu en ambas as bases o seguinte:
"As retribucións, así como as condicións laborais axustaranse ao establecido no convenio colectivo deste Concello e demais lexislación de aplicación".
Que é algo que a CIG leva reclamando tanto como Sección sindical, como a través do Comité de Empresa, desde que chegou a este Concello, que todo o persoal laboral independentemente do seu tipo de contrato teña os mesmos dereitos ao abeiro do convenio colectivo en vigor. O certo é que a pesar de rexistrarmos tantas solicitudes e comunicacións ás que o Concello non responde, isto non fai máis que darnos folgos para continuar a facelo, porque entendemos que, polo menos, le o que lle trasladamos, e, de cando en vez, cae na conta de que hai cousas que se veñen facendo dun xeito por costume mais que non respondían a ningunha lóxica e afondaban nas discriminacións e máis desde que a lexislación laboral indica que o persoal non pode ser discriminado en función do seu tipo de contrato.
Ningún comentario:
Publicar un comentario