11/03/15

Igualdade de condicións nas Mesas de negociación

Cando o Concello se nega a entregar documentación a un dos sindicatos que forman parte da Mesa Xeral de Negociación dá a entender que hai algo que ocultar. Isto é o que lle pasa á CIG coas gratificacións do persoal funcionario deste Concello que foron solicitadas hai máis dun mes e sobre as que o Concello deu a calada por resposta. Esta documentación é especialmente importante tendo en conta que a partida de horas extraordinarias se acaba cada ano antes (polo menos para os laborais) e é común para laborais e funcionarios.

Desde a CIG descoñecemos se no momento que se deixaron de pagar horas extraordinarias no ano 2014 (agosto) o goberno municipal deixou de facer o mesmo coas dos funcionarios, xa que nunca ouvimos en ningunha Mesa Xeral de Funcionarios ningunha crítica con respecto aos esgotamento desta partida e ás queixas deste colectivo por este motivo, o que como comprenderedes dá lugar a dúbidas sobre o que en realidade acontece con esta partida orzamentaria compartida por laborais e funcionarios. Se a isto lle sumamos que os salarios son ben diferentes e que as horas extras ou gratificacións se cobran en base a criterios económicos diferentes parece un pouco absurdo que haxa unha partida común, que se nos negue a información de en que se gasta unha parte desa partida e que saian os cartos dela con diferentes criterios e non con un común.

O sindicato con maior representación en funcionarios amosou sempre, desde o inicio da negociación, un interese especial en que non constase no acordo regulador que o funcionariado ten o límite de 80 horas extras anuais. Na última Mesa Xeral de Negociación, en connivencia co goberno municipal, acordaron suprimir esta referencia en contra do que defenderon os outros tres sindicatos, CIG, CCOO e UGT. A CIG defende que a Administración contrate persoal e que o persoal faga a súa xornada laboral normal e que os traballos extraordinarios non formen parte do habitual na Administración, do contrario non se podería defender unha xornada semanal de menos horas, é unha incongruencia total que defenden sindicatos como o CSIF. É dicir, se defendes que se rebaixe a xornada de traballo como se vai defender, por outra parte, que se amplíe o número de horas extraordinarias que permite a lexislación vixente? O que ten que facer a Administración é contratar ao persoal necesario para que non se realicen horas extraordinarias máis que en casos de forza maior.

A negativa do goberno local a entregarlle a documentación das horas extraordinarias do funcionariado á CIG provoca non todos os sindicatos esteamos en igualdade de condicións na Mesa Xeral de Funcionarios, porque non temos a mesma información, e se o que pretenden con este novo acordo é que o funcionariado non teña límite de horas extraordinarias, o problema da partida orzamentaria de horas extraordinarias podería aínda agravarse nos vindeiros anos no caso de que esta siga sendo común, o que é preocupante especialmente de cara ao persoal laboral que forma parte de servizos que se ven obrigados puntualmente a facer horas extraordinarias por causa de forza maior en situacións de desperfectos. Polo visto, o goberno socialista e obreiro, neste caso, está de acordo co CSIF, en que a eliminación explícita do acordo dun número máximo de horas extraordinarias para o persoal funcionario vai supor a solución dalgún problema neste Concello, nós, consideramos, pola contra, que esta decisión non fará máis que agrandar as diferenzas entre funcionarios e laborais e agravará os problemas de persoal deste Concello que para nada se van solucionar cun aumento das horas extraordinarias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario