Amosando publicacións coa etiqueta acordo regulador funcionarios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta acordo regulador funcionarios. Amosar todas as publicacións

25/03/15

A postura da CIG na sinatura do Acordo do persoal funcionario

O pasado luns tivo lugar a última Mesa Xeral de Funcionarios con respecto ao Acordo regulador do funcionariado. Finalmente este acordo foi asinado en solitario polo CSIF, logo do voto en contra de CCOO e a abstención de CIG e UGT.

Nun principio, e xa que a CIG non conta con representación entre o funcionariado, a nosa postura sempre foi defender a igualdade de dereitos entre laborais e funcionarios, labor que entendemos que se puido facer mellor ao estar presentes en ambas as negociacións. Non obstante, se algo tiñamos claro é quen debía chegar a un acordo eran os sindicatos con representación en funcionarios, CSIF e CCOO, que a diferenza do Comité de Empresa, no caso de funcionarios quen asina o acordo son os sindicatos. Se a isto lle sumamos que ao non ter representación o goberno néganos pola vía da non resposta documentación relativa ás cuestións que lle afectan ao funcionariado, obviamente a nosa posición non está en igualdade que os sindicatos que os representan, o que dificulta a toma de decisións con respecto a determinados temas que a algún dos sindicatos que os representan lle interesan dun xeito desmedido, como é o tema das horas extraordinarias e a teima do CSIF en que os funcionarios poidan facer máis que os laborais.

A CIG, pois, entendeu que quen debía achegar propostas eran os sindicatos que representan aos compañeiros funcionarios por teren un coñecemento directo da súa problemática e tamén consideramos que se CCOO E CSIF chegaban a acordo e os funcionarios decidían en asemblea que querían que se asinase ese novo texto pola nosa parte non habería ningún problema en facelo. Non obstante, o tempo foi pasando, e o que era a promesa inicial do goberno, a solución dalgúns dos problemas históricos de discriminación salarial que tamén algúns compañeiros funcionarios padecen, a través dunha nova Relación de Postos de Traballo, ficou no esquecemento e deu paso á mera negociación dun marco normativo que para este colectivo xa é indubidable (non é así no caso laboral onde ten habido moitas diverxencias na interpretación da lexislación para laborais) que finalmente só convenceu ao CSIF.

Por parte da CIG, decidimos finalmente absternos  a asinar un novo acordo para funcionarios co goberno municipal por dous motivos principais:

1. Entendemos que o goberno municipal deixou tirado ao colectivo de funcionarios ao non cumprir a promesa inicial de nova RPT e nin sequera elaborar un organigrama, que realmente foi o motivo inicial para o que a empresa Galivalia fora contratada e que non se cumpriu. Ademais, inicialmente mesmo se falaba dunha contía económica para amañar discriminacións salarias en ambos os colectivos (laborais e funcionarios) que finalmente foi destinada só para laborais, colectivo que efectivamente é o máis discriminado salarialmente neste Concello mais que non quita que o goberno adquirise un compromiso inicial con ambos colectivos que finalmente só cumpriu de xeito parcial.

2. Segundo nos informaron varios compañeiros, o acordo de funcionarios non foi sometido a votación na súa correspondente asemblea e a CIG sempre defendeu que son os traballadores e traballadoras os que deben decidir se os seus representantes asinan acordo ou convenio, por tanto entendimos que non podiamos asinar un acordo que non contaba co beneprácito do conxunto de funcionarios que asistiron á asemblea. No caso de laborais, aínda que si que se votou, tamén os delegados da UGT decidiron non respectar a vontade da asemblea de traballadores na Comisión Negociadora, así que tampouco nos estrañan xa nada os sindicatos que van por libre do persoal ao que representan e non teñen en conta a súa opinión para as decisións que lles afectan.

11/03/15

Igualdade de condicións nas Mesas de negociación

Cando o Concello se nega a entregar documentación a un dos sindicatos que forman parte da Mesa Xeral de Negociación dá a entender que hai algo que ocultar. Isto é o que lle pasa á CIG coas gratificacións do persoal funcionario deste Concello que foron solicitadas hai máis dun mes e sobre as que o Concello deu a calada por resposta. Esta documentación é especialmente importante tendo en conta que a partida de horas extraordinarias se acaba cada ano antes (polo menos para os laborais) e é común para laborais e funcionarios.

Desde a CIG descoñecemos se no momento que se deixaron de pagar horas extraordinarias no ano 2014 (agosto) o goberno municipal deixou de facer o mesmo coas dos funcionarios, xa que nunca ouvimos en ningunha Mesa Xeral de Funcionarios ningunha crítica con respecto aos esgotamento desta partida e ás queixas deste colectivo por este motivo, o que como comprenderedes dá lugar a dúbidas sobre o que en realidade acontece con esta partida orzamentaria compartida por laborais e funcionarios. Se a isto lle sumamos que os salarios son ben diferentes e que as horas extras ou gratificacións se cobran en base a criterios económicos diferentes parece un pouco absurdo que haxa unha partida común, que se nos negue a información de en que se gasta unha parte desa partida e que saian os cartos dela con diferentes criterios e non con un común.

O sindicato con maior representación en funcionarios amosou sempre, desde o inicio da negociación, un interese especial en que non constase no acordo regulador que o funcionariado ten o límite de 80 horas extras anuais. Na última Mesa Xeral de Negociación, en connivencia co goberno municipal, acordaron suprimir esta referencia en contra do que defenderon os outros tres sindicatos, CIG, CCOO e UGT. A CIG defende que a Administración contrate persoal e que o persoal faga a súa xornada laboral normal e que os traballos extraordinarios non formen parte do habitual na Administración, do contrario non se podería defender unha xornada semanal de menos horas, é unha incongruencia total que defenden sindicatos como o CSIF. É dicir, se defendes que se rebaixe a xornada de traballo como se vai defender, por outra parte, que se amplíe o número de horas extraordinarias que permite a lexislación vixente? O que ten que facer a Administración é contratar ao persoal necesario para que non se realicen horas extraordinarias máis que en casos de forza maior.

A negativa do goberno local a entregarlle a documentación das horas extraordinarias do funcionariado á CIG provoca non todos os sindicatos esteamos en igualdade de condicións na Mesa Xeral de Funcionarios, porque non temos a mesma información, e se o que pretenden con este novo acordo é que o funcionariado non teña límite de horas extraordinarias, o problema da partida orzamentaria de horas extraordinarias podería aínda agravarse nos vindeiros anos no caso de que esta siga sendo común, o que é preocupante especialmente de cara ao persoal laboral que forma parte de servizos que se ven obrigados puntualmente a facer horas extraordinarias por causa de forza maior en situacións de desperfectos. Polo visto, o goberno socialista e obreiro, neste caso, está de acordo co CSIF, en que a eliminación explícita do acordo dun número máximo de horas extraordinarias para o persoal funcionario vai supor a solución dalgún problema neste Concello, nós, consideramos, pola contra, que esta decisión non fará máis que agrandar as diferenzas entre funcionarios e laborais e agravará os problemas de persoal deste Concello que para nada se van solucionar cun aumento das horas extraordinarias.

15/12/14

Solicitude de información sobre as gratificacións e produtividades do persoal funcionario

A Sección sindical da CIG vén de solicitar a información correspondente ás gratificacións e produtividades do persoal funcionario logo de saber que a partida orzamentaria para laborais e funcionarios é única e común e conta con 40 000 euros segundo nos informou o concelleiro de Persoal. Na práctica isto supón que ao igual que as axudas sociais, as partidas que interesan compártense entre os dous tipos de persoal mais os salarios, como non interesa, son desiguais.

A maiores, como é sabido, entre o propio persoal laboral hai discriminacións no cobro ou non das horas extras que até o momento en ningunha ocasión foron xustificadas documentalmente o que nos fai sospeitar que poderían deberse a criterios arbitrarios e persoais. Se a isto lle sumamos que as últimas horas extras pagadas ao persoal laboral no ano 2014 correspóndense coas do mes de agosto que foron cobradas no mes de setembro, sobra dicir que é necesario dispoñer da información do reparto de toda a partida toda vez que cada ano se esgota antes e que unha partida para doce meses en 2014 só chegou para oito.

Con respecto a este tema hai un problema e grave, que o propio Comité de Empresa leva anos tentando explicar ao goberno municipal porque, cando menos ao persoal laboral, estánselle pagando como extraordinarios traballos que non o son e que deberían formar parte das retribucións mensuais da nómina, só que o Concello neste tema xoga a baza de que o persoal segue a realizar ese traballo a pesar de saber que non vai cobrar até dentro de varios meses e que cada ano tarda máis en cobrar o traballo realizado nos últimos meses do ano.

Como levamos tempo dicindo a solución para o persoal ao que o Concello non lle paga as horas ben porque non hai cartos ben porque non lle apetece é doada, que non se fagan as horas extras, cando haxa determinados traballos que se paralicen o Concello será quen de buscar unha solución e o amañará porque lle convén, agora, mentres o persoal siga a realizar o traballo coa promesa de cobrar a saber cando o problema vai ter máis difícil solución, basicamente porque o Concello o que quere é que se realicen os traballos e cando cobre a xente non debe ser algo que lle interese moito, do contrario teríalle buscado unha solución hai anos a este conflito.

Canto á propia partida orzamentaria e á solicitude de información vén dada porque o cálculo do importe das horas extraordinarias do persoal laboral chega para pouco máis da metade desa partida orzamentaria cando o persoal laboral dobra o número do persoal funcionario, e o dereito á información neste caso é ineludible toda vez que desde as horas de agosto o persoal non cobra as extraordinarias e descoñecemos se o funcionariado si, para saber isto debemos agardar a información do Concello. 

A maiores e tendo en conta que temos coñecemento que entre o persoal funcionario tamén se producen discriminacións á hora de cobrar as horas ou compensalas, na medida en que hai sectores a que o Concello se nega a pagar determinados traballos extraordinarios realizados fóra da xornada laboral, o goberno municipal debería aclarar cales son os criterios de cobro ou compensación á vista das gratificacións pagadas neste ano 2014 e que suporían unha suma considerable da partida orzamentaria total destinada a esta finalidade

Solicitude Información Gratificacións e Produtividades

04/12/14

O Regulamento esquecido... intencionadamente?

Na reunión do pasado mes do Comité de Empresa a CIG propuxo continuar instando ao goberno municipal a que negocie un novo Regulamento de Axudas Sociais, basicamente porque durante máis de dous anos o concelleiro de Persoal e mesmo nunha reunión o propio alcalde admitiron que non habería problema por aplicar uns criterios sociais que resultasen máis xustos no reparto das axudas, durante estes anos, a pesar de amosar esa actitude non foron quen de convocar por este tema nin unha soa vez a Mesa Xeral de Negociación, de aí que decidísemos volver a insistir para que o goberno municipal demostre dunha vez que de verdade lle interesa este tema ou que lle mentiu dun xeito descarado e unha vez máis aos representantes dos traballadores, de aí que o Comité lle comunicase por rexistro o seguinte:

Este Comité de Empresa amosou en múltiples ocasións a súa vontade negociadora para iniciar o proceso de cara a poder dotar ao persoal laboral deste Concello dunhas bases de axudas sociais cun reparto máis xusto e que se baseen en criterios verdadeiramente sociais, máis aínda tendo en conta os anos de recortes salariais que levamos anos padecendo os empregados públicos, primeiro coa baixada do 5% e logo coa supresión da paga extraordinaria do ano 2012 e máis aínda a situación salarial da maior parte do persoal laboral deste Concello con retribucións inferiores ás do funcionariado con similar categoría e posto mais, contrariamente, cun reparto igualitario deste tipo de axudas, que fan máis necesarias ca nunca este tipo de axudas. Por todo isto queremos solicitarlle ao goberno municipal que inicie as negociacións dun novo regulamento de axudas sociais de cara a poder aplicalo con plenos efectos para o ano 2015.

Regulamento de Axudas Sociais

19/03/14

Mesa Xeral de Funcionarios, 18 de marzo de 2014

A CIG, como sindicato, e a partir deste momento, tomará parte nas Mesas Xerais de Funcionarios, a estas asistirán a representante da CIG no Concello e Betanzos, Silvia Muíño, e o noso asesor de CIG-Administración local, Roberto Tizón. A Mesa Xeral de Funcionarios é o organismo que negocia o Acordo Regulador de Funcionarios/as toda vez que os funcionarios non teñen Comité de Empresa e que son os sindicatos os que directamente negocian coa Administración.

Cómpre sinalar, que, por primeira vez, parece que existe coherencia, entre o defendido na reunión con laborais e con funcionarios, aínda que hai varios puntos que é importante destacar do comentado polo asesor da empresa.
Tal e como se comentou na Comisión Negociadora do Convenio de laborais o que está acordado, que no caso de funcionarios pouco era, mantéñeno e a partir de aí achegaranlle aos sindicatos unha nova proposta de texto elaborada pola empresa na semana que vén.

Á vez que se levan a cabo estas negociacións o Concello traballará nun novo organigrama administrativo e tentará facer unha valoración de postos de funcionarios/as aínda que o esforzo de equiparación salarial será no persoal laboral, algo que consideramos totalmente lóxico tendo en conta non só as diferenzas, senón o volume de persoal contratado nesta Administración. Aplicarase, en permisos, licenzas e vacacións o principio de norma máis favorable e mesmo fíxose alusión aos días de antigüidade nas vacacións e a unha sentenza que lle recoñece ese dereito a unha compañeira delegada na CIG Autonómica-Ferrol e a posibilidade de recoñecer ese dereito no acordo baixo o principio de norma máis favorable.

Ademais disto, o certo é que o funcionariado, ao contrario que o persoal laboral, non se xoga moito no acordo regulador porque demasiadas cousas veñen impostas por normas superiores de aplicación, supoñemos que os maiores conflitos virán dados pola valoración dos postos de traballo tendo en conta que á vista dos complementos específicos na actualidade, tampouco nos funcionarios, están avaliados de xeito correcto e ás veces fan sospeitar que non se refiren a postos de traballo, senón a persoas, doutro xeito non se poden explicar semellantes diferenzas salarias entre persoal da mesma categoría e nivel.