Amosando publicacións coa etiqueta horas extraordinarias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta horas extraordinarias. Amosar todas as publicacións

15/12/14

Solicitude de información sobre as gratificacións e produtividades do persoal funcionario

A Sección sindical da CIG vén de solicitar a información correspondente ás gratificacións e produtividades do persoal funcionario logo de saber que a partida orzamentaria para laborais e funcionarios é única e común e conta con 40 000 euros segundo nos informou o concelleiro de Persoal. Na práctica isto supón que ao igual que as axudas sociais, as partidas que interesan compártense entre os dous tipos de persoal mais os salarios, como non interesa, son desiguais.

A maiores, como é sabido, entre o propio persoal laboral hai discriminacións no cobro ou non das horas extras que até o momento en ningunha ocasión foron xustificadas documentalmente o que nos fai sospeitar que poderían deberse a criterios arbitrarios e persoais. Se a isto lle sumamos que as últimas horas extras pagadas ao persoal laboral no ano 2014 correspóndense coas do mes de agosto que foron cobradas no mes de setembro, sobra dicir que é necesario dispoñer da información do reparto de toda a partida toda vez que cada ano se esgota antes e que unha partida para doce meses en 2014 só chegou para oito.

Con respecto a este tema hai un problema e grave, que o propio Comité de Empresa leva anos tentando explicar ao goberno municipal porque, cando menos ao persoal laboral, estánselle pagando como extraordinarios traballos que non o son e que deberían formar parte das retribucións mensuais da nómina, só que o Concello neste tema xoga a baza de que o persoal segue a realizar ese traballo a pesar de saber que non vai cobrar até dentro de varios meses e que cada ano tarda máis en cobrar o traballo realizado nos últimos meses do ano.

Como levamos tempo dicindo a solución para o persoal ao que o Concello non lle paga as horas ben porque non hai cartos ben porque non lle apetece é doada, que non se fagan as horas extras, cando haxa determinados traballos que se paralicen o Concello será quen de buscar unha solución e o amañará porque lle convén, agora, mentres o persoal siga a realizar o traballo coa promesa de cobrar a saber cando o problema vai ter máis difícil solución, basicamente porque o Concello o que quere é que se realicen os traballos e cando cobre a xente non debe ser algo que lle interese moito, do contrario teríalle buscado unha solución hai anos a este conflito.

Canto á propia partida orzamentaria e á solicitude de información vén dada porque o cálculo do importe das horas extraordinarias do persoal laboral chega para pouco máis da metade desa partida orzamentaria cando o persoal laboral dobra o número do persoal funcionario, e o dereito á información neste caso é ineludible toda vez que desde as horas de agosto o persoal non cobra as extraordinarias e descoñecemos se o funcionariado si, para saber isto debemos agardar a información do Concello. 

A maiores e tendo en conta que temos coñecemento que entre o persoal funcionario tamén se producen discriminacións á hora de cobrar as horas ou compensalas, na medida en que hai sectores a que o Concello se nega a pagar determinados traballos extraordinarios realizados fóra da xornada laboral, o goberno municipal debería aclarar cales son os criterios de cobro ou compensación á vista das gratificacións pagadas neste ano 2014 e que suporían unha suma considerable da partida orzamentaria total destinada a esta finalidade

Solicitude Información Gratificacións e Produtividades

04/12/14

Información sobre as horas extraordinarias: tarde, mal e arrastro

Que ao Concello de Betanzos lle custa informar aos representantes do persoal e achegar a documentación á que ten dereito non é nada novo, que cada vez neste Concello se fan máis horas extras porque o goberno municipal se nega a cubrir nin un só dos máis de vinte postos libres da Relación de Postos de Traballo tampouco é novo mais o triste é que cada vez é menos novo que se acaba a partida de cartos das horas extraordinarias cando faltan varios meses para acabar o ano, iso si que denota un grave problema. 

É un grave problema porque no momento que se solicita que se fagan horas extras o primeiro é informar de que non hai cartos para pagalas, e é un grave problema porque se pagan como extraordinarios traballos que non o son e cando haxa que facelos efectivamente os departamentos afectados non poderán cobrar por horas que teñen a obriga de facer se se debe a unha situación verdadeiramente extraordinaria, e extraordinarios non son traballos relacionados coa embarcación municipal, coa limpeza viaria, coas festas ou actividades, todo iso non é extraordinario porque é algo previamente programado, por tanto, se hai necesidade en determinados postos de realizar eses traballos iso debe constar en cada un dos postos, nas súas retribucións e características e non tirarse dunha partida orzamentaria para situacións extraordinarias, para que logo, cando estas cheguen non haxa cartos. 

Van dous meses que o Concello non lle entrega ao Comité de Empresa a información correspondente ás horas extraordinarias, por iso hoxe, por iniciativa da CIG rexistrou, unha vez máis, unha solicitude con respecto a isto que vos deixamos abaixo e que na que se lle require ao Concello o seguinte:

 Que o Concello lle entregue ao Comité de Empresa a relación de horas extras correspondente ao mes de outubro e novembro de 2014, tal e como é preceptivo e como o propio asesor xurídico do Concello informou que se debe facer mensualmente.

Que o Concello lle entregue ao Comité de Empresa unha relación co importe das horas extras de todo o persoal laboral do Concello de Betanzos, debido a que as horas extras se cobran segundo o salario e en ningún documento público está reflectida os euros/hora de cada un dos postos de traballo.

Que o Concello especifique os criterios de compensación económica ou en tempo das horas extraordinarias, á vista de que os criterios utilizados poderían ser discriminatorios e hai persoal ao que constantemente se lle denega o cobro a pesar de estar en situación semellante á outro ao que constantemente se lle paga.

Que o Concello de Betanzos deixe de incumprir o acordado no convenio colectivo canto ao cobro de horas extras e cese na discriminación que supón o pagamento de gratificacións a unha parte do persoal e o pagamento de horas extras propiamente a outra parte, o que impide, ademais, vixiar o cumprimento da normativa vixente no relativo ao número máximo de horas extras realizadas anualmente por determinados traballadores.

Que o Concello de Betanzos lle entregue a este Comité de Empresa toda a información mencionada e a necesaria para vixiar o cumprimento da lexislación vixente no relativo á realización de horas extraordinarias do persoal laboral.

Horas Extraordinarias Pendentes

24/03/14

HORAS EXTRAS E PRIVATIZACIÓN A CAMBIO DE NON CONTRATAR PERSOAL NOS SERVIZOS BÁSICOS

Ao longo destes últimos tempos, a CIG leva posto en coñecemento da Administración a delicada situación que padecen na actualidade algúns dos servizos básicos pola negativa do Concello a cubrir as baixas tanto de longa coma de curta duración e que repercute directamente nos propios traballadores do servizo. Desta volta, e ante a mesquindade dun Concello que teima en explotar ao persoal a base de continuos cambios de condicións laborais que o someten a un continuo extrés e que repercute directamente na súa saúde, temos que destacar a solicitude por parte da Administración de que certas traballadoras de limpeza de edificios realicen horas extras para cubrir o traballo das persoas que o Concello necesita e que se nega a contratar. É dicir, primeiro elimínase prazas ao non convocar as vacantes, logo, despídese ao persoal, tal e como vimos nos dous anos anteriores, e agora pídeselle aos poucos traballadores que quedan que repartan as horas extras para poder manter as instalacións do colexio nunha condicións decentes.

A deficiente xestión do servizo de limpeza de edificios levada a cabo polo concelleiro de Persoal, Diego Fernández, coa axuda do propio alcalde instalado na pasividade ante os problemas reais do día a día do persoal, que pretende cun número inferior de efectivos reais que hai uns anos prestar os mesmos servizos como Concello e quedar ben con todo o mundo, lembremos que mesmo ata hai pouco con fundacións privadas, xa foi posta en evidencia en varias ocasións polo propio Comité de Empresa, que lle preguntou polas vías de saída que lle daría a este problema, a resposta non existe, as ganas tampouco e a preocupación pola situación non saben nin o que é. A solución que dan agora ao persoal é pedirlle de favor que realice horas extras para cubrir os servizos, algo moi comprensible vindo dun partido obreiro, é dicir, a redución de postos de traballo súplese coa explotación do persoal que temos. No propio Departamento de limpeza outro grave problema é o de limpeza viaria e a falta de efectivos, que na última década se ten reducido á metade do que era pola negativa a cubrir ás xubilacións da propia Administración, o que supón que estes operarios estanse vendo saturados debida á magnitude do traballo para poder cubrir as necesidades dunha vila que medrou en extensión nos últimos tempos e ante a pasividade dun Concello que teima en non contratar persoal.

A esta situación tan delicada hai que sumarlle o abandono do cemiterio municipal provocado pola negativa do Concello a cubrir as baixas motivadas polas dúas xubilacións do persoal que tiña estes postos na Relación de Postos de Traballo en vigor e a pretensión de amortización das prazas deste servizo por parte do Concello aínda hai escasos meses o intento fracasado de aprobar unha nova RPT. O Concello de Betanzos, á vista dos feitos, non considera básico o servizo do cemiterio mais teima en derivar cara a el a compañeiros que non teñen ese posto de traballo, como aconteceu cun compañeiro do anterior GRUMIR despedido e aínda en espera de sentenza por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que a pesar de ser peón do servizo de emerxencias dedicábase unica e exclusivamente ao atendemento das funcións propias dun cemiterio municipal e que o Concello teima en non desistir da decisión tomada de despedilo hai dous anos, a pesar de acumular xa sete sentenzas por despedimento improcedente. Para colmo, na actualidade o Concello avanza no camiño da privatización e a destrución do emprego público posto que somos coñecedores que no cemiterio municipal non hai un só empregado municipal e moito nos tememos, a pesar de que non teñamos constancia da existencia dun contrato administrativo, que o traballo realizado antes por empregados municipais é agora desempeñado por persoal dunha empresa privada.


Dende a Sección sindical da CIG lamentamos fondamente o camiño de privatización que dende hai varios anos se iniciou neste Concello e que mesmo o ano pasado supuxo a contratación de persoal dunha empresa privada de apoio en festas mentres se negaban a cubrir as baixas de limpeza e da Escola Infantil Municipal, e que a día de hoxe se traduce na privatización parcial do servizo de axuda a domicilio, da xardinaría ou do asesoramento técnico ao concelleiro de Persoal, e cada vez un máis longo etcétera, sendo coñecedores de que os servizos públicos sempre son befenicio para toda a cidadanía, mentres que os privados só para uns poucos. Instamos ao goberno municipal, e ao seu máximo responsable, o alcalde, que ante a delicada situación que están a padecer determinados servizos públicos do Concello de Betanzos, que deixe de aplicar e ampararse nas políticas laborais de destrución de emprego público do PP que tanto critica noutras esferas e que logo teima en aplicar nos seu propio Concello.

11/03/14

Última información

Hai uns días o concelleiro de Persoal tivo unha reunión coa representación do Comité de Empresa para tratar os temas propostos por este, nomeadamente pola CIG, que é o sindicato que sempre está preocupado de obter información sobre as distintas problemáticas do persoal laboral de cara a poder buscar solucións conxuntas co Concello. En resumo, e tendo en conta os temas de interese, a información que o concelleiro de Persoal nos ofreceu sobre algúns dos temas propostos foi a seguinte:

Paga extraordinaria de 2012

O Concello non recorrerá a sentenza e pensa pagar eses 14 días, tal e como debe facer logo da demanda presentada pola CIG no xulgado do social, non obstante, en principio, o pagamento non se realizará este mes porque o trámite administrativo é bastante complexo. Aínda así, dende o Comité instaron ao concelleiro a que este pago se realice canto antes e que se lle comunique aos traballadores a contía que lles corresponde de cara a teren toda a información correspondente para o momento no que o pagamento apareza reflectido na nómina.

Readmisión dunha compañeira cunha sentenza de despedimento improcedente do TSXG

O concelleiro indicou que a intención do Concello era seguir o mesmo trámite que cos compañeiros readmitidos con anterioridade, non obstante non fixou unha data para que isto se producise e, polo que se ve, o Concello ten interese en pagar cada vez máis salarios atrasados, que no caso desta compañeira ascenderían aos de algo máis de dous anos, que foi o momento no que o Concello a despediu de xeito improcedente.

Falta de información

O Comité expresoulle o seu malestar porque, a pesar de mesmo lle ter entregado ao alcalde en persoa, unha listaxe con toda a documentación que o Concello non lle entrega ao Comité de Empresa, meses despois isto non se solucionou. A maiores, varios compañeiros levan meses agardando a que o Concello lles recoñeza a antigüidade e ante a pasividade do Concello están valorando se demandar ao Concello antes que venzan os prazos administrativos, tendo en conta que o silenzo neste caso, logo de máis de cinco meses sen resposta, é negativo, aínda que o concelleiro verbalmente diga que se lles vai responder e ese momento non dea chegado.

Comisión de seguimento do convenio colectivo, o Concello volve ás andadas

Explicóuselle ao Concello polo miúdo que nas últimas contrataciónsestá interpretando de xeito unilateral o Convenio colectivo ao denegarlles o cobro da paga extra completa a varios compañeiros, a pesar de que no propio contrato indique que se rexen polo convenio colectivo e vulnerar este e ademais non convocar o organismo que segundo o propio convenio debe valorar estes casos, que é a Comisión de seguimento do convenio colectivo. É dicir, volvemos ás andadas, agora que parecía que dunha vez por todas o persoal subvencionado tiña os mesmos dereitos que o persoal cunha praza da RPT resulta que o Concello saca unha nova e inxustificable discriminación da manga e decide que os compañeiros e compañeiras que foron contratados nos últimos meses non teñen os mesmos dereitos que o resto do persoal laboral, é dicir, que agora o Concello considera que tamén hai persoal subvencionado de primeira e segunda. Manifestóuselle que isto é claramente disciminatorio e, a maiores, unha clara vulneración do convenio colectivo en vigor.

Roupa de traballo

Canto á roupa de traballo que necesitaban distintos colectivos xusto uns días antes da reunión foi solucionada en varios casos, simplemente están pendentes, en principio, varios compañeiros dos readmitidos e o concelleiro amosou a súa vontade para solucionalo.

A maiores, tratáronse problemas relativos ao servizo de limpeza e a mobilidade inxusta á que están a someter a varias traballadoras de edificios e instóuselle ao Concello a que convocase o organismo pertinente para negociar as modificacións de xornada mais que estaba poñendo moitas trabas na conciliación da vida laboral e familiar dalgunhas traballadoras e que aínda por riba esta lousa sempre caía sobre as mesma. A representación do Comité tamén lle trasladou ao concelleiro que considera, que agás as auxiliares de axuda a domicilio, co resto de traballadores contratados ao abeiro do Plan de Cooperación o Concello podería estar incorrendo en fraude de lei, toda vez que non estaban sendo utilizados para a finalidade que o Concello indica nos documentos ao abeiro dos cales o Concello lle solicitou as subvencións correspondentes á Deputación da Coruña, é dicir, advertiulle que o Concello podería estar incorrendo en erros do pasado que poderían ter consecuencias como xa aconteceu en anos anteriores.

Outro dos puntos fundamentais foi o problema das horas extras que pode ser considerado como unha das continuas asignaturas pendentes. Neste mes de febreiro, o Concello pagou horas correspondentes ao ano 2013 porque xa en outubro dese ano esgotou a partida orzamentaria correspondente, e, de seguir así, advertímoslle que este ano pasará o mesmo, e isto supón graves prexuízos para os traballadores afectados toda vez que estas horas, en primeiro lugar, se cobran a varios meses vista, e en segundo lugar, sempre lle entra na regulación correspondente a un ano no que non as realizaron, é por tanto, é un xeito de enganar a realidade laboral. A maiores, o feito de ter pagado as horas do 2013 co nómina de febreiro de 2014 supuxo que estean pendentes as de xaneiro e febreiro de 2014, é dicir, que isto é un conto de non acabar. Unha vez máis, dende o Comité instóuselle ao concelleiro a que amañen o problema das extras a través de convenio e RPT e que agora ten unha moi boa oportunidade para solucionar problemas históricos.

28/02/14

Horas extraordinarias, eterno problema, sobre o que agora nin se lle dá información ao Comité de Empresa

O problema das horas extras no Concello de Betanzos non é nada novo, en múltiples ocasións temos falado dos problemas que supón o sistema actual non só de compensación cando se realizan, senón que entendemos que o Concello obriga a facer horas extras con traballos que para nada son extraordinarios posto que se repiten mensual e anualmente de xeito reiterado e para nada extraordinario en determinados departamentos do Concello.

A pesar de todo isto, ata novembro do ano 2012 o Concello viña respondendo con carácter máis ou menos puntual ao Comité de Empresa e entregándolle a información correspondente ás horas extraordinarias realizadas polo persoal laboral, mais hoxe mesmo rexistrouse unha nova solicitude con respecto ás horas extraordinarias do mes de febreiro e lembrando que o Concello non respondeu as solicitudes correspondentes aos meses de decembro e xaneiro, a pesar de que temos constancia de que efectivamente se realizaron horas extraordinarias. Nesta solicitude, que podedes ver abaixo, lembrámoslle ao Concello a obriga de entregar esta documentación e máis aínda que temos un informe do asesor xurídico municipal que lle indica ao Concello que así o debería facer.

En todo caso, agardaremos unha semanas e cando o concelleiro de Persoal reciba á representación do Comité preguntaremos polo tema, mais no caso de esta sexa a nova actitude do Concello canto ao tema das horas extras dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos valoraremos a pertinencia de acudir de novo á Inspección de Traballo provincial para poñer no seu coñecemento que o Concello podería estar a incumprir o dereito de informacións aos representantes do traballadores que segundo o artigo 7.7. da LISOS (Lei sobre infraccións e sancións na orde social) e cualificado como infracción grave.


Solicitude información horas extras by cigconcellobetanzos

11/09/13

Temas pendentes na Inspección de Traballo

O mes de setembro comeza con moitos temas pendentes e moito traballo por diante, entre eles estamos pendentes da resposta a varias denuncias realizadas nos pasados meses na Inspección de Traballo. Ata o momento a Inspección respondeu mediante unha notificación á denuncia realizada con respecto a estado dalgunhas instalacións do Centro de Formación Ocupacional, onde insta ao Concello a que “adopte as medidas necesarias para que a utilización do lugar de traballo non orixine riscos para a seguridade e saúde dos traballadores” ademais indícalle que “deberá elaborar proposta de solución e acreditalo ante a Inspección”.

Con respecto a esta denuncia, uns días despois de acudir a Inspección ao centro denunciado o Concello tomou a determinación de cambiar aos traballadores de lugar, mais aínda non se sabe de certo se este será o seu centro definitivo. En todo caso está pendente a visita dos delegados de prevención ás novas instalacións de cara a comprobaren que cumpren a normativa vixente en materia de saúde laboral e asegurárense de que non se volvan repetir episodios como o o derrubamento, e no caso contrario, poñer en coñecemento da Inspección que as medidas tomadas non foron insuficientes no caso de ser así.

A maiores, no mes de agosto os delegados da CIG puxeron en coñecemento da Inspección dous casos máis de posibles irregularidades de cara a que intercedese esta ante a falta de resposta e solución por parte do Concello. Estamos pendentes da resposta no caso dunha posible cesión ilegal de traballadores, tema que mesmo trascendeu e chegou a se tratar no pleno, e mais unha outra denuncia efectuada con respecto á información das horas extras que non se lle facilita ao Comité de Empresa con carácter puntual nin exhaustivo, o que dificulta o traballo de velar polo cumprimento da normativa vixente en materia de realización de horas extraordinarias.


A maiores e á vista dos datos de que se dispón o Concello está a obrigar a realizar máis horas das permitidas legalmente nalgúns departamentos e collelas en tempo libre para que non conste a realización das devanditas horas na documentación que se lle achega ao Comité, obrigando a algúns traballadores a realizar continuos cambios de xornadas, mentres que para outros non hai reparo en pagalas, volvendo a incorrer nas discriminacións existentes entre traballadores que ás veces o certo é que xa semella que son máis unha cuestión de nomes e apelidos que de necesidades dos departamentos. Todo isto levou a ter que realizar a denuncia no relativo á realización das horas extraordinarias para que a Inspección determine se o Concello cumpre ou non a lexislación vixente no que ten que ver coas horas extraordinarias.

24/01/13

Horas extraordinarias: que agocha o Concello ao non facilitar información completa sobre este tema?

Antes de nada...

Horas extraordinarias: cales son? (Estatuto dos traballadores)

Terán consideración de horas extraordinarias cada hora de traballo que se realice sobre a duración máxima da xornada ordinaria.

A súa prestación é voluntaria.

Prohíbese a súa realización durante o período nocturno, salvo en actividades especiais debidamente especificadas e expresamente autorizadas.

A efectos do cómputo de horas extraordinarias, a xornada de cada traballador rexistrarase día a día e totalizarase no período fixado para o pago das retribucións, entregando copia do resumo ao traballador na nómina correspondente.

Os representantes dos traballadores terán dereito a ser informados mensualmente polo empresario das horas extraordinarias realizadas polos trabajadores, calquera que sexa a súa forma de compensación, recibindo para tal efecto copia dos resumos.

Horas extraordinarias por forza maior:

Son as que veñan exixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes, así como nos casos de risco de perda de materias primas.

É obrigatoria a súa realización polo traballador.

Non se terán en conta para o límite máximo anual de horas extraordinarias.

Retribución e número máximo de horas extraordinarias

Aboaranse económicamente o compensaranse con descanso.

A contía a percibir por cada hora extraordinaria en ningún caso poderá ser inferior ao valor da hora ordinaria.

O número máximo de horas extraordinarias ao ano a realizar por un traballador será de 80. Non se computarán a estes efectos as que fosen compensadas mediante descanso dentro dos catro meses seguintes á súa realización.

O número de horas extraordinarias máximas a realizar polos traballadores con xornada de cómputo anual inferior á xornada xeral na empresa reducirase na mesma proporción que exista entre tales xornadas.

Non se aplica o límite de 80 horas extraordinarias anuais ás que se realicen para previr ou reparar danos extraordinarios e urxentes, isto é, ás horas extraordinarias por forza maior, aínda que terán que aboarse como horas extraordinarias, sendo obrigatoria a súa realización para o traballador.

O que indica o convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos con respecto a estas:

Art. 25.º.-Horas extraordinarias.

1. As horas extraordinarias son aquelas horas ou fraccions que excedan da xornada laboral de traballo e teñan un carácter excepcional.

2. Se tenderán a eliminar polo xeral, de xeito que sóio se fagan aquélas debidas a imprevistos e excepcionalmente, non poidiendo sobrepasa-las 80 horas en cómputo anual.

3. Na realización de horas extraordinarias primará a voluntariedade. 

4. As horas extras, procuraran compensarse por tempo de descanso, computandose de xeito que unha hora extra computará por unha hora e trinta minutos de descanso si e en días laborais, por 2 horas si e en horario nocturno ou festivo e por 2 horas e media se e en horario nocturno e festivo. Poderanse acumular estes tempos en xornadas completas.

5. A efectos económicos, o valor da hora extra será o resultante de incrementar un 25%, en horario normal, un 75% en horario nocturno ou festivo e nun 150% en horario nocturno e festivo, o valor da hora ordinaria. O sea cálculo farase en relación a retribución anual do salario mais os complementos de posto e específico en relación o cómputo anual de horas. 

Este convenio, aprobado no ano 2005, non foi quen de ser cumprido polo Concello a día de hoxe, no 2013.
1. As horas extraordinarias non teñen un carácter excepcional para o persoal deste Concello posto que hai persoal que debe realizar traballos fóra da xornada laboral e lle son pagados/ compensados como horas extraordinarias porque en oito anos este Concello non foi quen de reflectir as dispoñibilidades correspondentes nos complementos específicos que se reflicten na Relación de Postos de Traballo.
2. Nunca neste Concello se tendeu a eliminar as horas extras a casos excepcionais, e, pola contra, hai traballadores que realizan horas extras de xeito periódico e mensual a pesar de que isto está prohibido pola lexislación correspondente en materia laboral.
3. A voluntariedade non prima dende o momento que hai postos de traballo que realizan funcións nun horario diferente a pesar de non as ter recollidas na Relación de Postos de Traballo, a maiores, e debido á que nos últimos meses o Concello se nega a cubrir as baixas laborais hai persoal dalgúns departamentos que se ve na obriga de realizalas.
4. O convenio indica que as horas extras tenderán a compensarse en tempo de descanso mais o certo é que a día de hoxe existen claras discriminacións canto á compensación e os criterios para que a compensación sexa económica e/ou temporal non son públicos e o Concello teima en reservarse para si mesmo as respostas. Non é comprensible que haxa persoal que se vexa na obriga de facer continuas modificacións de xornada porque se lle nega a posibilidade de compensación económica das horas extras mentres que outro cobra con perioricidade estas horas e mesmo nalgúns casos varios miles de euros anuais.
Dende hai un ano e medio o Comité de Empresa, por inicitiva da CIG, leva rexistrando moitos escritos pedindo os informes de horas extras que o Concello lle debe achegar mensualmente ao Comité de Empresa e pedindo aclaracións sobre diversos aspectos relacionados con este tema. Entre eles podemos destacar algunhas das peticións que reciben a calada por resposta mesmo nas propias reunións co concelleiro de Persoal.
Estamos pendentes dende hai meses das aclaración con respecto ás horas extras do último ano, posto que na listaxes entregadas polo Concello non se especifica o número de horas extras realizadas por cada traballador e o motivo extraordinario de realización do traballo. Solicitamos esta aclaración de cara a comprobar o cumprimento do artigo 35.2 do Estatuto dos Traballadores, que limita o número máximo de horas que se poden realizar en 80 e lembramos que a superación deste límite legal podería dar lugar á oportuna denuncia na Inspección de Traballo.

Ademais, o Comité de Empresa solicitou que o Concello lle entregue ao Comité de Empresa unha relación co importe das horas extras de todo o persoal laboral do Concello de Betanzos, debido a que as horas extras se cobran segundo o salario e en ningún documento público está reflectida os euros/hora de cada un dos postos de traballo e que se especifiquen os criterios de compensación económica e en tempo da realización de horas extras, posto que nos consta que hai persoal ao que se lle indica que non se poden pagar e só compensar cando á vista dos datos de que dispón o Comité de Empresa hai traballadores que cobran as horas extra, e, por tanto, existe partida orzamentaria para isto.

A día de hoxe o Concello segue sen aclarar porqué hai traballadores que cobran miles de euros en gratificacións e outros só lles dan a posibilidade dos cambios de xornada, sen achegar puntualmente os informes mensuais que lle debe achegar ao Comité sobre as horas extraodinarias (e iso que un informe do propio asesor xurídico lembra o dereito do Comité a dispor desa información) e sen aclarar se incumpre o teito de horas extras marcado pola lexislación e por iso non indica o número de horas realizadas por determinados traballadores. A maiores, nin sequera pretendía amañar algúns destes problemas recoñecéndolle a algúns colectivos de laborais os traballos festivos ou a especial dispoñibilidade na última RPT que non sei chegou a aprobar, e teimaba en non lle recoñecer este traballo a determinado persoal o que demostra a súa escasa vontade en amañar moitos dos problemas históricos do persoal laboral neste Concello.