15/12/14

Solicitude de información sobre as gratificacións e produtividades do persoal funcionario

A Sección sindical da CIG vén de solicitar a información correspondente ás gratificacións e produtividades do persoal funcionario logo de saber que a partida orzamentaria para laborais e funcionarios é única e común e conta con 40 000 euros segundo nos informou o concelleiro de Persoal. Na práctica isto supón que ao igual que as axudas sociais, as partidas que interesan compártense entre os dous tipos de persoal mais os salarios, como non interesa, son desiguais.

A maiores, como é sabido, entre o propio persoal laboral hai discriminacións no cobro ou non das horas extras que até o momento en ningunha ocasión foron xustificadas documentalmente o que nos fai sospeitar que poderían deberse a criterios arbitrarios e persoais. Se a isto lle sumamos que as últimas horas extras pagadas ao persoal laboral no ano 2014 correspóndense coas do mes de agosto que foron cobradas no mes de setembro, sobra dicir que é necesario dispoñer da información do reparto de toda a partida toda vez que cada ano se esgota antes e que unha partida para doce meses en 2014 só chegou para oito.

Con respecto a este tema hai un problema e grave, que o propio Comité de Empresa leva anos tentando explicar ao goberno municipal porque, cando menos ao persoal laboral, estánselle pagando como extraordinarios traballos que non o son e que deberían formar parte das retribucións mensuais da nómina, só que o Concello neste tema xoga a baza de que o persoal segue a realizar ese traballo a pesar de saber que non vai cobrar até dentro de varios meses e que cada ano tarda máis en cobrar o traballo realizado nos últimos meses do ano.

Como levamos tempo dicindo a solución para o persoal ao que o Concello non lle paga as horas ben porque non hai cartos ben porque non lle apetece é doada, que non se fagan as horas extras, cando haxa determinados traballos que se paralicen o Concello será quen de buscar unha solución e o amañará porque lle convén, agora, mentres o persoal siga a realizar o traballo coa promesa de cobrar a saber cando o problema vai ter máis difícil solución, basicamente porque o Concello o que quere é que se realicen os traballos e cando cobre a xente non debe ser algo que lle interese moito, do contrario teríalle buscado unha solución hai anos a este conflito.

Canto á propia partida orzamentaria e á solicitude de información vén dada porque o cálculo do importe das horas extraordinarias do persoal laboral chega para pouco máis da metade desa partida orzamentaria cando o persoal laboral dobra o número do persoal funcionario, e o dereito á información neste caso é ineludible toda vez que desde as horas de agosto o persoal non cobra as extraordinarias e descoñecemos se o funcionariado si, para saber isto debemos agardar a información do Concello. 

A maiores e tendo en conta que temos coñecemento que entre o persoal funcionario tamén se producen discriminacións á hora de cobrar as horas ou compensalas, na medida en que hai sectores a que o Concello se nega a pagar determinados traballos extraordinarios realizados fóra da xornada laboral, o goberno municipal debería aclarar cales son os criterios de cobro ou compensación á vista das gratificacións pagadas neste ano 2014 e que suporían unha suma considerable da partida orzamentaria total destinada a esta finalidade

Solicitude Información Gratificacións e Produtividades

Ningún comentario:

Publicar un comentario