10/12/14

A CIG reclama unha Renda de Inserción laboral para persoas desempregadas que non cobren ningunha prestación

Considera "irrisoria" a axuda de 400€ durante 6 meses, para desempregados/as de longa duración que leven máis dun ano sen cobrar, proposta por goberno, patronal, CCOO e UGT

A CIG considera absolutamente insuficiente a axuda para persoas desempregadas de longa duración que prevé aprobar o Goberno, a patronal, e os sindicatos CCOO e UGT. Entende que polo seu carácter temporal -só durante 6 meses-, pola súa contía económica – 400 euros- e polos requisitos requiridos –que leven máis dun ano sen cobrar-  non atende ás necesidades reais deste colectivo. Fronte a isto defende a creación dunha Renda de Inserción Social para todas as persoas desempregadas que non cobran ningún tipo de prestación.
Segundo as informacións publicadas en prensa, esta axuda só será outorgada a quen cumpra uns estritos requisitos: ter traballado algunha vez; ter extinguido a relación laboral por causas involuntarias; non contar con ningunha prestación e ter esgotado xa o programa PREPARA ou a Renda Activa de Reinserción hai máis de un ano e non ter dereito a percibir un salario social, esa renda ou axudas similares; carecer de rendas e ter responsabilidades familiares e non estar cobrando ou non ter cobrado nos últimos 12 meses un dereito social. Todo isto xunto con permanecer inscritos ininterrompidamente como demandantes de emprego.
Con todos estes requisitos a previsión é que haxa unhas 309.760 persoas beneficiarias en todo o Estado español.  Unhas limitacións coas que o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, considera que se está é a deixar a miles de persoas sen ningún tipo de prestación e o que é peor, sen solucionar o problema real de pobreza e exclusión social existente.
Lembra que segundo os últimos datos publicados polo INE, referidos ao mes de outubro, só en Galiza hai un total de 117.031 persoas que non cobran ningunha prestación e denuncia que atendendo a todos eses requisitos, a maioría seguirán sen ter dereito a axuda de ningún tipo.
Salienta ademais que nin sequera para quen cumpra eses requisitos será unha saída real, porque “nada indica que as circunstancias económicas vaian cambiar en breve e é moi difícil que esas persoas, paradas de longa duración, vaian conseguir un contrato laboral en 6 meses, polo que transcorrido ese tempo volverán estar sen ingreso ningún”.
A isto engade que tampouco será abondo a contía económica prevista, 400€ que asecende a 456€ se ten a máis de 3 persoas ao seu cargo. “Exclúese a quen non teña cargas familiares, para quen xa sería unha cantidade insuficiente, pero para quen as teña vai ser imposíbel sobrevivir con eses 456€”.
Renda de Inserción Laboral
Por iso, fronte a isto, a CIG aposta pola creación dunha Renda de Inserción Laboral. Unha proposta que xa figuraba entre as recollidas na ILP impulsada pola central sindical, que foi debatida o pasado mes de xuño no Parlamento de Galiza e rexeitada cos votos en contra do Partido Popular.
O secretario xeral da CIG sinala que esta Renda de Inserción Laboral estaría dirixida a todas as persoas desempregadas que non cobraran ningún tipo de prestación, cunha contía mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e con carácter indefinido, mentres non se atope emprego.
A isto engade que a CIG entende que esta prestación tería que vir acompañada por un proceso de atención personalizada no que se elaborara un itinerario con todas aquelas medidas necesarias para garantir a reincorporación ao mercado laboral das persoas beneficiarias.


Ningún comentario:

Publicar un comentario