Amosando publicacións coa etiqueta discriminación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta discriminación. Amosar todas as publicacións

13/08/15

PRESENTADAS AS DÚAS DEMANDAS NO XULGADO DO SOCIAL

As compañeiras de limpeza despedidas veñen de presentar nestes días no Xulgado do Social da Coruña as demandas contra o Concello de Betanzos á vista de que este non foi quen nin de dar resposta ás reclamacións previas. As compañeiras solicitan a improcedencia dos despedimentos que o Concello levou a cabo hai pouco máís dun mes.

Pola contra, na reunión que a representación do Comité tivo co concelleiro de Persoal, Diego Fernández López, no pasado mes de xullo, este indicou que si que lles darían resposta e que era o asesor xurídico do Concello o que estaba mirando o tema. O tempo pasou e o tema, polo que se ve, tamén, e o prazo dun mes que se entende como denegatorio ás reclamacións previas realizadas ante o Concello obrigou ás compañeiras a presentaren ambas as demandas no xulgado social.

É significativo que a pesar do conflito existente en ningún momento o Concello se puxese en contacto con elas en todo este tempo e non sexa quen de atallar un outro problema que se lle vén eriba porque nun mes comezará o colexio e o aulario non ten persoal de limpeza precisamente porque foi el quen o despediu!

A necesidade deses postos de traballo non só está xustificada pola urxencia da creación das prazas ao inicio do pasado curso senón porque logo do despedimento das compañeiras o Concello enviou aos traballadres de limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín a cubrir parcialmente o seu traballo, o que demostra claramente que a obra ou servizo non finalizara, tal e como defende o Concello para as despedir. A maiores, desde a CIG entendemos que a limpeza dun centro de ensino é un servizo básico e esenciañ que non finaliza a non ser que o centro peche, e para nada foi o caso, porque ata onde sabemos o aulario segue e seguirá funcionando.


READMISIÓN XA!!!!!!!!
NON AO DESMANTELAMENTO DO SERVIZO DE LIMPEZA
CONTRA A PRIVATIZACIÓN, SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS!

16/07/15

O CONCELLO INICIA A PRIVATIZACIÓN DA LIMPEZA DO COLEXIO CEIP FRANCISCO VALES VILLAMARÍN A UNHA SEMANA DE QUE OS PARTIDOS DA OPOSICIÓN PROPOÑAN MOCIÓNS CONTRA O SEU DESMANTELAMENTO

A semana pasada o Comité de Empresa decidiu poñer en coñecemento dos partidos da oposición a precoupante situación do servizo de limpeza municipal que camiña cara ao desmantelamento e a privatización no caso de non se cubriren as baixas e vacantes existentes e que se deixe de despedir ao persoal contratado.

Logo de que xa tres partidos da oposición, Betanzos Novo, Bloque Nacionalista Galego e Compromiso por Galicia amosasen o seu apoio ás reivindicacións do Comité de Empresa e a súa intención de levar mocións a pleno na liña de apoio ao servizo como público e de xestión directa municipal o goberno vén de dar máis un paso adiante na privatización da limpeza municipal ao pór a unha traballadora dunha empresa privada a limpar o CEIP Francisco Vales Villamarín. No Departamento de persoal non hai coñecemento de contrato propio do Concello ningún e nin sequera había coñecemento de que unha empresa comezase a prestar estes servizos no colexio.

Hai un mes foi nas dependencias municipais, estes días comezou no colexio, as intencións do goberno municipal de privatización son claras e que o alcalde lle mentiu ao Comité de Empresa á cara nada máis comezar a lexislatura ao dicir que era algo circunstancial tamén. Primeiro non cubriron as vacantes por xubilación, logo as baixas nin de longa nin de curta duración, despois despediron ás compañeiras do aulario e agora directamente contratan a empresas. Parece xa claro que prepararon o terreo catro anos para finalizar o proxecto de privatización neste lexislatura, os feitos amosan con claridade este camiño.

A CIG propuxo que o Comité de Empresa se mobilice o vindeiro martes 28 de xullo con motivo do pleno para protestar contra a privatización deliberada á que o Concello está somentendo ao servizo de limpeza municipal e facer pública a nosa reivindicación a favor dos servizos públicos de xestión directa municipal porque O PÚBLICO É SERVIZO E O PRIVADO É BENEFICIO.

O Comité de Empresa tamén se porá de novo en contacto cos partidos da oposición para lle comunicar esta novidade, posto que é o primeiro e decidido paso cara a privatización da limpeza no colexio público municipal e consideramos que debe ser coñecida a situación por todos os partidos con representación.

04/05/15

Un ano despois dous compañeiros readmitidos aínda non cobraron os salarios de tramitación que lles corresponden

Tres anos despois de que se iniciase o conflito que orixinou o despedimento de oito compañeiros e compañeiras o goberno municipal non foi quen de pechar este capítulo e aínda lle debe cartos aos dous últimos traballadores readmitidos hai xa máis dun ano.

Mesmo nun dos casos a CIG xa solicitou a execución de sentenza e o compañeiro foi en varias ocasións ao xulgado, a última que tocaba a semana pasada, cando non houbo xuízo porque seica o Concello acreditou que lles vai pagar proximamente. Tamén o concelleiro de Persoal lle indicou á representación do Comité de Empresa que os compañeiros cobrarían a finais do mes pasado mais unha vez máis pasou o mes e seguen sen cheirar os seus cartos.

Desde a CIG consideramos lamentable que o Concello obrigue a recorrer aos compañeiros aos xulgados para executar as sentenzas que non cumpre, hai que lembrar que isto xa se tivo que facer en todos os casos das anteriores readmisións. Resulta inxusta esta actitude por parte do goberno municipal, máis aínda se botamos a vista atrás e lembramos que varios compañeiros na mesma situación non foron despedidos, e que o mínimo que debe facer o Concello é aplicar as sentenzas dos que discriminou e obrigou a recorrer ao xulgado do social.

Máis dun ano agardando polo que lles corresponden xa é abondo, de seguro que non hai ningún concelleiro/a ao que o Concello lle deba cartos desde hai xa máis dun ano, pois os/as traballadores/as temos os mesmos dereitos... QUE PAGUEN O QUE DEBEN!

02/03/15

Queixas pola sobrecarga de traballo

Tal e como informabamos hai uns días a sobrecarga de traballo en determinados departamentos derivada da pésima xestión que da área de Persoal se leva neste Concello está supoñendo un exceso de traballo que recae en traballadores puntuais do servizo de limpeza mentre se destina a outros a funcións para as que non foi contratado. 

Na actualidade de 5 postos non cubertos por baixa e/ou xubilación, só se cubriu unha baixa temporal, o que supón que este servizo contaría con catro traballadoras menos, iso sen ter en conta a quen na RPT ten un posto de limpeza que na práctica non se realiza e que a maiores hai un aulario que se sumou aos edificios para limpar. A distribución do traballo neste servizo vén sendo un problema grave de organización desde hai anos que o Concello non dá solucionado, só hai que pensar que na actualidade hai o mesmo número de traballadores de limpeza para o aulario que para o CEIP Francisco Vales Villamarín, o que escapa a toda lóxica tendo en conta o número de alumnado dun centro ou doutro, así como o mencionado caso da compañeira a piques de se xubilar que ten 9 edificios para limpar.

O Comité de Empresa presentou por estes motivo e por iniciativa da CIG, unha queixa formal ao goberno municipal pola sobrecarga laboral que está a recaer en determinadas traballadoras mentres se destina persoal deste servizo a outras funcións, o que supón unha manifesta discriminación e repercute de xeito negativo na saúde do persoal afectado, ao que á situación inicial de non cobertura de baixas e xubilacións se lle une une estoutra situación. Por este motivo solicitoulle ao Concello que distribúa os efectivos de xeito que a carga de traballo sexa equitativa e non incorra en agravios discriminatorios, lembrándolle, ademais, que unha grande parte das baixas laborais deste Concello se producen no servizo de limpeza.


Á espera dunha nova reunión co concelleiro de Persoal

O Comité de Empresa por inicitiva da CIG, logo de levar máis dunha semana sen saber nada da negociación do convenio colectivo nin ter información nin sequera sobre a última reunión que o Concello mantivo con Galivalia solicitou unha nova reunión co concelleiro de Persoal de cara a tratar este e outros temas laborais que están pendentes e que entende que deben ser solucionados por parte do goberno municipal canto antes.

26/01/15

O concelleiro non recibe e aquí non se percibe!


Logo de que o Comité de Empresa leve dez días agardando a que o concelleiro de Persoal o reciba solicitará nos vindeiros días unha reunión co máximo responsable do goberno municipal, o alcalde, Ramón García a ver se con este hai máis sorte, de cara a lle poder trasladar a súa preocupación polos moitos temas que están no aire e que durante tres anos e medio o goberno municipal asegurou que ía amañar nesta lexislatura.

Non é a primeira vez que o Comité tarda semanas en ser recibido polo concelleiro de Persoal, do que case nin percibimos a súa existencia, xa que non é quen de responder ás solicitudes do Comité de Empresa, da CIG nin dos propios traballadores a título individual... como desde o goberno fagan o mesmo coa veciñanza compadecémola, mais se non son quen nin de atender a quen traballa no Concello o que será dos de fóra!

Atrás queda aquela entrevista que Diego Fernández publicara nun xornal local ao comezo da lexislatura dicindo que se abría unha nova etapa de diálogo co persoal que non houbera co anterior goberno. O certo é que desde a CIG descoñecemos as relacións do Comité anterior co goberno nin o diálogo que había ou non, si que sabemos que escrito non había nada e aínda pagamos as consecuencias hoxe en día, mais se algo está claro é que se o diálogo co persoal supón agardar dez días a que che reciban hai quen necesita revisar o dicionario para comprender o significado das palabras.

É posible que tamén pasen outra cousas, pasou un ano, aló foron 21 000 euros, seguimos sen convenio, sen RPT, sen noticias e sen saber nada, máis que isto foi un negocio para alguén e que a contratación dunha empresa como Galivalia non beneficiou até o momento nin o máis mínimo ao persoal deste Concello, co consentimento explícito do alcalde e todo o goberno municipal que acordou contratar esta empresa cuxos resultados do traballo até o momento descoñecemos.


O que está claro é que os vindeiros meses van ser cruciais para destapar as verdadeiras intencións das promesas do goberno en materia de persoal, mais por moito que lle intenten dar unha reviravolta, que aínda están a tempo de amañar moitos dos problemas existentes, o triste transcurso desta lexislatura en materia de persoal non deixa atrás máis que discriminacións, conflitos, aperturas de expedientes e belixerancia cunha parte dos representantes dos traballadores, así como pasividade ante moitas situacións que poderían ter sido resoltas mais coas que, a fin de contas, parece que o único que se vai deixando é correr o tempo sen tomar decisións nin ofrecer solucións.

16/01/15

Temas pendentes e solicitude dunha reunión co concelleiro de Persoal

Comeza un novo ano e lamentablemente hai moitas cousas que non cambian, pasan os meses e hai problemas que non se solucionan, tres anos despois, seguimos a voltas con discriminacións que non se solventan e por iso unha vez máis, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, solicitou unha reunión co concelleiro de Persoal de cara a lle transmitir algúns dos temas que o propio persoal pon no noso coñecemento para poñer en coñecemento do goberno municipal para que tente buscar solucións.




15/01/15

Basta xa de discriminacións! Un mínimo de 11 traballadores/as cobraron de menos na paga extra de decembro

Máis unha vez o goberno municipal continúa coas discriminacións e co trato diferente entre os traballadores desta volta ao descolgar do convenio as retribucións dun mínimo de 11 traballadores. Varios traballadores de diferentes sectores entre os que se encontran traballadores de xardinaría, conserxaría, e limpeza viaria e de edificios puxeron no noso coñecemento QUE COBRARON MENOS DO QUE LLES CORRESPONDÍA NA PAGA DO MES DE DECEMBRO. Este problema, no caso de oito traballadores, está en coñecemento do concelleiro de Persoal que ata admitou que lles estaban pagando de menos en cada paga e que iso se ía solucionar hai xa varios meses. Pois a eses oito traballadores, acábanselle de sumar un mínimo doutros tres de limpeza que veñen de cobrar menos do que lles correspondería segundo a aplicación do artigo 22 do convenio colectivo que indica o seguinte:

Artigo 22 do Convenio colectivo : Art. 22.º.-Pagas extraordinarias.
Todo o persoal terá dereito a duas pagas extraordinarias que se abonarán co salario mensual de xuno e dicembro.

A contía de cada unha das pagas será igual a unha mensualidade do salario segun o artigo anterior, prorrateado polo tempo de servicio prestado.

Recoñecese para o persoal laboral, o incremento nas pagas extraordinarias, previsto no Acordo de modernización e mellora Administración -Sindicatos, de 15 de novembro de 2002 (BOE do 18), na contía determinada no capitulo XIX, do titulo VI, adaptándose as categorías do presente convenio segun se dispon no anexo y. Este incremento verase incrementado anualmente segun corresponda na ley de presupostos.


O CONCELLO DISCRIMINA SALARIALMENTE DE XEITO INDISCRIMINADO

Cando en 2013 se lles recoñecera a varios traballadores a antigüidade, o dereito ao complemento extras das pagas e mesmo os erros nas nóminas das pagas que durante anos padeceran dous compañeiros consideramos que o Concello, e así o dixera o concelleiro, entendera, coma nós, que o convenio é para todo o persoal e por igual traballo igual salario. Case dous anos despois seguimos nas mesmas mais con outros traballadores, ás veces, no canto de ir para diante, este Concello vai para atrás.

As discriminacións e incongruencias dos contratos que saen do Departamento de Persoal repercuten no peto destes compañeiros que non cobran o que lles pertence, sabemos que este tipo de erros nas nóminas nunca os deberon padecer nin o alcalde nin os concelleiros porque do contrario preocuparíanse máis polo tema... mais neste caso pensarán que douscentos euros de menos pouco son para eles mais para os miserentos salarios de oitocentos euros que hai neste Concello son un mundo E AO GOBERNO MUNICIPAL DEBERÍALLE CAER A CARA DE VERGOÑA DE NON TER SOLUCIONADO PROBLEMAS TAN BÁSICOS HAI XA ANOS.

Temos coñecemento tamén de que houbo compañeiros afectados que puxeron esta situación en coñecemento do Departamento de Persoal mais desde aquí queremos informarvos que as escusas alegadas son de mal pagador porque O CONVENIO COLECTIVO AFÉCTALLE Á TOTALIDADE DO PERSOAL DESTE CONCELLO, podería estar en discusión o persoal subvencionado (canto a retribucións só e dependendo do contrato) mais nunca o persoal cuxas retribucións se deben rexer exclusivamente por convenio, e aí entra o persoal que traballa nun posto que aparece na RPT, o persoal indefinido, o persoal de substitución ou calquera traballador ou traballadora que desempeña un posto que tamén existe na RPT baixo o principio básico de IGUAL TRABALLO, IGUAL SALARIO.... será tan difícil de comprender?

O Comité de Empresa solicitou por escrito información con respecto a esta situación e tamén solicitará unha reunión co concelleiro de Persoal para poñer no seu coñecementos as discriminacións manifestas e contraconvenio que o Concello de Betanzos efectuou no pagamento da extra de decembro a diversos traballadores, e tentar buscar solución a esta situación sen que os compañeiras e compañeiras teñan que recorrer ao xulgado para solucionar un problema de nómina, agardamos que o goberno municipal entre en razón con este tema, posto que considerabamos que cuestións tan básicas estaban solucionadas e no caso que o goberno non busque solucións estudaremos as vías xudiciais e de presión necesarias para reclamar os mesmo dereitos para todo o persoal, tal e como levamos facendo desde que a CIG obtivo representación sindical neste Concello.

Nova solicitude sobre a creación de complementos persoais nos anos 2012, 2013 e 2014 á marxe do convenio


O goberno municipal no seu costume de interpretar o convenio colectivo unilateralmente e non convocar aos delegados sindicais á Comisión Paritaria que é o organismo encargado de interpretalo e que non se reuniu nin unha soa vez, ata onde temos coñecemento, desde xaneiro de 2006 que se publicou o convenio colectivo, volveu interpretar nestes pasados anos que podía crear uns complementos persoais que ademais nin sequera constaban no anexo de persoal dos orzamentos aprobados pola porta de atrás hai uns meses.

A creación deste complementos non só foi completamente irregular senón que sospeitamos que na actualidade é o motivo de que a totalidade dos traballadores readmitidos non estean a cobrar nas pagas extras o que lles corresponde segundo convenio, mais a saber, porque ás veces descifrar unha nómina e a motivación da existencia duns complementos ou outros neste Concello xa case responde a un xeroglífico e desde logo en moitos caso a argumentos nada obxectivos nin entendibles ao abeiro do convenio colectivo en vigor.

É triste mais unha parte do traballo sindical destes anos centrouse en intentar descifrar as motivacións que levaban a moitas das desigualdades e irregularidades existentes, porque non había nin hai un motivo obxectivo en moitos casos, o que hai son o que consideramos malas decisións na área de persoal que teñen consecuencias directas nas nóminas dos traballadores.

Unha vez máis o Comité de Empresa solicitou información sobre os complementos persoais á vista de que non constan nin no convenio, nin na RPT nin anexo de persoal que o Concello aprobou cos orzamentos en 2014, non sabemos se pola simple vagancia non actualizar a listaxe ou ben pola deliberada ocultación destes por algunha outra motivación que descoñecemos.

En todo caso hai unha cuestión clara, eses complementos deberían ser absorbidos noutros porque segundo un informe do propio secretario municipal corréspondense coas persoas e non cos postos, e iso na actualidade na Administración é inaceptable, ademais de completamente irregular e entendemos que no momento que se crearon foi para remunerar determinados traballos e por iso deberían ter formado parte do complemento específico mais na súa vontade de enlear as cousas o Concello ten tomado moitas decisións que consideramos erradas en persoal e que supoñen que na actualidade eses compañeiros e compañeiras, quen cobra ese complemento, por exemplo, cobren na paga extra menos do que indica o convenio colectivo, é dicir, o dobre do salario mais a complemento extra das pagas, só porque o Concello, tamén unilateralmente interpreta que ese complemento non se pode cobrar na paga, a pesar de que iso non o pon no propio convenio e en ningún momento tal condición foi negociada con este Comité de Empresa, polo menos. 

Se a isto lle sumamos que nas bases de execución do orzamento, na base 70, punto 3, indica que un só dos traballadores que teñen ese complemento cobrará o 50% deste nas pagas o deste Concello é un absoluto esperpento que se perpetúa ano tras ano desta lexislatura e ao que este goberno que tanto ía amañar segue non só sen lle dar solución tres anos despois senón caendo unha e outra vez nas discriminacións que tanto criticaba cando estaba do outro lado.


15/12/14

Solicitude de información sobre as gratificacións e produtividades do persoal funcionario

A Sección sindical da CIG vén de solicitar a información correspondente ás gratificacións e produtividades do persoal funcionario logo de saber que a partida orzamentaria para laborais e funcionarios é única e común e conta con 40 000 euros segundo nos informou o concelleiro de Persoal. Na práctica isto supón que ao igual que as axudas sociais, as partidas que interesan compártense entre os dous tipos de persoal mais os salarios, como non interesa, son desiguais.

A maiores, como é sabido, entre o propio persoal laboral hai discriminacións no cobro ou non das horas extras que até o momento en ningunha ocasión foron xustificadas documentalmente o que nos fai sospeitar que poderían deberse a criterios arbitrarios e persoais. Se a isto lle sumamos que as últimas horas extras pagadas ao persoal laboral no ano 2014 correspóndense coas do mes de agosto que foron cobradas no mes de setembro, sobra dicir que é necesario dispoñer da información do reparto de toda a partida toda vez que cada ano se esgota antes e que unha partida para doce meses en 2014 só chegou para oito.

Con respecto a este tema hai un problema e grave, que o propio Comité de Empresa leva anos tentando explicar ao goberno municipal porque, cando menos ao persoal laboral, estánselle pagando como extraordinarios traballos que non o son e que deberían formar parte das retribucións mensuais da nómina, só que o Concello neste tema xoga a baza de que o persoal segue a realizar ese traballo a pesar de saber que non vai cobrar até dentro de varios meses e que cada ano tarda máis en cobrar o traballo realizado nos últimos meses do ano.

Como levamos tempo dicindo a solución para o persoal ao que o Concello non lle paga as horas ben porque non hai cartos ben porque non lle apetece é doada, que non se fagan as horas extras, cando haxa determinados traballos que se paralicen o Concello será quen de buscar unha solución e o amañará porque lle convén, agora, mentres o persoal siga a realizar o traballo coa promesa de cobrar a saber cando o problema vai ter máis difícil solución, basicamente porque o Concello o que quere é que se realicen os traballos e cando cobre a xente non debe ser algo que lle interese moito, do contrario teríalle buscado unha solución hai anos a este conflito.

Canto á propia partida orzamentaria e á solicitude de información vén dada porque o cálculo do importe das horas extraordinarias do persoal laboral chega para pouco máis da metade desa partida orzamentaria cando o persoal laboral dobra o número do persoal funcionario, e o dereito á información neste caso é ineludible toda vez que desde as horas de agosto o persoal non cobra as extraordinarias e descoñecemos se o funcionariado si, para saber isto debemos agardar a información do Concello. 

A maiores e tendo en conta que temos coñecemento que entre o persoal funcionario tamén se producen discriminacións á hora de cobrar as horas ou compensalas, na medida en que hai sectores a que o Concello se nega a pagar determinados traballos extraordinarios realizados fóra da xornada laboral, o goberno municipal debería aclarar cales son os criterios de cobro ou compensación á vista das gratificacións pagadas neste ano 2014 e que suporían unha suma considerable da partida orzamentaria total destinada a esta finalidade

Solicitude Información Gratificacións e Produtividades

12/12/14

Recoñecemento de servizos previos do persoal laboral

O Comité de Empresa, por inicitiva da CIG, vén de solicitar unha listaxe do persoal ao que o Concello lle ten recoñecidos os servizos previos, esta solicitude vén na liña de reclamar este dereito para todo o persoal laboral unha vez que temos constancia documental de que a través dunha resolución da Alcaldía o Concello recoñeceulle este dereito a un determinado número de traballadores e traballadoras mais non a todo o persoal na mesma situación.

O recoñecemento dos servizos previos prestados tanto na propia Administración como noutras é un dereito de funcionarios e que vai recollido nese suposto novo convenio colectivo que non sabemos se o Concello terá a ben seguir negociando. Non obstante, o goberno municipal, se de verdade procura a igualdade entre persoal laboral e funcionario debería recoñecer de inmediato non só os servizos prestados nesta Administración senón en calquera outra pública como antigüidade e a efectos do cobro dos trienios correspondentes e o que en todo caso consideramos inxustificable é que no momento de recoñecer os servizos previos prestados neste Concello o fixese a uns traballadores si e a outros non  e haxa persoal que leva máis dun ano agardando resposta para que lle solucionen a situación e finalice esa discriminación.

Solicitude Información Persoal Recoñecemento Servizos Previos

Pagas extraordinarias e aplicación desigual do artigo 22 do convenio colectivo

A CIG vén de lle lembrar ao Concello que logo de levar dous anos tentando solucionar a problemática da non aplicación do artigo 22 do convenio colectivo relativo ao cobro das pagas extraordinarias nas nóminas de oito compañeiros e compañeiras este problema segue en sen solucionar e solicítalle que non se produza de novo na paga que se cobrará nas vindeiras semanas.

O propio Comité de Empresa solicitou en varias ocasións información documental sobre o tema que o Concello non lle facilitou aínda que si que verbalmente admitiu a existencia desta discriminación e non cobro dunha parte da paga a oitos traballadores e traballadoras readmitidas logo de varias sentenzas xudiciais nos anos 2012, 2013 e 2014.

O certo é que este persoal arrastra outros problemas como o non recoñecemento de servizos previos prestados nesta Administración, tal e como o resto de persoal ao se lle recoñeceu no verán do ano 2013, o que supón unha discriminación a maiores e varias solicitudes que foron presentadas polos traballadores por rexistro hai máis dun ano sen resposta aínda por parte da Administración ao persoal afectado.

Este tema leva tempo sendo falado co concelleiro de Persoal que continuamente indica que se vai solucionar mais ese día non dá chegado, por ese motivo nas vindeiras semanas desde a CIG adoptaranse as medidas oportunas no caso de non se solucionar proximamente a problemática e informarase aos traballadores afectados de cara á posibilidade de presentar as reclamacións previas á vía xudicial en concepto de recoñecemento deste dereito recollido no convenio e de non discriminación canto ao recoñecemento dos servizos previos prestados neste Concello.


Solicitude Pagas Extraordinarias

04/12/14

Un convenio ou un negocio?

A estas alturas do ano e con 21 000 euros gastados na empresa Galivalia xa dubidamos se o que ía ser o novo convenio para o persoal laboral é tal ou un negocio, porque o único "convenio" aprobado por este goberno municipal do PSOE e por José Ramón García Vázquez, logo de levar tres anos co seu denunciado o persoal laboral, foi o que beneficia a unha empresa privada que doce meses despois nin foi quen de elaborar unha Relación de Postos de Traballo nin de asesorar ao goberno para que acordase un convenio co persoal laboral, xa que o vixente cumpre o ano que vén 10 anos sen modificación nin mellora ningunha para os traballadores, tan só cos empeoramentos que as diversas reformas estatais impuxeron e que non se dubidaron en aplicar desde o primeiro momento.

A pesar de que nos últimos meses parecía que houbo de atisbo de vontade de continuar coas negociacións dun novo convenio segundo decorre o tempo sen novas sobre este tema parece que todo foi un espellismo, unha mágoa porque era a última oportunidade, un ano máis, deste goberno municipal de recuperar a credibilidade e deixar a un lado as trapalladas as que xa nos acostumou ao longo destes tres anos e de demostrar que efectivamente durante moitos anos as cousas fixéronse fatal en materia de persoal e mesmo este goberno municipal o fixo así mais que se decata de que non é normal nin xusto porque sempre se fixese así. E á vista do que fixo a empresa que contrataron para estes temas mellor sería ter aumentado a partida de persoal, de axudas sociais ou destinalo aos traballadores en vez que pagarlle mil oitocentos euros ao mes a quen non pasou polo Concello nin unha vez ao mes na maior parte dos casos.

Por todo isto, a CIG instou ao Comité a que lle amosase ao Concello, unha vez máis, e van tropecentas, a súa clara vontade de negociación e instalo a continuar coas negociacións do convenio colectivo con urxencia, indicándolle o que vos relatamos abaixo, agora, e coma sempre, a pelota está no tellado do Concello que é quen, a fin de contas, decide se quere negociar ou ignorar ao seu persoal.

"Logo de que a última Comisión Negociadora do convenio colectivo tivese lugar o pasado 22 de setembro, hai máis de dous meses, e de que despois doutra reunión este Comité entregase con data do 31 de outubro unha proposta con respecto á documentación entregada polo Concello con posterioridade e de que na actualidade, xa a comezos de decembro, sigamos sen ter absolutamente ningunha resposta con respecto á proposta presentada hai máis un mes nin información ningunha sobre a negociación do convenio colectivo, o Comité de Empresa do persoal laboral do Concello de Betanzos acordou na súa reunión ordinaria do mes de novembro,


COMUNICARLLE QUE:


  1. Solicitamos que se retome a negociación do convenio con urxencia e e cunha intención clara de negociar sen deixar transcorrer máis tempo.
  2. Solicitamos que o Concello cumpra os prazos e achegue os textos en tempo e forma de cara a poder estudalos polo miúdo e non demore máis a frecuencia das reunións da Comisión Negociadora do Convenio colectivo, se quere demostrar unha verdadeira intención negociadora cos representantes do persoal laboral desta Administración."


Negociacións Convenio Colectivo

Información sobre as horas extraordinarias: tarde, mal e arrastro

Que ao Concello de Betanzos lle custa informar aos representantes do persoal e achegar a documentación á que ten dereito non é nada novo, que cada vez neste Concello se fan máis horas extras porque o goberno municipal se nega a cubrir nin un só dos máis de vinte postos libres da Relación de Postos de Traballo tampouco é novo mais o triste é que cada vez é menos novo que se acaba a partida de cartos das horas extraordinarias cando faltan varios meses para acabar o ano, iso si que denota un grave problema. 

É un grave problema porque no momento que se solicita que se fagan horas extras o primeiro é informar de que non hai cartos para pagalas, e é un grave problema porque se pagan como extraordinarios traballos que non o son e cando haxa que facelos efectivamente os departamentos afectados non poderán cobrar por horas que teñen a obriga de facer se se debe a unha situación verdadeiramente extraordinaria, e extraordinarios non son traballos relacionados coa embarcación municipal, coa limpeza viaria, coas festas ou actividades, todo iso non é extraordinario porque é algo previamente programado, por tanto, se hai necesidade en determinados postos de realizar eses traballos iso debe constar en cada un dos postos, nas súas retribucións e características e non tirarse dunha partida orzamentaria para situacións extraordinarias, para que logo, cando estas cheguen non haxa cartos. 

Van dous meses que o Concello non lle entrega ao Comité de Empresa a información correspondente ás horas extraordinarias, por iso hoxe, por iniciativa da CIG rexistrou, unha vez máis, unha solicitude con respecto a isto que vos deixamos abaixo e que na que se lle require ao Concello o seguinte:

 Que o Concello lle entregue ao Comité de Empresa a relación de horas extras correspondente ao mes de outubro e novembro de 2014, tal e como é preceptivo e como o propio asesor xurídico do Concello informou que se debe facer mensualmente.

Que o Concello lle entregue ao Comité de Empresa unha relación co importe das horas extras de todo o persoal laboral do Concello de Betanzos, debido a que as horas extras se cobran segundo o salario e en ningún documento público está reflectida os euros/hora de cada un dos postos de traballo.

Que o Concello especifique os criterios de compensación económica ou en tempo das horas extraordinarias, á vista de que os criterios utilizados poderían ser discriminatorios e hai persoal ao que constantemente se lle denega o cobro a pesar de estar en situación semellante á outro ao que constantemente se lle paga.

Que o Concello de Betanzos deixe de incumprir o acordado no convenio colectivo canto ao cobro de horas extras e cese na discriminación que supón o pagamento de gratificacións a unha parte do persoal e o pagamento de horas extras propiamente a outra parte, o que impide, ademais, vixiar o cumprimento da normativa vixente no relativo ao número máximo de horas extras realizadas anualmente por determinados traballadores.

Que o Concello de Betanzos lle entregue a este Comité de Empresa toda a información mencionada e a necesaria para vixiar o cumprimento da lexislación vixente no relativo á realización de horas extraordinarias do persoal laboral.

Horas Extraordinarias Pendentes

24/11/14

O Concello de Betanzos, exemplo de morosidade

Que o Concello de Betanzos é moroso nas débedas co seu persoal xa non é nada novo, agora, que gaste os cartos de todos os cidadáns e cidadás indo continuamente ao xulgado por culpa da súa pésima política na xestión do persoal comeza a ser un pouco insultante.

Non é a primeira vez que varios compañeiros e a propia CIG se vén na obriga de solicitar as execucións de sentenza ante a actitude de ouvidos xordos que o goberno encabezado polo alcalde amosan ante as sentenzas que lle veñen do xulgado do Social da Coruña. Primeiro foron seis compañeiros readmitidos que tiveron que solicitar a execución de setenza case un ano despois e múltiples promesas trapalleiras por parte do goberno municipal de que tal ou cal mes ían cobrar, logo foi todo o persoal laboral que aínda por riba de ter que ir ao xulgado para que lle devolvesen 14 días da paga roubados en 2012 no canto de amañalo sen pasar polo social, tivo que volver para executar a sentenza porque pasaban os meses e seguía sen cobrar. 

Agora son dous compañeiros con sentenza desde hai sete meses que seguen sen cobrar os salarios de tramitación logo de que o despedimento se declarase improcente. Meses cargados de promesas inútiles de que van cobrar e que fixeron que houbese que solicitar a execución da sentenza unha vez máis, o peor, é que a semana pasada o Concello tivo a cara de nin sequera presentarse no Xulgado do Social á segunda vista con motivo da execución da sentenza alegando que lle faltan papeis doutro organismo e o que retrasou a nova vista até febreiro. ISTO ROZA O ESCÁNDALO E O ESCARNIO COS COMPAÑEIROS AOS QUE LLES DEBE CARTOS E DEBERÍALLE CAER AO GOBERNO MUNICIPAL A CARA DE VERGOÑA POLA PÉSIMA XESTIÓN porque é demasiado raro que en todos estes meses outra administración non lle entregue papeis que solicita o Concello, ao mellor é que os solicitou tarde, mal e arrastro non cando readmitiu ao persoal, como debería... mais en todo caso parece que ao alcalde ben pouco lle importa ir unha e outra vez ao xulgado porque os cartos non saen do seu peto, xa que tendo en conta que nos orzamentos que o goberno municipal aprobou de xeito totalitario e sen contar con ninguén en Xunta de Goberno nos pasados meses recollían unha partida específica para pagar esta débeda co persoal, e a día de hoxe, a un mes de que acabe o ano, non soltaron un peso e non temos nin idea de porqué seguen retendo eses cartos que xa non son seus, son dos traballadores, por tanto, que llos devolvan dunha vez e que deixen de ser morosos co persoal!

Aquí tedes unha pequena selección das novas relacionadas con este tema que publicamos nos últimos tempos e que demostrar a actitude que o Concello mantén nos procesos xudiciais que lles obriga a abrir aos seus propios traballadores e traballadoras para defender os seus dereitos:

O Concello adebeda máis de 60 000 euros a dous traballadores readmitidos



Mentira tras mentira... e houbo que volver ao xulgado

A CIG solicitará a execución da sentenza dos 14 días da paga de 2012 no caso de que o Concello non pague proximamente




19/11/14

Convocatoria de axudas sociais ano 2014

O Concello vén de publicar a convocatoria de axudas sociais correspondente ao ano 2014, podedes consultar as bases aquí:



Podedes descargar tamén o modelo de solicitude aquí:




Un ano máis pasa e o Concello non foi quen de negociar unhas novas bases de axudas sociais que respondan a criterios verdadeiramente sociais, tal e como leva anos prometendo aos representantes dos traballadores, logo da súa solicitude, e como mesmo se acordou en pleno ao inicio da lexislatura. Esta demanda do actual do Comité de Empresa leva anos sendo adiada polo goberno municipal sen escusa ningunha, porque se houbese vontade non resultaría nada complicado convocar a Mesa Xeral de Negociación para negociar unhas novas bases máis xustas e que os cartos repartidas en base a criterios sociais.

Por parte da CIG, e a pesar de que o goberno municipal prometeu en múltiples ocasións que estaban dispostos a negociar esas novas bases e demostrou cos feitos noutras tantas que non é así, seguiremos insistindo en que o reparto das axudas debe ter un criterio social e non lineal, como na actualidade, cando as abismais diferenzas salarias existentes entre persoal laboral e funcionariado e entre o propio persoal laboral supoñen unha discriminación de facto que aumenta cun reparto lineal dunhas axudas supostamente creadas para axudar economicamente ao persoal con determinados gastos.

07/11/14

Novas solicitudes con respecto aos contratos, desta volta sobre o Conservatorio e a Escola Municipal de Folclore

O Comité un ano máis, e xa van tres, pregúntalle ao Concello sobre estas novas contratacións sen proceso selectivo e á marxe da legalidade de contratación na Administración pública. 

A maiores durante anos o Concello leva incorrendo nun claro agravio discriminatorio dunha parte do persoal destes servizos, o que só está contratado durante o curso escolar, non só fronte a algúns dos propios compañeiros e compañeiras contratados ao longo de todo o ano nos mesmos departamentos senón  tamén con respecto ao resto de todo o persoal laboral deste Concello ao pagarlles unhas retribucións claramente moi superiores ás recollidas no convenio e descolgando deste o Concello de xeito unilateral a un colectivo de traballadores para beneficialos fronte a todo o resto.

O certo é que, a fin de contas, o Concello, con este tipo de decisións, distingue claramente entre o persoal que privilexia e o que discrimina, ignora abertamente o recollido na normativa aplicable aos laborais do Concello en materia de retribucións, é dicir o convenio colectivo, e vulnera o dereito de negociación cos representantes xa que aplica unhas retribucións decididas unilateralmente e en base a uns criterios descoñecidos e sobre os que nin informa aos representantes dos traballadores.

Descoñecemos quen informa positivamente a unhas contratacions á marxe da existencia de procesos selectivos na Administración pública, e quen informou sobre a pertinencia de descolgue das retribucións do convenio colectivo a determinados traballadores para que cobren o triplo que o resto, pero o que está claro é que quen contrata é o Concello e que asina é o alcalde, por tanto xa sabemos quen escolle o persoal de primeira e de segunda, porque a fin de contas esa é a elección. 

"Sempre se fixo así" é un frase moi escoitada neste Concello, mais non hai que esquecer que iso non implica que se fixese ben, simplemente que todo foi tirando mentres ninguén cambiou as cousas, mais se algo nos teñen ensinado estes anos de xente dicíndonos que aquí non había nada que facer é que non é que haxa moito, é que hai moitísimo que facer, só que é un traballo sindical a longo prazo e onde se tardan en ver os resultados, mais desistir desde o principio nunca foi a nosa opción.

Entendemos que esta mellora dunha parte do persoal con respecto ao resto é realizada polo alcalde ano tras ano porque é consciente de que os salarios do persoal laboral son moi baixos, e aí concordamos, por iso, o que debería facer é igualar os de todo o persoal para non discriminar e demostrar que o Concello tamén tenta dar os pasos necesarios para tratar a todos os traballadores e traballadoras por igual e mellorar a súa situación, que cada vez é peor ao agravarse polo proceso de privatización ao que os distintos gobernos veñen sometendo desde hai anos ás Administracións públicas.

Deixámosvos aquí a solicitude rexistrada con respecto a este tema, o certo é que o Concello nunca responde a este tipo de solicitudes de información, é curioso, así como entrega documentación doutros procesos cando se require neste caso nunca respondeu nin achegou nada, quizais é porque hai de razón en que as irregularidades rodean estes contratos, a fin de contas, como se ve, os empregados sempre somos os prexudicados e o Concello segue a facer o que lle peta.

10/09/14

A CIG solicitará información sobre a creación dunha praza de conserxe no aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín e a súa adxudicación directa sen concurso

O inicio do curso comeza de xeito complicado entre o persoal de limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín. Ás múltiples baixas que se veñen acumulando neste servizo no último ano e que están obrigando a que os delegados de prevención soliciten a avaliación do risco psicosocial polas repercusións que os problemas organizativos están tendo nas propias traballadoras do servizo, súmase o traslado dunha das traballadoras de limpeza para exercer funcións que non se corresponden coas reflectidas na RPT para o novo aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín, como apertura e peche do edificio entre outras funcións.

Estas novas funcións supoñen a creación dunha nova praza que no caso de ser cuberta por persoal do Concello debería saír a concurso a través dun procedemento interno ao cal debería ter acceso todo o persoal que reúna as condicións necesarias para optar a ese posto de traballo; desta volta, o Concello volve obrar como de costume e adxudica a praza directamente sen contar nin sequera coa posibilidade de seguir os procedementos legalmente establecidos para o caso, coas repercusións que, aínda por riba, terá isto para o persoal que fica no CEIP Francisco Vales Villamarín, con maior carga de traballo na mesma xornada laboral e cada vez menor número de traballadores.

A CIG solicitaralle información sobre este tema nos vindeiros días ao goberno municipal e instará ao Concello a que leve as cabo os procedementos legalmente establecidos para a cobertura de novos postos de traballo e modificación da RPT, e deixe a un lado prácticas clientelares de procedementos non negociados cos representantes dos traballadores que benefician a traballadores individuais fronte ao colectivo de todo o persoal que traballa neste Concello.

O Concello dificulta o acesso ao expediente da compañeira da CIG, a historia que non dá acabado...

Dúas semanas agardando e dúas solicitudes despois, o Concello ignora á compañeira delegada á que vén de abrirlle un expediente a pesar de que segundo o Real Decreto 33/1996 sobre o réxime disciplinario debe darlle acesso ao expediente. 

A compañeira solicitoulle unha copia completa da documentación contida no expediente aberto, incluída a Resolución da Alcaldía e o escrito presentado pola Sección sindical de UGT do Concello de Betanzos, e a maiores solicitoulle ao Concello que a chamase a declarar coa maior urxencia posible a ela e ás testemuñas dos feitos relatados de cara a aclarar estes e poder pechar canto antes este capítulo co que a UGT deste Concello demostrou a cara descuberta cal é a súa principal finalidade, axudar ao goberno municipal na súa cruzada contra os delegados sindicais da CIG a custa de calquera persoa e sen medir nin minimamente as posibles consecuencias para as persoas afectadas. Caso a parte merecen as acusación vertidas contra a CIG e a propia compañeira por parte do sindicato con minoría no Comité de Empresa contra as que xa se están a estudar as accións individuais e colectivas oportunas.

O goberno municipal, que tanta dilixencia tivo en lle abrir un expediente a unha delegada da CIG sen nin sequera mediar palabra con ela, ese mesmo que non tivo dilixencia ningunha para facerlle o mesmo ao secretario municipal cando a afectada foi a presidenta do Comité de Empresa, demostra o seu despotismo ao non lle entregar de inmediato toda a documentación a que a compañeira ten dereito a acceder. Así mesmo, ademais de ser oída a persoa afectada, deben ser oídos os representantes sindicais, tal e como obriga o artigo 68 do Estatuto dos Traballadores, que ata o momento tampouco foron convocados polo Concello. 

O diálogo está completamente roto nun momento no que o Concello non é quen nin de falar cos seus propios empregados, e actúa abrindo máis expedientes que todos os anteriores gobernos municipais na historia deste Concello; atrás quedan as declaracións do concelleiro de Persoal, Diego Fernández, aló polo 2011, cando dicía: "creo que é necesaria que haxa unha relación fluída entre ambas as partes (traballadores e goberno) que, polo que perciben, non era así nos últimos anos, con promesas incumpridas o que xerou situacións que non son as máis propicias para manter unha relación de normalidade no traballo" (páx.12 do Betanzos e a súa comarca de outubro de 2011). Agora, tres anos despois, estaría ben que lle repetisen a entrevista e que exemplificase onde está o diálogo, as promesas cumpridas e as melloras na situación do persoal laboral, porque os feitos demostran todo o contrario.

11/08/14

A CIG presenta alegacións á Relación de Postos de Traballo e ao capítulo de normas de persoal do orzamento 2014

A CIG presentou nos pasados días as alegacións ao capítulo de normas relativas ao persoal dos orzamentos 2014 e da Relación de Postos de Traballo.

Logo de examinar a documentación aprobada pola Xunta de Goberno o pasado 24 de xullo de 2014 e comprobar que era a mesma que a presentada na Mesa Xeral de Negociación aos sindicatos, simplemente coa corrección e engadido da data de antigüidade dalgúns compañeiros que antes non aparecía, a CIG decidiu presentar reclamacións á aprobación provisional do orzamento para que o goberno municipal as poida ter en conta de cara á aprobación definitiva do orzamento e Relación de Postos de Traballo.

Nos documentos rexistrados recóllense alegacións dende as retribucións complementarias solicitando que se corrixan as deficiencias, que se subsanen os erros indicados, e que o Concello faga público o manual do criterio de asignación dos niveis de complemento de posto e que lle asigne o devandito nivel a todos os postos de persoal laboral, que deben ter un dos 15 niveis de complemento de posto e a maiores explicar o motivo da asignación dun ou doutro complemento, así como todo o relativo aos complementos persoais, ao descolgue do convenio colectivo decidido nesta lexislatura polo Concello de xeito unilateral con respecto a un colectivo de traballadores que cobra por horas e supera con isto en retribucións á maior parte do resto do persoal cuxas retribucións se rexen polo convenio colectivo. Tamén se lle solicitou ao Concello que utilice os mesmos criterios de retribución ocasional polo desempeño de funcións superiores en vacacións, baixas etc para o persoal laboral e o funcionariado, advertindo que do contrario isto supón un agravio discriminatorio en función da relación contractual dos traballadores, así como que unifique e especifique os criterios retributivos do persoal ao abeiro de subvención de xeito que todos os traballadores en semellante situación contractual coñezan e se lles aplique o mesmo criterio con respecto ás retribucións básicas e complementarias.

Con respecto á Relación de Postos de Traballo as alegacións presentadas lembráronlle ao Concello que na documentación que o Concello aprobou en Xunta de Goberno o 24 de xullo de 2014 indica que esta Relación de Postos de Traballo é a do ano 2012, cando non ano 2012 non se aprobou ningunha RPT. No ano 2012, logo da aprobación duns orzamentos vinculada a unha cuestión de confianza a Relación de Postos de Traballo que o goberno municipal presentou non foi aprobada polo Pleno, e por tanto, tal e como se publicou no Boletín Oficial da Provincia n.º 224 de 23 de novembro de 2012 con respecto á probación definitiva do orzamento "O cadro de persoal corresponde co presuposto do exercicio de 2008, que foi publicado no BOP n.º 235 de 11 de outubro de 2008". Se no ano 2012 a RPT vixente era a do ano 2008 e esta non presenta ningunha modificación con respecto á que está en vigor a que o Concello presenta debería ser a do ano 2008. Hai que lembrar que a Xunta de Goberno Local, tal e como lembra o secretario municipal no informe que forma parte da documentación do orzamento, non ten entre as súas atribucións a modificación da RPT, por tanto non pode alterar as súas retribucións, só é o Pleno da corporación quen o pode facer. Entendemos, pois, que o Concello, está a utilizar unha Relación de Postos de Traballo que non foi aprobada nun pleno e única que pode permanecer vixente é a do ano 2008.

Con respecto a todo isto e baseándomonos en que a Xunta de Goberno Local non pode realizar unha modificación da Relación de Postos de Traballo no documento sinálanse polo miúdo todos os puntos en que se demostra que esta RPT ten modificacións con respecto á vixente do ano 2008 para finalmente solicitarlle ao goberno municipal que xunto co orzamento se indique que a RPT vixente é a do ano 2008 e se achegue esta, no caso de non querer iniciar un proceso de negociación, no canto de presentar unha de 2012 inexistente e con modificacións con respecto á de 2008 non negociadas cos representantes dos traballadores. A modificación de complementos e características que se presenta exixe negociación e debe ser aprobada polo Pleno, premisas que non foron cumpridas neste procedemento administrativo. Ademais, á vista de que o Concello non negociou cos traballadores as modificacións da Relación de Postos de Traballo, solicitouse que retire esta RPT e faga referencia e informe de que segue vixente a do ano 2008 xunto co orzamento 2014. Do contrario, solicitámoslle ao Concello que inicie un verdadeiro proceso de negociación cos representantes dos traballadores para a modificación e mellora da Relación de Postos de Traballo do Concello de Betanzos. Ademais solicitamos que se faga público o sistema de xestión da RPT que valora cada un dos postos e a aplicación deste eles que poña de manifesto os criterios empregados para a desproporción na valoración dos postos ocupados por persoal laboral fronte aos de funcionarios.

Alegacións Ao Capítulo de Normas de Persoal by cigconcellobetanzos

Alegacións á Relación de Postos de Traballo by cigconcellobetanzos