07/11/14

Novas solicitudes con respecto aos contratos, desta volta sobre o Conservatorio e a Escola Municipal de Folclore

O Comité un ano máis, e xa van tres, pregúntalle ao Concello sobre estas novas contratacións sen proceso selectivo e á marxe da legalidade de contratación na Administración pública. 

A maiores durante anos o Concello leva incorrendo nun claro agravio discriminatorio dunha parte do persoal destes servizos, o que só está contratado durante o curso escolar, non só fronte a algúns dos propios compañeiros e compañeiras contratados ao longo de todo o ano nos mesmos departamentos senón  tamén con respecto ao resto de todo o persoal laboral deste Concello ao pagarlles unhas retribucións claramente moi superiores ás recollidas no convenio e descolgando deste o Concello de xeito unilateral a un colectivo de traballadores para beneficialos fronte a todo o resto.

O certo é que, a fin de contas, o Concello, con este tipo de decisións, distingue claramente entre o persoal que privilexia e o que discrimina, ignora abertamente o recollido na normativa aplicable aos laborais do Concello en materia de retribucións, é dicir o convenio colectivo, e vulnera o dereito de negociación cos representantes xa que aplica unhas retribucións decididas unilateralmente e en base a uns criterios descoñecidos e sobre os que nin informa aos representantes dos traballadores.

Descoñecemos quen informa positivamente a unhas contratacions á marxe da existencia de procesos selectivos na Administración pública, e quen informou sobre a pertinencia de descolgue das retribucións do convenio colectivo a determinados traballadores para que cobren o triplo que o resto, pero o que está claro é que quen contrata é o Concello e que asina é o alcalde, por tanto xa sabemos quen escolle o persoal de primeira e de segunda, porque a fin de contas esa é a elección. 

"Sempre se fixo así" é un frase moi escoitada neste Concello, mais non hai que esquecer que iso non implica que se fixese ben, simplemente que todo foi tirando mentres ninguén cambiou as cousas, mais se algo nos teñen ensinado estes anos de xente dicíndonos que aquí non había nada que facer é que non é que haxa moito, é que hai moitísimo que facer, só que é un traballo sindical a longo prazo e onde se tardan en ver os resultados, mais desistir desde o principio nunca foi a nosa opción.

Entendemos que esta mellora dunha parte do persoal con respecto ao resto é realizada polo alcalde ano tras ano porque é consciente de que os salarios do persoal laboral son moi baixos, e aí concordamos, por iso, o que debería facer é igualar os de todo o persoal para non discriminar e demostrar que o Concello tamén tenta dar os pasos necesarios para tratar a todos os traballadores e traballadoras por igual e mellorar a súa situación, que cada vez é peor ao agravarse polo proceso de privatización ao que os distintos gobernos veñen sometendo desde hai anos ás Administracións públicas.

Deixámosvos aquí a solicitude rexistrada con respecto a este tema, o certo é que o Concello nunca responde a este tipo de solicitudes de información, é curioso, así como entrega documentación doutros procesos cando se require neste caso nunca respondeu nin achegou nada, quizais é porque hai de razón en que as irregularidades rodean estes contratos, a fin de contas, como se ve, os empregados sempre somos os prexudicados e o Concello segue a facer o que lle peta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario