Amosando publicacións coa etiqueta servizos públicos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta servizos públicos. Amosar todas as publicacións

04/08/15

Unha semana despois seguimos sen solución

Tal e como puidestes ver nos medios, o pasado martes aprobouse por unanimidade a moción que vos achegamos aquí. e que presentaron Betanzos Novo, Bloque Nacionalista Galego e Compromiso por Galicia en apoio ás reivindicacións do Comité de Empresa.

Pouco antes da concentración o voceiro do PP comunicoulle á presidenta do Comité o apoio do seu partido á moción e desde ese momento soubemos que sairía adiante mais a sorpresa foi que o propio PSOE votase a favor dunha moción para solucionar un problema que non só el mesmo creou senón que puido ter atallado hai xa ben tempo antes de chegar a esta situación.

Con anterioridade ao pleno os traballadores e traballadoras concentrámonos como protesta ante o desmantelamento do servizo, a privatización dos servizos públicos e en apoio ás compañeiras despedidas. Tamén nos apoiaron representantes de todos os partidos políticos da oposición e veciños e veciñas que se achegaron ata a Praza da Constitución.

Desde a Sección sindical da CIG queremos agradecer a todos e todas as asistentes o seu apoio aos servizos públicos en xeral e mais ao servizo de limpeza municipal en particular, tamén aos compañeiros e compañeiras que asistiron porque sabemos que aínda que hai cousas que cambiaron nestes anos aínda dar a cara pode tristemente traer consecuencias mais aínda así deron a cara en defensa dos servizos públicos e en apoio aos compañeiros e compañeiras do sector máis gravemente afectado na actualidade pola escasez de efectivos.

Cómpre destacar tamén o escaso apoio dos sindicatos con representación entre o funcionariado, que no caso de CCOO nin apoiou publicamente nin apareceu e no caso do CSIF fixo un brinde ao sol nos medios o mesmo día que non se materializou nun apoio físico na concentración nin en dar a cara polo servizo de limpeza no que tamén na actualidade hai persoal funcionario. Tamén é moi significativo que só hai dous anos UGT apoiase ao Concello nos despedimentos dos oito compañeiros e compañeiras do xa inexistente GRUMIR mesmo indicando logo de ter as sentenzas enriba da mesa que os seus despidos eran procedentes e defendendo ao goberno municipal ante tal inxustiza, e hoxe, dous anos despois, se posicione supostamente do lado das traballadoras despedidas, aínda que sen levar a cabo propostas de acción efectivas, e tente lavar a cara cando o único que deixa claro é que non usa o mesmo criterio para todos os traballadores, senón que os defenden ou non en función de se lle poden tirar proveito ao conto. 


O caso é que hai xa unha moción foi aprobada o martes pasado e o Comité de Empresa segue sen saber absolutamente nada do tema. A única novidade é a que xa advertiamos que con dous traballadores de vacacións, tal e como lles corresponde, o Concello conta só cunha única limpadora que se dedica ao Centro Cultural San Francisco e a Escola Infantil Municipal mentres o resto das dependencias apodrecen e o goberno municipal non se digna a facer efectiva a moción que el mesmo apoiou. A situación complicarase nas vindeiras semana co inicio do curso escolar e a inexistencia de persoal de limpeza para o aulario, para alén dos efectivos baixo mínimos con que contará a sede principal do centro unha vez que dous compañeiros se reincorporen das vacacións.

Resultou moi curioso que no pleno, o concelleiro de Persoal, Diego Fernández López, indicase que proximamente se ían dar de alta varios traballadores do servizo facendo alarde dos seus coñecementos e de decisións médicas que aínda están por vir, non sabemos se quizais nos contactos do Concello coa mutua se apuran as altas, mais realmente esta afirmación sobre a evolución do estado de saúde das baixas deixounos sorprendidos, porque un Concello que nin sequera prevé cubrir as vacantes por xubilación nin cubre as baixas de longa duración está preocupado da data de alta do persoal doente e aduce como solución a un problema grave de efectivos que non nos preocupemos, os que están enfermos proximamente se van poñer ben..., ás veces dá ganas de buscar a cámara oculta cando o concelleiro de Persoal abre a boca porque SOBE O PAN!

Desde a Sección sindical da CIG queremos denunciar que a unha semana de que o pleno aprobase a moción para a cobertura das baixas a situación non só non mellorou, senón que empeorou e de tres efectivos da limpeza a día de hoxe só temos coñecemento dunha persoa que estea traballando no mes de agosto. De seguir así o tema instaremos ao Comité a solicitar unha nova reunión co concelleiro de Persoal ou mesmo co alcalde, tentando esgotar todas as vías de diálogo para solucionar este caos que o desgoberno do Partido Socialista está causando no Concello de Betanzos, porque gobernar é tomar decisións ou executalas e, neste caso, o pleno xa tomou a decisión, e o goberno municipal só se ten que limitar a executala, mais polo que se ve, toma o seu tempo.

NON AO DESMANTELAMENTO DO SERVIZO DE LIMPEZA!!!

SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS

CONTRA A PRIVATIZACIÓN

READMISIÓN DAS COMPAÑEIRAS DESPEDIDAS

SOLUCIÓNS XA!!!!!!!!

22/07/15

Concentración contra o desmantelamento do servizo de limpeza, o martes 28 de xullo ás 20:10 h diante da Casa do Concello

O Comité de Empresa convoca para o vindeiro martes 28 de xullo ás 20.10 h, antes do pleno municipal, unha concentración contra o desmantelamento e a privatización do servizo de limpeza municipal. O horario non será definitivo ata que se convoque o pleno e é posible que varíe levemente en función do horario da convocatoria.

Logo da comunicación enviada aos partidos políticos amosando a preocupación polo estado do servizo a situación para nada mellorou, posto que días despois de quitar a unha traballadora de limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín do seu posto o Concello meteu no seu lugar a unha traballadora dunha empresa privada que xa prestou servizos no mes de xuño nas dependencias municipais sen que o goberno municipal informase en ningún momento ao Comité de Empresa. A maiores o vindeiro día 1 de xuño o servizo de limpeza de edificios ficará sen efectivos ao comezar as vacacións os únicos dous traballadores de limpeza de que dispón o Concello na actualidade e o Concello segue sen cubrir baixas nin vacantes e sobrecargando ao escaso persoal que queda de traballo.

Hoxe mesmo o concelleiro de Persoal recibiu aos representantes do Comité de Empresa  e indicou que acaba de solicitar informe ao secretario municipal para a cobertura das baixas, mais non hai que esquecer que isto chega xa bastante tarde, cun servizo en descomposición e con dous intentos de pivatización, primeiro no mes de xuño nas dependencias municipais e estes días no CEIP Francisco Vales Villamarín, ademais de que na última reunión na que estaba presente o alcalde o propio concelleiro incidiu en que non se solicitaran informes por escrito mais que as baixas non se cubrían porque verbalmente o informaran de que non era posible. O certo é que os vaivéns de opinión do Concello e a falta de determinación e toma de decisións están derivando nun claro deterioro do servizo público que ben podería servir de escusa para a privatización, e non observamos ata o momento unha vontade explícita para adoptar solucións.

Por todo isto, contra a privatización dos servizos públicos, o desmantelamento do servizo de limpeza e en apoio ás compañeiras de limpeza do aulario despedidas que veñen de facer as reclamacións previas contra os despedimentos improcedentes o Comité de Empresa convoca esta concentración  previa a un pleno no que Betanzos Novo, Compromiso por Galicia e Bloque Nacionalista Galego confirmaron que levarán propostas para buscar solución a este grave problema que está afectar seriamente ao servizo público de limpeza e que leva anos arrastrando e agravando a pésima xestión en persoal do goberno municipal.

CONTRA O DESMANTELAMENTO DO SERVIZO DE LIMPEZA

CONTRA A PRIVATIZACIÓN

SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS


16/07/15

O CONCELLO INICIA A PRIVATIZACIÓN DA LIMPEZA DO COLEXIO CEIP FRANCISCO VALES VILLAMARÍN A UNHA SEMANA DE QUE OS PARTIDOS DA OPOSICIÓN PROPOÑAN MOCIÓNS CONTRA O SEU DESMANTELAMENTO

A semana pasada o Comité de Empresa decidiu poñer en coñecemento dos partidos da oposición a precoupante situación do servizo de limpeza municipal que camiña cara ao desmantelamento e a privatización no caso de non se cubriren as baixas e vacantes existentes e que se deixe de despedir ao persoal contratado.

Logo de que xa tres partidos da oposición, Betanzos Novo, Bloque Nacionalista Galego e Compromiso por Galicia amosasen o seu apoio ás reivindicacións do Comité de Empresa e a súa intención de levar mocións a pleno na liña de apoio ao servizo como público e de xestión directa municipal o goberno vén de dar máis un paso adiante na privatización da limpeza municipal ao pór a unha traballadora dunha empresa privada a limpar o CEIP Francisco Vales Villamarín. No Departamento de persoal non hai coñecemento de contrato propio do Concello ningún e nin sequera había coñecemento de que unha empresa comezase a prestar estes servizos no colexio.

Hai un mes foi nas dependencias municipais, estes días comezou no colexio, as intencións do goberno municipal de privatización son claras e que o alcalde lle mentiu ao Comité de Empresa á cara nada máis comezar a lexislatura ao dicir que era algo circunstancial tamén. Primeiro non cubriron as vacantes por xubilación, logo as baixas nin de longa nin de curta duración, despois despediron ás compañeiras do aulario e agora directamente contratan a empresas. Parece xa claro que prepararon o terreo catro anos para finalizar o proxecto de privatización neste lexislatura, os feitos amosan con claridade este camiño.

A CIG propuxo que o Comité de Empresa se mobilice o vindeiro martes 28 de xullo con motivo do pleno para protestar contra a privatización deliberada á que o Concello está somentendo ao servizo de limpeza municipal e facer pública a nosa reivindicación a favor dos servizos públicos de xestión directa municipal porque O PÚBLICO É SERVIZO E O PRIVADO É BENEFICIO.

O Comité de Empresa tamén se porá de novo en contacto cos partidos da oposición para lle comunicar esta novidade, posto que é o primeiro e decidido paso cara a privatización da limpeza no colexio público municipal e consideramos que debe ser coñecida a situación por todos os partidos con representación.

22/01/15

Solicitude de cobertura de baixas

A CIG vén de solicitar por rexistro que o Concello cubra as baixas dos servizos para que estes poidan funcionar do mellor xeito posible e estas non redunden nunha sobrecarga de traballo no resto do persoal dos departamentos afectados. Tentaremos transmitirlle tamén ao concelleiro de Persoal a preocupación pola non resolución destas situacións, especialmente nos casos que son previsibles, como é o casos das baixas por maternidade e/ou paternidade.

22/03/12

Servizos públicos. Si, grazas!

A CIG lanza unha campaña pola dignidade das persoas empregadas públicas e a defensa dos servizos públicos preténdese deste xeito, responder de forma activa ante os continuos ataques e recortes que están a padecer os empregados e empregadas públicos/as e, e forma preventiva, amosar a forza das persoas que traballan na administración.

Panfleto _campaña_dignidad_e