02/03/15

Queixas pola sobrecarga de traballo

Tal e como informabamos hai uns días a sobrecarga de traballo en determinados departamentos derivada da pésima xestión que da área de Persoal se leva neste Concello está supoñendo un exceso de traballo que recae en traballadores puntuais do servizo de limpeza mentre se destina a outros a funcións para as que non foi contratado. 

Na actualidade de 5 postos non cubertos por baixa e/ou xubilación, só se cubriu unha baixa temporal, o que supón que este servizo contaría con catro traballadoras menos, iso sen ter en conta a quen na RPT ten un posto de limpeza que na práctica non se realiza e que a maiores hai un aulario que se sumou aos edificios para limpar. A distribución do traballo neste servizo vén sendo un problema grave de organización desde hai anos que o Concello non dá solucionado, só hai que pensar que na actualidade hai o mesmo número de traballadores de limpeza para o aulario que para o CEIP Francisco Vales Villamarín, o que escapa a toda lóxica tendo en conta o número de alumnado dun centro ou doutro, así como o mencionado caso da compañeira a piques de se xubilar que ten 9 edificios para limpar.

O Comité de Empresa presentou por estes motivo e por iniciativa da CIG, unha queixa formal ao goberno municipal pola sobrecarga laboral que está a recaer en determinadas traballadoras mentres se destina persoal deste servizo a outras funcións, o que supón unha manifesta discriminación e repercute de xeito negativo na saúde do persoal afectado, ao que á situación inicial de non cobertura de baixas e xubilacións se lle une une estoutra situación. Por este motivo solicitoulle ao Concello que distribúa os efectivos de xeito que a carga de traballo sexa equitativa e non incorra en agravios discriminatorios, lembrándolle, ademais, que unha grande parte das baixas laborais deste Concello se producen no servizo de limpeza.


Ningún comentario:

Publicar un comentario