A
CIG aproveitará a conmemoración do 10 de Marzo, Día da Clase
Obreira Galega, para reivindicar “emprego e salarios dignos” como
único xeito de frear o empobrecemento da maioría social a causa das
políticas que está a aplicar o PP en Galiza e no conxunto do
Estado. A central nacionalista fai un chamamento a participar nas
mobilizacions convocadas ao longo da xornada nas sete cidades
galegas. O acto central da xornada, no que participará o
secretario xeral, Suso Seixo, terá lugar unha vez máis en Ferrol e
consistirá nunha ofrenda floral en memoria de Amador Rei e
Daniel Niebla e nunha manifestación.
O
acto central deste 10 de Marzo, que se celebra baixo o lema 'Contra a
pobreza. Emprego e salarios dignos', terá lugar unha vez máis en
Ferrol e consistirá nunha manifestación e na tradicional ofrenda
floral aos pés da estatua que lembra os sucesos de 1972, en memoria
de Amador Rei e Daniel Niebla, vítimas mortais da brutal represión
fascista que acompañou a loita obreira e popular daquelas semanas.
O
secretario xeral da CIG, Suso Seixo, participará tanto na ofrenda
floral, prevista para as 12.30 horas, como na manifestación que
arrincará do local sindical, na Avenida de Esteiro, ás 20.00 horas.
10
DE MARZO. DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA
Contra
a pobreza. Emprego e salarios dignos
Galiza
conta na actualidade con 969.000 asalariados/as, dos/as cales 301.000
-o 31%- ingresan menos do salario mínimo interprofesional (648€/mes)
e, neste grupo, 177.000 traballadores e traballadoras teñen un
salario menor a 200€/mes, o 18,2% do total. No Estado máis de 2
millóns e medio de persoas están nesta situación. O salario en
Galiza perdeu o 11% da capacidade adquisitiva en 5 anos.
A
causa desta fractura que mantén a xente con traballo na indixencia,
está na brutal reforma laboral aprobada no ano 2012. Aquela reforma
solicitada polas grandes empresas e a Banca, que son os que realmente
mandan no Partido Popular, orixinou unha multiplicación da
precariedade, con masivos contratos de 1 ou 2 horas á semana ou
menos de 10 horas ao mes. Estas persoas non contan como
desempregados/as; se contasen e sumásemos os 80.000 mozos e mozas
que marcharon á emigración nestes 5 anos, o paro en Galiza
superaría o 40%. Esta é a mellora nas estatísticas de paro que
presentan o Goberno español e a Xunta.
O
Goberno do Partido Popular coas reformas impostas está empobrecendo
a clase traballadora de tal maneira que, xa hoxe, ter traballo non
garante unha vida digna. O PP, inzado pola corrupción, segue adiante
coas súas políticas antisociais desaloxando miles de familias das
súas vivendas, provocando que o 25% dos/as menores de 14 anos teñan
problemas severos de alimentación ou dificultando o acceso aos
medicamentos a moitos cidadáns como as persoas afectadas pola
hepatite C. A isto súmase o recorte das liberdades públicas, unha
forte represión contra os movementos sociais e a modificación de
leis como o Código Penal e a Lei de Seguridade Cidadá.
A
conmemoración do 10 de Marzo é unha data de referencia de loita da
clase obreira galega, que no ano 1972 deu un exemplo de loita,
especialmente en Ferrol e Vigo, contra a ditadura, para ter dereito a
negociar convenios en Galiza, para mellorar os salarios, para reducir
a xornada de traballo de 6 días á semana; cunha dura represión que
custou dúas vidas obreiras e centos de persoas detidas. Agora, 43
anos despois, unha nova ditadura dos máis ricos, dos capitalistas
castizos de Madrid, da banca e das grandes empresas, que defraudan
máis de 80.000 millóns ao ano a través de filiais en paraísos
fiscais -tal e como denuncian os inspectores da Facenda-, ten o noso
pobo nunha situación crítica de emerxencia.
É
preciso seguir a oporse con firmeza a esta situación de opresión e
de explotación. Necesitamos decidir nós mesmos/as o noso futuro,
ter a soberanía sobre o que nos é vital para unha vida digna.
Defender os nosos intereses como nación fronte a España e Europa,
que non contan coa nosa opinión, que nos usan como consumidores/as e
como fonte de recursos e man de obra barata, que nos asimilan no seu
idioma atacando o que nos é propio. Ou seguimos o exemplo de loita
da clase obreira galega do 72 ou deixaremos de ter futuro como pobo.
Mobilízate coa CIG o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega!
Lugar
e hora das mobilizacións
FERROL: Manifestación
nacional dende Avenida de Esteiro (local da CIG), ás 20.00 horas.
A
CORUÑA: Manifestación,
20.00 horas, dende a Praza de Vigo.
COMPOSTELA: Manifestación
dende a Praza Roxa ás 20.00 horas.
LUGO: Manifestación
dende o local da CIG (Ronda da Muralla, 58), ás 20.00 horas.
OURENSE: Asemblea
de delegados/as no edificio sindical (Parque de San Lázaro) e
manifestación até a Xunta, ás 11.30 horas.
PONTEVEDRA: Asemblea
de delegados/as e concentración na Praza da Peregrina ás 12.00
horas.
VIGO: Manifestación
dende a Doblada ás 20.00 horas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario