A CIG, como sindicato, e a partir deste momento, tomará parte nas Mesas Xerais de Funcionarios, a estas asistirán a representante da CIG no Concello e Betanzos, Silvia Muíño, e o noso asesor de CIG-Administración local, Roberto Tizón. A Mesa Xeral de Funcionarios é o organismo que negocia o Acordo Regulador de Funcionarios/as toda vez que os funcionarios non teñen Comité de Empresa e que son os sindicatos os que directamente negocian coa Administración.
Cómpre sinalar, que, por primeira vez, parece que existe coherencia, entre o defendido na reunión con laborais e con funcionarios, aínda que hai varios puntos que é importante destacar do comentado polo asesor da empresa.
Tal e como se comentou na Comisión Negociadora do Convenio de laborais o que está acordado, que no caso de funcionarios pouco era, mantéñeno e a partir de aí achegaranlle aos sindicatos unha nova proposta de texto elaborada pola empresa na semana que vén.
Á vez que se levan a cabo estas negociacións o Concello traballará nun novo organigrama administrativo e tentará facer unha valoración de postos de funcionarios/as aínda que o esforzo de equiparación salarial será no persoal laboral, algo que consideramos totalmente lóxico tendo en conta non só as diferenzas, senón o volume de persoal contratado nesta Administración. Aplicarase, en permisos, licenzas e vacacións o principio de norma máis favorable e mesmo fíxose alusión aos días de antigüidade nas vacacións e a unha sentenza que lle recoñece ese dereito a unha compañeira delegada na CIG Autonómica-Ferrol e a posibilidade de recoñecer ese dereito no acordo baixo o principio de norma máis favorable.
Ademais disto, o certo é que o funcionariado, ao contrario que o persoal laboral, non se xoga moito no acordo regulador porque demasiadas cousas veñen impostas por normas superiores de aplicación, supoñemos que os maiores conflitos virán dados pola valoración dos postos de traballo tendo en conta que á vista dos complementos específicos na actualidade, tampouco nos funcionarios, están avaliados de xeito correcto e ás veces fan sospeitar que non se refiren a postos de traballo, senón a persoas, doutro xeito non se poden explicar semellantes diferenzas salarias entre persoal da mesma categoría e nivel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario