18/03/14

Aberto o prazo para solicitar a prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos

As persoas beneficiadas poderán percibir 360 euros por cada crianza

A Secretaría de Muller da CIG informa da publicación no DOG da orde pola que se establecen as bases para a concesión da prestación económica de pagamento único por fillos e fillas menores de tres anos para este 2014. A Xunta volve excluír destas axudas, por terceiro ano, ás persoas que o pasado ano presentaron a declaración da renda, aínda sen ter a obriga de facelo, polo que será moi reducido o número de posíbeis beneficiarias da axuda.

Poderán beneficiarse desta prestación aquelas persoas que teñan fillas/os menores de tres anos a 1 de xaneiro de 2014 (nacidos entre o 2.1.2011 e o 1.1.2014, incluídos) e que, durante o ano 2012, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso.
A prestación consistirá nun pagamento único de 360 euros por cada crianza menor de tres anos e o  prazo para entregar as solicitudes estará aberto até o vindeiro sábado 26 de abril.
No arquivo adxunto podes consultar a orde publicada no DOG e descargar o formulario de solicitude.


Ningún comentario:

Publicar un comentario