05/03/14

O Sector de local da CIG-Administración elixe a Xabier Rodríguez Cerdeiro como Secretario Nacional

Celebrou a súa VI asemblea o pasado sábado, día 1 de marzo, en Compostela

O Sector de Local da CIG-Administración celebrou, o pasado sábado, a súa VI asemblea, na que resultou elixido como secretario nacional Xabier Rodríguez Cerdeiro. No decurso da mañá debatéronse as liñas de acción sindical arredor das que xirará o traballo do sector nos vindeiros catro anos e analizáronse as consecuencias das políticas impostas polo Partido Popular, nomeadamente a perda de dereitos laborais e salariais e o desmantelamento, na práctica, da administración local tras da aprobación da "Lei de sostenibilidade e racionalización da Administración Local".

Foron precisamente as políticas impostas polo PP e as súas consecuencias as que suscitaron maior debate porque poucos meses despois da última Asemblea Nacional –celebrada hai catro anos- estas obrigaron ao sector a mudar a liña de acción sindical acordada. E é que neste período aprobouse, primeiro, o Decreto Lei 8/2010, que supuxo a perda dunha media dun 5% nas súas retribución ademais doutros dereitos e a partir de aí varios decretos máis que continuaron recortando  tanto as retribucións, como outros importantes dereitos adquiridos. Entre outros subliñaron o RDL 20/2012 que “supuxo un grave prexuízo especialmente en aspectos como as baixas laborais con descontos nas retribucións, diminución do días de vacacións, permisos e licenzas, ampliación da xornada e recorte de horas sindicais”.

Do mesmo xeito, denunciaron a redución á mínima expresión da negociación colectiva, o que obrigou a centrar o traballo sindical en organizar e levar a cabo diferentes concentracións, manifestacións e outra medidas de protesta social en contra de todos os estes recortes, que na maioría dos casos foron secundados por outros sindicatos. Porén, subliñaron que “en importantes ocasións tivemos que saír solos a rúa por exemplo na folga xeral do 27 de xaneiro do ano 2012 data na que os sindicatos estatais estaban asinando o aumento da idade de xubilación co goberno estatal”.

Malia a escasa marxe de negociación que lles quedou tras se aprobar as reformas laborais o sector de Local salientou os seus esforzos por oporse á aplicación dos diferentes decretos nas mesas de negociación dos concellos galegos e naqueles que non foi posíbel, “procuramos minimizar os efectos devastadores que para as empregadas/os públicos supoñía a implantación de medidas que nos facían retroceder varias décadas respecto aos dereitos adquiridos”.

Lei de Sostenibilidade e Racionalización da Administración Local

Con todo, salientaron pola súa especial gravidade, a probación en 2013 da Lei de Sostenibilidade e Racionalización da Administración Local, que abre as portas ao desmantelamento da Administración local. O sector de local da CIG-Administración lembra que máis alá de solicitar a súa retirada fixéronse diversos actos de protesta para impedir a súa aprobación que finalmente se levou a cabo no mes de decembro entrando en vigor curiosamente o día 28 (Santos Inocentes).

Ante o alcance e as consecuencias desta lei, o sector concluíu que “estamos, sen dúbida, ante o maior ataque aos traballadores/as do noso sector pois a pretensión principal desta Lei e reducir drasticamente as competencias dos Concellos para que determinados servizos pasen a depender das Deputacións Provinciais e da Xunta de Galicia e outros deixaranse de prestar co conseguinte perigo de despedimento para moitos/as empregados/as públicos do sector local”.
Por iso acordaron centrar o seu labor nos vindeiros anos en rexeitar a aplicación desta lei, nomeadamente naqueles aspectos que poñan en perigo os postos de traballo de calquera empregada/o da administración local e continuar manifestando a súa oposición á aplicación da taxa de reposición de efectivos “favorecedora da privatización dos servizos e da precariedade laboral nas administracións públicas”.

Respecto da Policía Local, salientaron que en cada Concello o cambio de grupo levouse a cabo de distintas formas, por mor das eivas da Lei de Coordinación. “Aqueles máis afortunados conseguiron realizar o cambio con incremento das súas retribucións polo cambio de grupo, mentres outros levaron a cabo este cambio absorbendo este incremento da produtividade e mesmo no complemento especifico”.

No relativo aos servizos de extinción de incendios, ademais dos Bombeiros municipais, pasaron a formar parte do sector os bombeiros que traballan nas empresas concesionarias dos parque privados. A este respecto lembraron que a alarmante situación creada pola Xunta e Deputacións pola aposta polos parques comarcais privados e comarcalización dos municipais sen negociación da modificación das condicións de traballo obrigou a reaccionar de inmediato, convocándose importantes manifestacións pola defensa dun servizo público galego de emerxencias diante do Parlamento, Consellería e das Deputación de A Coruña e Lugo.

Presenza nos centros de traballo

Para enfrontar esta situación, de cara aos vindeiros anos, marcáronse como obxectivo situar á CIG como principal referente no sector, reforzando a posición que xa ten no mesmo e mobilizar ás compañeiras e compañeiros nos centros de traballo, para que participen activamente nas accións de protesta sindical e social que se poñan en marcha contra as políticas do PP.

Para iso, subliñaron a necesidade de incrementar a presenza nos centros de traballo e de manter ás traballadoras e traballadores permanentemente informadas/os antes, durante e despois das negociacións. Xunto a isto, valoraron tamén a necesidade de implicar na vida sindical a delegadas e delegados, garantindo unha formación sindical axeitada en materia de dereitos e garantías sindicais e o ideario, funcionamento, criterios a seguir na negociación colectiva e as directrices do sindicato en materia de estratexia, acción sindical, distribución da información e demais; incrementar a afiliación, como base principal do sindicato e, de cara ás próximas eleccións sindicais consolidarse como segunda forza no sector.

Negociación colectiva

O sector de Local sinala, no relatorio a debate na Asemblea, as diferentes condicións de traballo entre uns concellos e outros por mor da falla de regulación e a consecuencia de que estas son estabelecidas  “por capricho do edil de turno, con criterios caciquís e carentes de obxectividade”. Considera que esta é a causa pola que moitas empregadas e empregados públicos locais non gozan de algúns permisos e licencias, carecen de fondos sociais, anticipos... e as súas retribucións “baséanse nas prefixadas polo Goberno do estado ou polo Alcalde de forma arbitraria, sen ningunha posibiliddae de negociar nada”.

Por iso estabelecen a necesidade de homologar esas condicións de traballo e para iso consideran imprescindíbel dotarse dun marco de relacións laborais propio para as administracións públicas galegas. Porén sinalan que “isto estará condicionado pola forza coa que sexamos capaces de defender estas propostas no proceso negociador da Lei de Función Pública Galega”.

O sector de Local tamén se marca como obxectivo reducir a temporalidade na administración local; procurar estabelecer por todos os medios, nos convenios colectivos e acordos marco cláusulas de revisión salarial automática, de cara a evitar futuras desviacións do IPC; pelexar por acadar a xornada laboral de 35 horas; defender a creación de fondos de acción social constituídos polo menos co 1% da masa salarial de cada ámbito de negociación; loitar contra o adiamento da idade de xubilación e defender a xubilación parcial voluntaria das empregadas e empregados públicos.

En materia de seguridade e saúde laboral exixirá a constitución dos servizos de prevención propios, tendo en conta a particularidade dos distintos centros de traballo; avaliación de riscos para a seguridade e a saúde dos empregados e empregadas públicas en cada centro de traballo; constitución inmediata dos Comités de Seguridade e Saúde estabelecidos na Lei, coa dotación axeitada de medios para o seu funcionamento; garantir dentro dos servizos públicos de saúde, polos que deben poder optar todos os traballadores e traballadoras de forma individual, o aceso a recoñecementos médicos completos e periódicos, a inspección das condicións sanitarias e hixiénicas dos locais de traballo, à realización de campañas informativas e preventivas de riscos para a saúde e aos estudos sanitarios e epidemiolóxicos necesarios, así como a inclusión de protocolos médicos específicos nos centros de traballo e recoñecementos médicos, urolóxicos e xinecolóxicos voluntarios, con carácter anual.

Acción Sindical

Dada a actual situación, a VI Asemblea do sector de Local da CIG-Administración acordou centrar a súa acción sindical en facer fronte aos recortes laborais, das retribución e a destrución de emprego nas administracións públicas. Xunto a isto, acordaron centrarse na defensa do público, reclamando a supresión das diferentes modalidades de privatizacións xestoras dos entenes públicos así como das asistencias técnicas. Comprometéronse, xa que logo, a defender a xestión directa dos servizos públicos locais, con empregados/as propios/as das corporacións, opoñéndose a que “os servizos básicos prestados aos cidadáns se convertan en negocio para empresarios privados pois merman a calidade do servizo, producen precarización das condicións laborais e, xeralmente, provocan o encarecemento das taxas e prezos públicos que soporta a cidadanía”.

Outro dos elementos no que farán fincapé durante este período será na normalización da lingua galega na administración local. Por iso defenderán que nos acordos e convenios colectivos figure unha regulación sobre o dereito das/os empregadas/os públicas/os ao uso da lingua galega e o cumprimento polas respectivas administracións da Lei de Normalización Lingüística de Galiza.
Para levar a cabo todos estes compromisos entenden que a actividade sindical da CIG non debe cinguirse exclusivamente nin á mesa de negociación anual, nin ao proceso de eleccións sindicais. “Debemos ser partícipes do seu facer diario, do día a día. Esta é a única forma de evitar que os dereitos se convertan en favores”, concluíron.


Ningún comentario:

Publicar un comentario