18/03/14

As organizacións sindicais da Mesa Xeral da Función Pública anuncian a presentación de máis de 400 contenciosos

Son demandas relativas á parte da paga extra do ano 2012 devengada ao funcionariado galego

As organizacións sindicais con presenza na Mesa Xeral da Función Pública de Galiza anunciaron, esta mañá en rolda de prensa, a presentación de máis de 400 demandas pola vía do contencioso-administrativo relativas á paga extra do ano 2012 do funcionariado galego. Xunto a isto demandaron da administración o pagamento da parte correspondente desa paga extra sen chegar á vía xudicial para evitar as custas derivadas.


María Carme López Santamariña, representante da Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Saúde, CIG-Administración) explicou que hai xa varias sentenzas favorábeis onde se recoñece o dereito á percepción da parte devengada da paga extra do ano 2012 “que nos fora roubada por parte de todas as administracións” a raíz das demandas presentadas perante os xulgados tanto para persoal laboral como funcionario.
Lembra que no caso do funcionariado, a diferenza do persoal laboral, ten que se acudir á vía administrativa porque non dispón dos recursos xurídicos que teñen os laborais a través de conflito colectivo e que por iso “teñen que presentarse demandas individuais por cada un dos centros pagadores das administracións públicas (Ensino, Sergas, universidades, concellos, deputacións...)”.
López Santamariña agarda que “as administracións, de unha vez, fagan efectivo o pagamento da parte da paga extra de 2012 sen obrigar a colapsar xulgados e mesmo evitando que a administración teña que facer fronte ás costas que vén impoñendo a xustiza”. Costas cuxa contía media ascende a uns 300€.
A portavoz da Área Pública denuncia que deste xeito as administracións están “dilapidando cartos públicos” sen lles importar que as contías das costas xudiciais sexan moi superiores ás contías da paga extra que teñen que devolver. “Prefiren gastar cartos que son de todas e todos nós para retrasar uns pagos que ao final van ter que facer efectivos empeñándose mesmo en facer recursos a canta sentenza favorábel que sae dos xulgados”.
A isto engade que estes cartos “deberían ser destinados a mellorar a calidade dos servizos públicos e a garantir que conten con persoal suficiente para unha axeitada atención e prestación dos mesmos”.
Todo o mundo sabe que a día de hoxe estamos con taxas de reposición cero, prohibición de ofertas de emprego, amortización de prazas vacantes co cal a situación, a día de hoxe, en todos os servizos públicos é moi precaria e mesmo ten provocado xa a desaparición de servizos básicos que se ben deben ser sempre considerados esencias, o son aínda máis en momentos de crise como estes.

Máis info en www.galizacig.org

Ningún comentario:

Publicar un comentario