19/03/14

Comisión Negociadora do convenio colectivo, 18 de marzo de 2014

Onte tivo lugar a primeira reunión da Comisión Negociadora do convenio do ano 2014, xa que dende abril do ano 2013 esta Comisión levaba sen se reunir e, por tanto, a negociación do convenio estaba ata o momento paralizadísima.

Desta volta, de parte do Concello, asistiron Antonio Vara, en calidade de secretario, Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e Javier Ferreira, como asesor do Concello, pola parte social asistiron, Marcos Dopico, Silvia Muíño e José Luis Sobrino como membros da Comisión Negociadora designados polo Comité de Empresa, e como asesores Roberto Tizón pola CIG e José Ángel Montes pola UGT. É significativo que os asesores funcionarios que asistían en anteriores ocasións por parte do Concello quedasen a un lado coa entrada en escena da empresa, e os que antes dicían si e non, agora nin sequera asisten ás mesas de negociación.

A actitude por parte da empresa foi significativamente mellor que en anteriores ocasións, e a idea principal da reunión foi a exposición da metodoloxía de traballo que tentan propoñer coa idea de chegar a un acordo e que no verán deste ano haxa un novo convenio, esa é a idea do Concello, o tempo desmostrará se as intencións desta volta son certeiras.

A principal novidade é que o Concello pretende, agora, negociar sobre un texto presentado pola empresa e que será entregado na vindeira semana á parte social da Comisión, baixo a premisa de que o texto presentado polo Comité de Empresa non está adecuado á lexislación laboral vixente porque foi presentado en xaneiro de 2012 e aprobado pola asemblea de traballadores en decembro de 2011. Certo é que o Comité de Empresa leva dous anos advertíndolle ao Concello que este era un dos riscos que corriamos por dilatar a negociación e o resultado final é que o texto que negociaremos finalmente non vai ser a proposta que o persoal laboral aprobou en asemblea, senón un novo que será achegado nos vindeiros días, e a única culpa disto tena o Concello de Betanzos por levar dous anos atrancando a negociación do convenio colectivo mais as consecuencias págaas todo o persoal laboral en canto tiña coñecemento do que se estaba a negociar e agora a negociación continuará cun texto diferente, para o propio Comité de Empresa este é un traballo a maiores, porque o texto anterior estaba consensuado polos dous sindicatos con representación neste, e aínda que a CIG ten a maioría no Comité e podería tomar as decisións que estime oportunas, o certo é que sempre é preferible chegar a acordos, por moi difícil que resulte, en ocasións, facelo con delegados sindicais instalados na defensa das irregularidades que a Administración comete.

En principio o bosquexo de información que o Concello nos ofreceu (sempre por boca do asesor da empresa, porque o concelleiro de Persoal non dixo nin chío), foi que negociaremos sobre o texto do Concello, modelo da empresa utilizado noutras administracións e que non difire en grande medida do presentado polo Comité de Empresa, aínda que o capítulo de retribucións deixarase para o final porque o Concello ten que facer "contas" e logo hase saber o que se pode amañar para tentar reestruturar algún dos desequilibrios retributivos existentes no persoal laboral. A idea do Concello é que en xuño estea acordado o convenio, e con cada texto que se presente haberá un sistema de funcionamento por escrito que tente facilitar  traballo nas Comisións Negociadoras de xeito que alí so se tratarán os puntos de discrepancia entre a parte social e o Concello. Paralelamente a esta negociación irán facendo un organigrama, a día de hoxe inexistente neste Concello, que se presentará en Mesa Xeral de Negociación mais nunha fase posterior á aprobación do convenio colectivo.

Algunhas das cuestións concretas que se exemplificaron e que a empresa proporá teñen que ver cunha xornada semanal de trinta e sete horas e media con certa felexibilidade que permitirá que non se desconten determinadas ausencias, unha vez instalados os reloxos de fichaxe; esta certa flexibilidade sempre terá un límite diario, semanal, mensual e un número de horas anual que non se poderá exceder. Preténdese facer unha homologación en permisos, licenzas e vacacións co funcionariado ao abeiro do Estatuto Básico do Empregado Público, tendo en conta sempre o principio de norma máis favorable. Canto ás horas extras, tal e como era a proposta de Comité, no caso de se cobrar será por categoría profesional, de xeito que todo o persoal dunha mesma categoría profesional cobre o mesmo e saiba o que lle corresponde por traballo extra realizado.

Unha outra proposta do Concello, que se negociará ao final por ser un tema de retribucións, é que o Concello pretende reformular os conceptos retributivos do persoal laboral sen redución salarial mais non para homologalos cos de funcionarios senón para refundilos e simplificar as nóminas, que é o certo é que esta é das ideas que nos suscita máis dúbidas e que haberá que estudar moi a fondo. A maiores, quérese engadir algunha previsión canto á consolidación de postos e funcionarización do persoal laboral mais pensando a longo prazo, non nun futuro inmediato, e que será pertinente ou non dependendo da vixencia que finalmente teña o convenio.

En conclusión, onte houbo unha declaración de intencións por parte do Concello que aínda é axiña para valorar se será positiva ou negativa para a mellora do conxunto do persoal laboral do Concello de Betanzos, iso haberá que ilo valorando segundo decorra o tempo e teñamos máis información sobre as intencións do Concello e como vai cambiar isto o marco no que traballamos, mais se algo hai que ter claro é que o convenio colectivo só se pode acordar se Concello e os traballadores están de acordo, non é, coma noutras decisións algo que unilateralmente pode acordar a Administración. 

A partir de agora e ata que finalice o proceso informarase puntualmente de todas as decisións, que nas primeiras reunións é posible que non sexan moi relevantes posto que temos un marco normativo que nos constrinxe en certos aspectos e simplemente constará no texto mais non hai moitas posibilidades de negociación, pola contra, é posible que cara ao final do proceso, cando se propoñan as maiores mudanzas que poidan afectar ao persoal laboral se convoquen novas asembleas para informar e tomar decisións, nomeadamente, a intención da CIG é, antes de asinar ningún acordo do Concello, que o texto finalmente acordado, no caso de que se chegue acordo será sometido á valoración da asemblea de traballadores, e será esta a que decida que é o que se debe facer, porque lle afecta a todo o persoal e é este o que debe decidir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario