05/03/14

A CIG solicita a compensación dos festivos nacionais con dous días de asuntos propios máis para o ano 2014


A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos vén de solicitar a compensación dos sábados 1 de novembro e 6 de decembro de 2014 con dous días de asuntos propios máis ao abeiro  da Resolución do 12 de marzo de 2013, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas, e onde se recolle que: “se incorporará un día adicional de asuntos persoais por cada unha das festividades laborais de ámbito nacional de carácter retribuído, non recuperable e non substituíble pola Comunidade Autónoma, cando coincidan con sábado no dito ano”. Ademais, tal e como lle indica ao Concello, segundo o recollido no artigo 4 do propio Convenio colectivo do persoal laboral as melloras establecidas noutras disposicións de calquera rango, que sexan recoñecidas con posterioridade, serán de aplicación segundo o principio de norma máis favorable”.

Debido a isto, a CIG solicitoulle ao Concello que tome o acordo de concederlle ao persoal laboral do Concello de Betanzos dous días adicionais de asuntos propios e que, en aplicación deste, se comunique a todo o persoal que serán seis os dias de asuntos propios para o ano 2014 para que os diferentes servizos se poidan ir organizando.

Agardamos que o Concello responda coa maior brevidade posible a esta solicitude e non faga como en anos anteriores que publicou as resolucións correspondentes a este tipo de temas a finais de ano e a última hora, indo en detrimento da propia organización interna dos servizos para o desfrute deste tipo de dereitos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario