23/09/15

A Inspección de Traballo dálle a razón aos delegados de prevención da CIG unha vez máis

Logo de que os compañeiros delegados de prevención da CIG do anterior Comité de Empresa presentasen unha denuncia na Inspección de Traballo polas insalubre condicións da Oficina de Turismo, a Inspección de Traballo, logo da visita oportuna vén de remitir unha comunicación onde lle dá a razón aos delegados da CIG e lle require ao Concello unha morea de actuacións que debe acometer no local para este reúna as condicións de salubridade e seguridade aceptables.

Desde a CIG consideramos completamente lamentable que logo de anos alertando da situación houbese que acudir á Inspección de Traballo para que corrobore as nosas críticas ás condicións en que traballa o persoal adscrito ao servizo e que o Concello siga sen solucionar a situación e queremos que sexan de coñecemento público as deficiencias preventivas confirmadas no informe elaborado polo Servizo de Prevención de Riscos da Inspección de Traballo e os requerimentos que o organismo lle fixo á Administración local:

1. Efectuar as oportunas revisións e verificacións da instalación eléctrica.
2. Sinalizar oportunamente os cadros eléctricos.
3. Tapar oportunamente os cadros eléctricos para evitar contactos directos.
4. Elevar a caixa de conexións para evitar riscos durante as tarefas de limpeza.
5. Elaborar e implementar un plan de urxencia e evacuación do centro de traballo.
6. Revisar o extintor do centro.
7. Sinalizar os equipos de extinción e as vías e saídas de evacuación.
8. Mellorar as condicións de iluminación, especialmente no posto de PVD e no mostrador de atendemento ao público.
9. Manter as condicións termohigrométricas do centro de traballo, especialmente con relación á humidade deste.
10. Mellorar as condicións de orde e limpeza do centro de traballo, prestando especial atención a:
Eliminación do verdín das paredes.
Localización dos materiais en estanterías.
Localización dos produtos e útiles de limpeza nun armario específico e oportunamente sinalizado.
Dispoñer dun cartel de sinalización do solo húmedo.
11. Eliminar os reflexos do posto de PVD.
12. Facilitar repousapés para a realización de actividades nos postos de traballo con PVD.
13. Facilitar aos traballadores formación e información preventiva específica dos riscos do seu posto de traballo.

Aquí tendes a resposta da Inspección de Traballo ao completo:


Ningún comentario:

Publicar un comentario