23/09/15

Permisos por asuntos particulares por antigüidade e días de vacacións por antigüidade

Logo da aprobación do Decreto 10/2015 ao persoal da Admón estatal veñen de lle devolver unha serie de dereitos roubados logo da aprobación do Decreto 20/2012. Esta norma, publicada hai uns días abre a porta á negociación en cada Administración da devolución destes permisos mais con diferente casuística, no caso dos asuntos propios por antigüidade haberá que negociar a súa aplicación, no caso dos días de vacacións por antigüidade cada Administración poderá negociar non só a súa aplicación senón tamén os prazos para acadalos.

Ante este panorama a CIG solicitou que se convoque canto antes a Mesa Xeral de Negociación para negociar a aplicación no Concello de Betanzos a devolución dos días por asuntos propios e de vacacións por antigüidade contemplados nesta norma e recuperar estes dereitos que xa o Partido Popular nos roubou hai tres anos. Agardamos que nesa Mesa Xeral o Concello non poña problemas para a recuperación dos dereitos roubados polo goberno do Estado e que o mesmo goberno lles acaba de devolver aos traballadores da Administración estatal.

Con respecto a este tema e ante diversas preguntas que varios compañeiros e compañeiras nos teñen feito polas informacións inexactas que con respecto á aplicación desta norma están difundindo outros sindicatos reproducimos a seguinte nova dos compañeiros de CIG-Administración Autonómica que afonda e aclara o tema, coa salvedade de que aquí está pendente de negociar a aplicación do enriba mencionado:
 

Anda CSIF repartindo unha nota desinformativa que nos está xerando centos de chamadas e consultas para confirmar o que nela nos contan:

2. LOS EMPLEADOS PÚBLICOS RECUPERAN DESDE EL SÁBADO TODOS LOS MOSCOSOS, DÍAS LIBRES Y VACACIONES POR ANTIGÜEDAD

Despois de felicitar a Feijoo e anotarse o tanto das esmolas do Partido Popular e de Montoro grazas “as súas presións” (sic), din que os empregados/as públicos/as recuperaremos dende o sábado todos os moscosos, días libres e vacacións por antigüidade.

Pois ben, resulta que non. Que na Galiza non aplicaron os suficientes pascales de presión para que todo iso se faga efectivo ou que a “presión” que aplicaron foi sobre eles mesmos e agora están sometidos a un síndrome hiperbárico que lles produce alucinacións.

O texto do Real Decreto-lei 10/2015 é claro e no seu artigo 2.2 que engade unha disposición adicional décimo cuarta ao EBEP se establece que: “As Administracións Públicas poderán establecer ata dous días adicionais de permiso por asuntos particulares ao cumprir o sexto trienio, incrementándose como máximo nun día adicional por cada trienio cumprido a partires do oitavo”.

E no seu artigo 2.3 que engade unha disposición adicional décimo quinta ao EBEP se establece que: “As Administracións Públicas poderán establecer ata un máximo de catro días adicionais de vacacións en función do tempo de servizos prestados polos funcionarios públicos”.

E dicir que se establece de xeito potestativo para cada Administración a posibilidade de ampliar os días adicionais de asuntos persoais e os de vacacións.

E o caso é que a Xunta se negou na Mesa Xeral do día 15 de setembro á esixencia da CIG de non levantarse da mesa ata ter negociado a recuperación dos días adicionais, xa que na Administración do Estado entraron en vigor de xeito case inmediato.

Por tanto, dando resposta a todas as consultas que nos estades facendo, polo de agora os empregados/as públicos/as da Xunta de Galiza só temos 7 días (6 + 1 por sábado festivo) de asuntos persoais (e así aparecen no PORTAX) e 22 días hábiles de vacacións ou parte proporcional segundo o tempo traballado.

Isto ata que se aproximen as eleccións do 20 de decembro e o Partido Popular volva a ceder ás “presións” de CSIF para darnos un regalo de Nadal.



Ningún comentario:

Publicar un comentario