09/09/15

A CIG DENUNCIA QUE O GOBERNO LOCAL PRIVATIZA O SERVIZO DE LIMPEZA MUNICIPAL NOS TRES PRIMEIROS MESES DE GOBERNO


No pleno do pasado mes de xullo o Comité de Empresa manifestouse contra a privatización do servizo de limpeza municipal e ante a inminente contratación dunha empresa privada para a limpeza de edificios e o despedimento de dúas compañeiras de limpeza do aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín. Daquela, e logo de se pór o Comité en contacto con todos os partidos políticos e manifestarlles a súa preocupación pola externalización do servizo municipal de limpeza o Pleno da corporación aprobou unha moción por unanimidade que indicaba que se cubrirían as baixas con empregados públicos e que os servizos de limpeza non se prvatizarían. Un mes e medio despois, o goberno decide privatizar a limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín e incumprir abertamente o acordo plenario nos tres primeiros meses de goberno.

Desde a Sección sindical da CIG queremos denunciar que o feito de que non se faga uso da lista listaxe de substitución en limpeza e contratar varias traballadoras dunha empresa privada pode interpretarse como un acto de represalia contra as compañeiras despedidas do aulario que, por orde, terían preferencia e lles corresponderían esas contratación. Así, o goberno en xuño despediu a dúas traballadoras municipais e agora en setembro pretende suplir os seus postos no aulario con traballadores dunha empresa privada de limpeza que descoñecemos, logo de que tamén nos meses de verán cubrise o traballo dos empregados públicos de limpeza de edificios con persoal de empresas privadas de costas ao Comité de Empresa e aos partidos da oposición.

Desde a Sección sindical da CIG estamos completamente en contra da actitude do goberno municipal e consideramos que é un absoluto escándalo que se pretenda privatizar a limpeza do colexio con tal de non tirar das listaxes de substitucións actuais de limpeza para non verse na obriga de contratar ás compañeiras que demandaron ao goberno por despedimento improcedente. A situación do servizo de limpeza municipal complicarase con esta privatización, posto que ao haber persoal dependente de empresas privadas traballando a carón de empregados públicos desempeñando as mesmas funcións e recebindo ordes do encargado municipal poderiamos estar ante un suposto de cesión ilegal de traballadores que podería ter como consecuencia a obrigatoriedade do Concello de contratar a ese persoal.


Ningún comentario:

Publicar un comentario