30/09/15

O Concello teima en converter en almacén municipal a entrada da Casa do Concello

Máis unha vez, e van varias nestes meses, o goberno municipal teima en converter a Casa Consistorial nun almacén, co risco que isto supón para os traballadores e traballadoras e a cidadanía que realiza as súas xestións no edificio.

A situación vense repetindo especialmente nos últimos meses ata o punto de que parece que o Concello ten interese de que as oficinas administrativas deixen de ser tal, se o que quere é pechar a Casa do Concello é responsabilidade súa mais o que é inconcebible é que utilice como almacén a entrada dunhas dependencias municipais nas que continuamente acoden persoas.

As queixas sucédense e a situación cada vez vai a peor pola desidia dun goberno ao que non lle importa nin o máis mínimo as condicións laborais do persoal. Tal é así que logo de falalo en varias ocasións e solicitalo por escrito o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, mentiulles unha vez máis aos representantes dos traballadores ao asegurar no pasado mes de agosto que en setembro se convocaría o Comité de Seguridade e Saúde, que xa leva perto dun ano sen se convocar e no que aínda mesmo non se informaron das medidas tomadas logo do expediente aberto pola Inspección de Traballo provincial no caso da Oficina de Turismo.

Desde a CIG lamentamos esta actitude do goberno municipal en todo o que ten que ver coa seguridade e saúde laboral do seu persoal e no caso de que proximamente no convoque o Comité de Seguridade e Saúde verémonos na obriga de acudir de novo ante a Inspección de Traballo, ao non nos deixar máis opcións que recorrer a administracións de fóra cando nesta ignoran aos representantes dos traballadores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario