Logo de que o Comité de Seguridade e Saúde leve máis de tres meses sen reunirse, tal e como debería segundo indica a Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais; logo tamén de que os delegados de prevención da CIG solicitaran no pasado mes de abril que se reunise o devandito Comité sen éxito ningún e sen que nin sequera o Concello se puxese en contacto cos delegados de prevención desde hai case máis dun mes; nos pasados días decidiron acudir de novo á Inspección de Traballo.
Na denuncia presentada na Inspección Provincial infórmase ao ente de que os delegados de prevención da CIG do Concello de Betanzos denuncian ao responsable de recursos humanos e/ou de prevención de riscos laborais do Concello porque o Comité de Seguridade e Saúde, constituído xa o 26/04/2012 logo doutra denuncia na Inspección provincial, porque xa o goberno municipal teimaba en non constituílo daquela, debe reunirse, como mínimo, cada tres meses e de forma repetida dende o ano 2012 son os delegados de prevención os que instan ao Concello cada vez que é procedente para que reúna o devandito órgano e este faino moito tempo despois e case sempre fóra de prazo.
Parece que ao Concello tanto lle teñen os apercibimentos da Inspección provincial que avalan o traballo dos delegados de prevención da CIG, obviamente iso significa que tanto lle ten a seguridade e a saúde laboral do persoal, como sempre se di "ata que non pase nada" mais á CIG si que nos importa porque consideramos que é crucial que as condicións de traballo do persoal en materia de seguridade e saúde sexan as óptimas e o Concello tome conciencia disto, por iso, se ao goberno non lle importa, acudiremos as veces que sexa necesario á Inspección provincial para que teña coñecemento do que pasa nesta Administración local, que por moi forte que soe constituíu un Comité de Seguridade e Saúde por primeira vez no ano 2012 e a instancias da CIG, cando a Lei que obriga á existencia deste organismo encargado de velar pola seguridade e saúde do persoal é do ano 1995... coidamos que con este dato cómpre non dicir máis nada, fala por si só.
Ningún comentario:
Publicar un comentario