05/05/14

Días de asuntos propios correspondentes ao ano 2014

Son moitos os compañeiros e compañeiras que nos preguntan sobre os días de libre disposición que nos corresponden para este ano 2014. Estas dúbidas, como é normal, veñn motivadas porque nos últimos anos a lexislación foi mudando para nos quitar dereitos e, a maiores, porque a solicitude que o Concello nos facilita está máis que obsoleta e contén grandes diferenzas con respecto aos permisos a que temos dereitos na actualidade. En varias ocasións tanto por escrito como verbalmente lle trasladamos este problema ao concelleiro de Persoal para que simplemente o Concello actualizase o modelo de solicitude que hai un tempo repartiu polos departamentos, mais polo visto este traballo é demasiado complicado e apuntouno entendemos que coa idea de facer algo, aínda que estamos empezando a pensar que cando o concelleiro de Persoal apunta algo débeo facer nunha berza e darlla de comer ao coello porque nunca máis sabemos nada máis do tema.

Ben, na actualidade, segundo o EBEP, aplicado ao persoal laboral do Concello de Betanzos na súa totalidade (segundo pensamos, porque ata hai pouco era "para ti si e para ti non") correspóndennos 4 días de asuntos propios para o ano 2014. A maiores, quen non desfrutou o día que recuperamos a finais de decembro de 2013, tería 5, un deles, este último, tería como prazo máximo de desfrute ata o 30 de decembro (que na resolución pon 31 mais non o entendemos porque segundo convenio é non laborable) e os outros catro poderían desfrutarse, coma sempre, ata o vindeiro 15 de xaneiro.

Ademais destes días, a CIG solicitou que o Concello compense dous festivos nacionais con dous días máis de asuntos propios tal e como a Dirección Xeral da Función pública resolveu para os traballadores ao servizo da Xunta de Galiza a comezos do pasado mes de marzo e o concelleiro de Persoal indicou que en principio non habería problema en acceder ao solicitado, non obstante, mentres o Concello non publique unha resolución ao respecto non temos este dereito. Por parte da CIG xa lle insistimos ao goberno municipal da importancia de non demorar a concesión deste dereito para que o persoal e os departamentos se puidesen planificar do mellor xeito posible.

Tamén no pasado mes de marzo publicouse en diversos medios que o ministro de Facenda devolvería este ano 2014 outro máis dos días que nos roubaron no ano 2012, mais isto parece ser que virá da man dunha modificación normativa que a día de hoxe aínda non se fixo e non está en vigor, non sería raro que, como o ano pasado, se fixese ás presas, correndo e no último momento.


Ningún comentario:

Publicar un comentario