A Confederación Intersindical Galega vén de presentar unha denuncia na Inspección de Traballo logo de que o Concello siga sen tomar ningunha decisión con respecto aos traballadores da Casa Consistorial, despois mesmo de presentar unha queixa por rexistro e achegarse un delegado de prevención a falar co concelleiro de Persoal.
A situación dende comezos desta semana foi a peor porque as obras cada vez comprenden unha maior parte do edificio e o traslado provisional dalgunha traballadora para o segundo andar non exime ao Concello de todos os atrancos para chegar aos postos de traballo que fan que andar pola Casa do Concello case sexa unha xincana. A maiores, o persoal ten que pasar por debaixo dun andamio e sortear os obstáculos e os perigos de caída de obxectos que supoñen unhas obras como as que se están a realizar, aínda por riba de que están a respirar o pó e os produtos tóxicos propios dunha obra destas características e todo isto sumado a que a negativa de cubrir as baixas en limpeza supón un estado de sucidade do edificio pola falta de persoal. O Concello nin sequera foi quen de acceder á proposta dos delegados de prevención de que as obras se realizasen fóra do horario laboral e acceder ao segundo andar está sendo un risco non só para o propio persoal senón tamén para a cidadanía que se achega a este edificio a realizar diversas xestións.
A maiores, o Concello ten a responsabilidade por velar que se cumpra a lexislación vixente en materia de prevención de riscos das empresas que contrata e temos serias dúbidas de que isto se estea a facer correctamente. Tampouco é a primeira vez que isto acontece, lamentablemente temos exemplos dabondos de como neste Concello a seguridade laboral dos seus traballadores é algo que non lle debe importa moito ao goberno local.
Por parte da CIG e, polo momento, tendo en conta que o Concello mantén a súa postura, demos todos os pasos que estaban na nosa man, agora só queda que a Inspección de Traballo actúe e tome cartas no asunto se considera que é necesario. En todo caso consideramos que o normal e razoable nun caso así sería que o Concello tivese unha previsión das obras, informase aos persoal do edificio e o trasladase provisionalmente mais o certo é que tendo en conta como traballan algúns compañeiros en naves que practicamente caen a cachos como é a do Centro de Formación Ocupacional na que traballa o pintor e que o Concello, logo de mesmo falalo no Comité de Seguridade e Saúde segue sen arranxar tampouco nos estraña nada que non tome cartas no asunto do persoal da Casa Consistorial, porque neste Concello parece que non se actúa ata que pasan as cousas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario