14/11/13

Convocatoria de axudas sociais 2013

O Concello de Betanzos, logo de que o Comité de Empresa solicitase por rexistro, a convocatoria de axudas sociais do ano 2013 vén de publicar nos taboleiros dos distintos departamentos a convocatoria de axudas sociais para o ano 2013. O certo é que vendo esta convocatoria e tendo en conta todo o acontecido coas axudas sociais cómpre recoñecer que houbo unha adecuación deste Concello ao que son este tipo de procedementos en calquera Administración pública, e máis aínda tendo en conta que aló polo ano 2011, cando o actual Comité de Empresa botou a andar, non só era excluído desta convocatoria unha importante parte do persoal laboral, senón que os prazos de resolución sobrepasaban o ano e ao Comité de Empresa se lle negaba o dereito recoñecido no convenio colectivo de informar a proposta da Resolución baseándose en informes do secretario municipal, eses informes que sempre nos fan pensar que na loita están os resultados porque cambian de opinión sen mudar ningún tipo de lexislación e que demostran que o único que pretendían era seguir facendo todo de costas á maioría dos traballadores e amedrentar ao Comité de Empresa para que desistise no seu empeño, cousa que feliz e finalmente non pasou porque o tempo lle deu a razón.

Agora, outro dos temas que nos preocupa aos delegados sindicais é a negociación das novas bases, principalmente porque consideramos vergoñento que as vixentes sexan de hai 12 anos e as contías máximas outorgadas non subisen en todo este tempo co que subiu a vida, e segundo porque o alcalde sempre amosou a súa boa vontade a negociar unhas novas bases con criterios verdadeiramente sociais mais un ano e medio de demora estannos amosando o contrario, o certo é que de non se negociaren entre este mes e o que vén xa non poderían entrar en vigor no ano 2014 cando en decembro de 2012 no propio Pleno se falou deste tema e todos os partidos instaron ao Concello a negociar coa representación sindical. O que dende a CIG consideramos máis triste de todo isto é a falta de valentía, porque se o Concello realmente non quere beneficiar coas axudas sociais a quen menos ten que o diga abertamente e que non adie por tempo indefinido as negociacións, sempre é mellor saber a verdade que enganar para gañar tempo.

Aínda así, dende a CIG agardamos que a reunión do Comité de Empresa do venres sirva para atallar este e outros problemas e trasladarllos directamente ao alcalde para que sexa coñecedor directo e procure buscar solucións en común. 

Canto á convocatoria e a solicitude de axudas se tedes calquera dúbida lembrade que vos podedes poñer en contacto con calquera dos delegados da CIG.



Ningún comentario:

Publicar un comentario