18/11/13

REUNIÓN DO 15 DE NOVEMBRO DE 2013 CO ALCALDE

O pasado venres, logo da solicitude do Comité de Empresa, o alcalde recibiu aos membros da Comisión executiva. Aínda que en principio a vontade de escoitar por parte do Concello foi boa o certo é que as solucións concretas a temas que se propuxeron non foron moitas.

En principio a idea de solicitar unha reunión co alcalde era transmitirlle a nosa preocupación pola falta de diálogo que o concelleiro de Persoal practica cos representantes do persoal laboral e poñelo ao día dalgúns dos problemas existentes, e tendo en conta esta finalidade si que podemos considerar que a reunión foi produtiva en tanto o propio alcalde instou ao concelleiro de Persoal a que mensualmente tivese unha reunión cos representantes do persoal laboral para mellorar as vías de diálogo. Igualmente, o Comité amosoulle ao Concello a súa preocupación pola falta de diálogo reflectida en que os propios delegados dos traballadores se enteraban das novas de persoal ben a través da prensa ben a través dos partidos da oposición, o que era moi sintomático da falta de diálogo con eles, a maiores nalgunha ocasión mesmo descubriron por estes medios como o concelleiro de Persoal lles ocultaba información e mesmo nalgún caso chegou a mentir ao preguntarlle pola situación contractual dalgún persoal.

Para alén diso non podemos obviar que resulta decepcionante que un alcalde admita discriminacións entre o persoal e volva á escusa de que sempre foi así para non amañalas, resulta decepcionante a falta de decisión para atallar algunhas discriminacións máis graves do persoal laboral, entre as que se encontran tanto retributivas como de trato.

Entre os temas tratados e de máis interese para o Comité de Empresa estaban a negociación do convenio colectivo e a necesidade dunha Relación de Postos de Traballo. O Comité explicoulle ao alcalde que entendía que ninguna escusa xustificaba unha paralización da negociación do convenio dende había meses e que o triste é que, de seguirmos así, isto suporía que para o ano quedariamos de novo sen convenio e habería que solicitar outra prórroga. En todo caso, finalmente o Concello indicou que agora que está acordada na Xunta de Goberno Local a contratación da empresa que os asesorará na negociación, que en breve se retomarían as negociacións e que o Concello tamén pretendía que puidesen finalizar no ano que vén (cousa que non estaría mal logo de tres anos..), aínda que isto xa se verá porque o descrédito do concelleiro de Persoal cada vez é maior polo incumprimento dos prazos que el mesmo marca en reiteradas ocasións. Finalmente, e independemente das palabras “bonitas” de alcalde e concelleiro de Persoal o Comité solicitou encarecidamente que se retomase a negociación do convenio para tentar afondar na organización de todo o que ten que ver co persoal laboral do Concello de Betanzos.

Outro dos temas de máis interese para o persoal era o que ten que ver coa Relación da Postos de Traballo, e se algo lle deixou claro a representación dos laborais ao alcalde é que o que fallou o ano pasado foi a negociación é que independentemente de que agora fose unha empresa a que elaborase unha Relación de Postos de Traballo o grupo de goberno debía ter claro que a negociación era unha fase fundamental e que deixou totalmente a un lado hai agora un ano. O propio alcalde insistiu en algo que levamos días vendo na prensa e é que a negociación non implica acordo, deixando entrever que o Concello non estaría moi polo labor de chegar a un acordo cos representantes sindicais e amosando en certa maneira unha actitude que nos lembra ao acontecido hai un ano só que desta volta pagaríanlle a persoal externo do Concello para facer ese traballo. Unha pregunta recorrente por parte do Comité foi sobre as directrices que se lle darían á empresa para a elaboración dese documento, e o certo é que a pesar de nos indicar que elaboraría unha relación partindo de cero deducimos que o Concello tampouco ten moita decisión neste tema nin unha defición clara do que quere, posto que non se falou de propostas concretas nin prazos o que fai isto un pouco frustante e non amosa unha verdadeira vontade de solucionar o problema, senón quizais de alongalo un pouquiño máis mentres vai pasando o tempo; de feito o propio alcalde que hai un ano propuxo un Plan de Emprego agora non é quen de informar sobre se pretenden seguir con iso adiante e dan a entender que o deixan un pouco en mans da empresa, o que se podería considerar como unha falta de responsabilidade tendo en conta que un Plan de Emprego aféctalle de maneira substancial ao persoal e modifica a situación laboral de moitos traballadores.

Máis un dos temas que quería sacar á luz o Comité de Empresa era a gravidade de non saber polo propio Concello que hai persoal contratado ao abeiro de subvencións xa finalizadas sobre o que o propio asesor xurídico informa que están en fraude de lei. A gravidade deste tema viña dada por varios factores, un deles porque o propio concelleiro de Persoal mentiu e ocultou a información durante meses cando a representación do Comité lle preguntaba polo tema, outro porque hai pouco máis dun ano o Concello despediu a doce compañeiros do que daquela era o GRUMIR porque a súa subvención finalizaba, como é sabido oito deles demandaron ao Concello pasando pola correspondente trámite xudicial que devolveu a seis destes ao seu posto de traballo. Tempo despois mesmo tiveron que volver a pedir as execucións de sentenza ao xulgado porque o Concello non lle pagaba os atrasos, mais agora nun caso igual, con finalización de subvención, o Concello leva 11 meses mantendo a tres compañeiros no posto de traballo en fraude de lei como indica o propio asesor xurídico municipal. Esta situación fai pensar que o Concello decidiu que a partir de agora non despide ao persoal cando se lle acaba a subvención e como o Comité sempre pide igualdade de trato para todo o persoal, pediulle que neste caso tamén o aplicase e que a partir de agora o persoal que finalizase a subvención debería ser tratado con igualdade de trato que estes tres compañeiros, e, igualmente, que para demostrar coherencia o Concello debería allanarse nos dous xuízos pendentes no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e readmitir aos compañeiros do anterior GRUMIR que foron botados cando finalizou a subvención, para demostrar que non é unha cuestión de nomes e apelidos (nin de delegados sindicais, tendo en conta que ao da CIG non houbo reparo en botalo mentres que os dous de UGT teñen un trato diferente) e que o Concello simplemente cambiou de opinión e decidiu manter ao persoal contratado ao abeiro de subvención independentemente da subvención, de onde saca os cartos xa o terá que pensar el.


O certo é que neste punto ficamos un pouco perplexos, por unha banda, coa actitude do alcalde, que volveu reincidir en que readmitiu ao persoal e puido telo botado, e por outra banda, coa actitude do delegado de UGT asistente á reunión que pareceu defender ao Concello ao volver a dicir o mesmo que levamos oído este tempo por parte do Concello, que non foron despedidos, que simplemente finalizaron un contrato (o que digan 4 de 5 xuíces aquí non debe importar...). Estas actitudes demostráronos con clareza o trato diferente segundo quen sexas porque na mesma mesa estaban dous compañeiros que estaban na mesma situación, a un o Concello despediuno e readmitiuno mais aínda o segue botando en cara, e a outro non só non o despide no mesmo caso senón que os propios servizos municipais fan un informe que o axudaría no caso dunha demanda por despido. En todo caso o Comité solicitou igualdade de trato e o Alcalde indicou que a idea deste goberno é non despedir a ninguén, o que tampouco garante nada á vista do acontecido o anopasado, xa neste goberno e con este alcalde á cabeza.

En xeral, aínda que esta reunión serviu para pór ao tanto ao alcalde de moitos temas resultou un pouco frustrante en canto reparamos en que é coñecedor dalgunhas das discriminacións existentes e tampouco hai moita vontade nin valentía para acabar con elas. Igualmente, tampouco observamos determinación á hora de marcar uns prazos para a negociación ben do convenio, ben das novas bases de axudas sociais, ben da Relación de Postos de Traballo e iso nos fixo dubidar de que realmente haxa un interese en amañar os problemas do persoal laboral. Resultou bastante frustante transmitirlle os graves problemas de persoal de sectores como limpeza e Escola Infantil Municipal para que unha vez máis lle botasen a culpa aos informes dos técnicos municipais mentres as traballadoras están sobrecargardísimas de traballo e aturando situacións indesexables para ningún traballador. Dende o Comité transmitíronselle ao alcalde diversos problemas aos que o concelleiro de Persoal leva meses sen dar solución e amosóuselle a total dispoñibilidade para buscar solucións conxuntas a estes problemas, ademais entregóuselle en persoa unha listaxe das solicitudes pendentes, onde se lle recriminou ao Concello que lle nega documentación ao Comité e o propio Concello admitiu que hai cousas que nos podería ir dando pouco a pouco, mais unha vez máis tampouco fixou prazos para nos entregar a documentación.

Finalmente, dende a CIG consideramos que as boas palabras as leva o vento e en materia de Persoal o que define a unha Administración son os avances concretos e a vontade de diálogo cos seus traballadores e nos dous últimos anos fomos quen de facer unha radiografía polo miúdo deste Concello onde xa toda a información está sobre a palestra e non poden enganar aos propios traballadores sobre a conciencia do goberno municipal da situación do persoal laboral. Outra cousa é que sobre a promesa de que se vai amañar nun futuro se deixe pasar o tempo e isto sirva para evadir conflitos que antes ou despois se terán que solucionar. En todo caso, dende a propia CIG e pola parte que lle toca no Comité de Empresa non deixará de facer o seu traballo coa expectativa de que o Concello recapacite e deixei de adiar todo no canto de arranxalo canto antes e tomar decisións baseadas no diálogo e a comunicación cos seus propios traballadores e traballadoras.





Ningún comentario:

Publicar un comentario