"O
desemprego, particularmente a alta taxa de paro xuvenil, é unha
bomba de reloxería para a saúde a piques de estoupar". A
advertencia fíxoa en Londres Michael Marmot, responsable dun informe
da Organización Mundial da Saúde en Europa, no que se analizan as
diferenzas socioeconómicas na rexión e como a actual situación
económica ameaza á saúde dos europeos. Non é a primeira vez que
unha voz autorizada alerta dos riscos para a saúde da austeridade,
pero esta é quizais unha das máis detalladas. Nun informe de máis
de 200 páxinas, a oficina rexional da OMS en Europa, en colaboración
co Ministerio británico de Sanidade
(https://www.gov.uk/government/organisations/department-of-health),
analiza a repercusión dunha ampla lista de parámetros
socioeconómicos (desemprego, educación, PIB...) na saúde dos
cidadáns.
Neste
estudo, o Estado español non sae precisamente ben parado, ocupando
unha das posicións destacadas na taxa de pobreza infantil, un dos
problemas que máis preocupa aos autores do documento. Cunha taxa de
pobreza infantil achegada ao 25%, España ocupa o sétimo posto nunha
lista de 30 países europeos, só por detrás de Romanía, Letonia,
Bulgaria, Lituania, Italia e Grecia.
"A
pobreza na infancia inflúe claramente no estado de saúde e outros
aspectos durante toda a vida adulta e segue sendo demasiado elevada
en toda a rexión", sinala o traballo, no que tamén colaborou
o University
College de
Londres. "A pesar do crecemento económico experimentado nalgúns
países orientais nos últimos 5-10 anos, isto non repercutiu nos
nenos por unha clara falta de investimento en políticas familiares",
alerta o traballo. De media, a taxa de pobreza infantil oscila entre
o 10% e o 30% nos 30 países, sendo Romanía o pior e Islandia o
mellor situado.
Outra
das táboas nas que o Estado español ocupa unha preocupante primeira
posición é a do desemprego, con case un 25% de paro (segundo cifras
de 2012). Neste senso, o estudo lembra que a saúde dos cidadáns
vaise modelando a partir das condicións nas que os seus cidadáns
"viven, traballan e envellecen".
Os
autores recordan aos gobernos que a saúde da súa poboación está
intimamente ligada ás súas condicións de vida, e alertan do efecto
que poden ter as desigualdades sociais. "Eu diríalle a calquera
goberno que se preocupe pola saúde da súa poboación que mire o
impacto das súas políticas nas súas vidas. As desigualdades en
saúde matan. É socialmente inxusto, innecesario e evitable",
volta a destacar Marmot nun comunicado difundido pola OMS.
E
se non que llo pregunten aos cidadáns gregos. Segundo os datos que
manexan os investigadores, as taxas de suicidio no país heleno
incrementáronse un 25% en 2010 (con respecto ás taxas previas á
crise). Tamén creceron as novas infeccións por VIH, o consumo de
heroína, a prostitución e a taxa de criminalidade. "O acceso
aos hospitais reduciuse un 40% e calcúlase que 26.000 traballadores
sanitarios do sector público perderán o seu emprego. Ademais,
prevense recortes adicionais como resultado das negociacións
recentes co Fondo
Monetario Internacional e
o Banco
Central Europeo",
sinala o texto.
Ese
mesmo recadro no que se alerta sobre a situación grega remata con
ista mensaxe de advertencia: "Esta tendencia adversa en Grecia
contén unha mensaxe de alerta a outros estados que están
experimentando unha austeridade fiscal significativa, como España,
Irlanda ou Italia. Os datos [gregos] suxiren que os estados en
dificultades económicas deben atopar fórmulas de consolidar as súas
finanzas sen minar os investimentos necesarios en saúde",
conclúen os autores do estudo.
Tirado
de www.cigsaudelaboral.org.
Ningún comentario:
Publicar un comentario