16/04/13

Negociación e Mesa Xeral de Negociación


Ao final o tempo comeza a nos dar a razón. Non foi sen tempo, esforzo nin demandas, mais o Concello de Betanzos que parecía ata o momento non saber o que era a negociación colectiva fóra dos despachos e a porta pechada comeza a sentar as bases do que son os parámetros mínimos da negociacións lexisladas cos representantes sindicais. Fixeron falla moitas solicitudes, reclamacións, denuncias públicas e mesmo enfrontamentos, mais na última Mesa Xeral, o pasado 4 de abril cando todos os sindicatos con representación no Concello estaban alí, dende a CIG decatámonos da importancia do que motivamos; motivamos que tamén se movesen os sindicatos que ata agora tiveran representación mais nin estaban nin se lles esperaba, motivamos que o Concello argumente e se xustifique nun organismo onde todo é recollido nunha acta e cuxos acordos, no caso de seren ilegais poden ser levados ao xulgado (iso era imposible cos díxome-díxome e as reunións privadas nos despachos) e o que consideramos máis importante, a CIG motivou que queden de manifesto os agravios discriminatorios existentes entre o persoal deste Concello e que, como mínimo, ao Concello se lle caia a cara de vergoña coas distintas varas de medir que non lle quedou máis remedio admitir que ten.

Ao longo destas semanas dende a CIG puxémonos en contacto con persoal de distintos departamentos para lle trasladar as nosas preocupacións con respecto ao que pretende negociar o Concello no que ten que ver con xornada, horarios, permisos, vacacións, licenzas e excedencias, o certo é que xa nos parecía lesiva para os nosos dereitos a proposta que entregaron en xaneiro na Comisión Negociadora do convenio mais se aquela o era esta o é moi máis, xa case dubidamos que o PSOE local estea nunha carreira para asemellarse ao PP a nivel autonómico e estatal porque o certo é que xa hai tempo que dicimos que a súa política laboral nada lle ten que envexar á da dereita máis rancia.

En todo caso, dende a CIG oporémonos a calquera medida regresiva en materia de dereitos laborais non contemplados polas lexislación e moitísimo menos se non hai ningunha proposta sobre a mesa, e parece ser que non, de mellora en ningún outro aspecto, aínda así observamos na documentación varios erros, que puxemos de manifesto no organismo pertinente independentemente na nosa oposición a calquera medida regresiva.

Ata o momento, houbo dúas mesas, o día 27 de marzo e o día 4 de abril. Nos dous encontros o Concello amosouse un pouco perdido e temos que admitir que nos sorprende o descoñecemento da situación real dalgún persoal, ou, cando menos, iso é o que demostra, a isto lle temos que sumar o que consideramos unha falta de responsabilidade dalgún sindicato que se dedica a abandonar o organismo lexítimo de negociación dos traballadores, doutro que parece que máis que defender aos traballadores defende a postura do Concello e do outro sindicato con representación no Comité de Empresa que se dedica principalmente a se preocupar polas situacións particulares dos seus delegados no canto de se preocupar pola situación do colectivo do persoal laboral, o que tampouco é nada novo. Se algo quedou claro é que a CIG foi o único sindicato que fixo referencia ás compañeiras da Escola Infantil Municipal, ao compañeiros e compañeiras do servizo de limpeza, do Centro de Formación Ocupacional, do servizo de obras, xardinaría e de mantemento eléctrico e de todo o persoal laboral que traballa nos distintos edificios en xeral para poñer de manifesto que por moito que o Concello pretenda homoxeneizar unha serie de dereitos co funcionariado entre tanto as diferenzas salariais entre funcionarios e laborais sexan tan abismais NUNCA HABERÁ IGUALDADE POR MOITO QUE NOS QUEIRAN VENDER ESTE ACORDO COMO UN PASO MÁIS PARA CONSEGUIR ESTA.

A maiores de todo isto consideramos vergoñento que logo dun ano e medio de negociación do convenio o Concello non sexa quen de elaborar unha proposta con xeito e que inclúa todos os puntos necesarios e sempre intente tapar os furados con chapuzas como sempre se fixo aquí, nós, pola nosa parte, loitaremos por un texto que non deixe á imaxinación o menos posible e sobre o que o persoal se poida basear con firmeza á hora de exercer os seus dereitos.


Igualmente, dende a Sección sindical da CIG queremos agradecer todas as achegas que os compañeiros e compañeiras nos fixeron de cara a mellorar a proposta do Concello porque como temos dito moitas veces os delegados e delegadas sindicais trasmitímoslle ao Concello os problemas e podemos propor solucións mais cada traballador e traballadora é o que sabe das súas condicións particulares e é o primeiro elo da cadea de cara a poder buscar solucións aos problemas. Así mesmo, como aínda estamos á espera dunha nova convocatoria de Mesa Xeral de Negociación, e tendo en conta que aínda non foi aprobado nada aínda se poden facer suxestións de cara a facer mención na vindeira reunión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario