16/04/13

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de declarar nulas as dúas sentenzas pendentes do persoal despedido do GRUMIR o ano pasado


O ano pasado, e logo de oito compañeiros e compañeiras demandaran ao Concello por despedimento improcedente ficou claro que a xustiza non sempre mide igual casos semellantes ao declarar en primeira instancia seis despidos como improcedentes e que supuxeron a posterior readmisión e outros dous como procedentes con dereito a recurso de suplicación.

A CIG presentou en tempo e forma o recurso á sentenza destes dous últimos casos e neste último mes o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de declarar en ambos os dous casos a nulidade das sentenzas feitas en primeira instancia e obriga ao xuíz a ditar unha nova sentenza que integre os feitos probados e os datos acreditados para que se poida resolver de xeito oportuno o recurso de suplicación. Certo é que no momento que esas dúas sentenzas saíran á luz dende a CIG ficamos perplexos porque non contiñan moitos datos relevantes para declarar a improcedencia do despedimento ou non, e agora o Tribunal Superior corrobora esta impresión ao obrigar a ditar dúas novas sentenzas.

Agardamos, pois, que desta vez si que se faga xustiza e unha vez que isto se resolva poidamos dicir que a xustiza tratou por igual a todos os compañeiros e compañeiras, aínda que o certo é que, polo momento hai dous, que teñen que padecer un periplo xudicial que os anteriores non con todo o que iso supón e dende a Sección sindical queremos trasmitirlle ánimos porque sabemos o duro que foi que este colectivo se animase, por primeira vez na historia deste Concello, a demandar á Administración por un despedimento improcedente e ir abrindo tamén, pouco a pouco, o camiño a outros casos que se poidan dar no futuro para os que, a partir de agora, xa haberá precedentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario