Dende a Sección sindical da CIG, e logo das queixas de diversos compañeiros e compañeiras queremos denunciar publicamente o aumento excesivo da carga de traballo que o Concello está a propiciar nalgúns departamentos con motivo da súa negativa a cubrir as baixas nin as vacacións dos servizos básicos.
Ao impedimento de repoñer persoal nos postos vacantes por xubilación na Administración pública e amortización de prazas imposta pola taxa de reposición cero aprobada polo Partido Popular a nivel estatal temos que sumarlle a negación do PSOE de Betanzos a cubrir as baixas e as vacacións do persoal laboral dos servizos máis básicos como limpeza, axuda no fogar e gardaría.
Esta reclamación xa foi feita na pasada Mesa Xeral de Negociación para poñer de manifesto a neglixencia do Concello na súa negativa a cubrir as baixas dos servizos máis básicos, que está a ter múltiples consecuencias para os departamentos afectados que son parcheados grazas á vontade dos traballadores e traballadoras que voluntariamente fan horas extras ou que redobran o seu traballo para tentar cumprir na súa xornada laboral co traballo de varias persoas. Esta situación, tal e como lle manifestamos ao Concello consideramos que é insostible no tempo tendo en conta que con menos persoal preténdense ofrecer os mesmos servizos, con mútiples xubilacións que están a se producir cada ano pretenden que o persoal realize o mesmo traballo independentemente do número de efectivos e iso é imposible e está a crear unha situación insostible, que redunda nun aumento das baixas e posterior aumento do problema.
Dende a CIG consideramos alarmante que o Concello queira aforrar cartos a base de aumentar cargas de traballo nalgúns departamentos e isto comeza a asemellarse a unha estratexia de privatización dun Concello que, ata o momento, tivera practicamente todos os servizos públicos, mais con cada vez menos persoal e un Concello que aumenta é obvio que o servizo non pode mellorar. Agardamos que isto a longo prazo non repercuta na privatización dos servizos públicos e o Concello sexa quen de recuar, decatarse de que as decisións que está a tomar repercuten directamente na saúde do cadro de persoal e están a conducir a unha situación cada vez máis insostible nalgúns servizos municipais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario