Este proceso contribúe
ao fortalecemento da CIG como principal referente do sindicalismo
nacionalista galego
O Secretario Xeral da
CIG, Xesús Seixo, e o Secretario Xeral da COG, Carlos Varela,
acompañados por representantes das dúas organizacións sindicais,
asinaron na tarde deste mércores o acordo polo que a Central Obreira
Galega pasa a integrarse na Confederación Intersindical Galega,
asumindo os principios estatutarios e programáticos desta última e
avanzando na consolidación dun sindicalismo nacionalista de clase
forte e unitario.
O proceso que hoxe
culmina iniciouse hai uns meses con conversas informais e tras da
aprobacións nos órganos correspondentes de ambas organizacións,
procedeuse á súa formalización. Por parte da CIG, a Comisión
negociadora estivo integrada por Francisco Miranda Vigo (Secretario
Confederal de Comunicación e Propaganda), Paulo Rubido (Secretario
Nacional da CIG-Servizos), e Xabier Filgueira (Secretario Comarcal da
CIG da Coruña) e Paulo Carril (Secretario Confederal de
Organización). Por parte da COG, estiveron presentes nas
negociacións Carlos Varela (Secretario Xeral) e Mario Díaz
Bustamante (da Executiva nacional).
A integración da COG
contribúe a reforzar a CIG como principal referente do sindicalismo
nacionalista galego, nun momento como o que estamos a vivir, cun
ataque tan brutal aos dereitos da clase traballadora, co incremento
da precariedade e a desregulación, coa baixada dos salarios, e co
que isto supón de debilitamento da capacidade reivindicativa dos
traballadores e traballadoras. É fundamental neste contexto o
fortalecemento das organizacións sindicais de clase para convertelas
en instrumentos máis eficaces fronte aos ataques do poder.
Neste sentido, a
incorporación da COG é unha axuda máis a ese proceso de
fortalecemento do modelo sindical que a CIG representa hoxe no noso
país, de confronto co poder, de deslexitimación da política de
pacto social, de participación da clase traballadora e de
auto-organización para unha mellor defensa dos intereses da clase
obreira galega.
Sobre a decisión de
integrarse na CIG, Mario Díaz indicou que os contactos coa
Confederación xa se realizaran no momento en que foron expulsados da
CUT e mantivéronse ao longo do tempo de xeito esporádico. O pasado
ano é cando na COG se decide avanzar cara á unidade do sindicalismo
nacionalista e a un futuro estratéxico “dunha central única
galega” dentro deste ámbito.
A este respecto, Carlos
Varela apuntou que dende a COG sempre tiveron claro que se nalgún
momento se acordaba dar o paso á unha integración, esta sería no
seo da CIG porque “é o único sindicato que representa os
intereses dos traballadores e as traballadoras galegas, dende a
perspectiva nacionalista que nós sempre estivemos e no que achegamos
o noso gran de area a base de traballar duro e cun enfoque
asembleario, nacionalista e de clase”.
Sobre as perspectivas
nesta nova andaina, ambos os dous afirmaron que o que defendemos é o
traballo día a día e que sexa de calidade”, especialmente,
indican, á hora da elección da representación nos centros de
traballo para que “os delegados/as, os Comités e as Seccións
Sindicais acheguen ese calidade diferenciadora con respecto aos
outros sindicatos”.
“Este é un paso que
damos e esperamos que outros tamén o dean, para que se poida
construír esta central única galega que defenda os intereses de
todos os traballadores e traballadoras galegas, e os intereses de
clase que noutras centrais sindicais se perderon”, concluíu Díaz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario