O 23 de decembro de 2010 entrou en vigor a Lei orgánica 5/2010 de 22 de xuño, pola que se modifica a Lei orgánica 10/1995, de 23 de novembro, do Código Penal. Entre outras, introduce a que pode ser unha importante novidade: a modificación e ampliación do artigo 173 do título VII, que agora engade:
"Coa mesma pena serán castigados os que, no ámbito de calquera relación laboral ou funcionarial e prevaléndose da súa relación de superioridade, realicen contra outro de forma reiterada actos hostiles ou humillantes que, sen chegaren a constituír trato degradante, supoñan grave acoso contra a vítima"
Hai que destacar que o tipo do ilícito especifica con claridade meridiana que queda constituído por actos -é certo que reiterados- "hostiles o humillantes"; isto é, que chega só coa actitude de hostilidade probada ou de humillación, tamén adverada.
O cambio, ex novo polo lexislador, e que deberemos agardar para ver se é seguido polo xulgador, é de capital importancia xa que, até agora, requiríase, para apreciar relevancia penal, probar sen ningún xénero de dúbida a actitude de presión laboral tendenciosa e a consecuencia de presión laboral tendenciosa devastadora; é dicir, a realización do ilícito penal e a consecuencia subxectiva do dano. Respecto da anterior redacción, exclúese agora a presión laboral tendenciosa horizontal e ascendente: por outro lado, inclúese no tipo a esixencia da repetición.
As penas ás que fai referencia son de seis meses a dous anos; o que non vén a resultar de entidade suficiente para o ingreso en prisión, agás no caso de reincidencia por antecedentes penais.
Os que clamábamos pola introducción polo lexislador penal dalgún artigo ou modificación neste sentido, estamos agora á espera de que a interpretación da xudicatura sexa consecuente e contundente en canto a importancia deste tema, que até o 22 de xuño de 2010 non encontrara espazo dentro do Código Penal, e apenas timidamente e con lenidade, na xurisprudencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario