15/12/11

Un paso máis: o Concello está a admitir os seus propios erros

Logo de que o Concello admitise a través dunha Resolución da Alcaldía que o persoal que non forma parte da RPT non pode ser discriminado na convocatoria das axudas sociais do ano 2011, O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, rexistrou un escritou onde ao abeiro da argumentación xurídica do propio Concello na Resolución da Alcaldía solicita o seguinte:


1. Que se lle recoñeza a todo persoal non permanente o dereito a cobrar as axudas sociais do ano 2010, xa que ao se recoñecer o dereito de acceso ás do ano 2011 en base á lexislación vixente, supón unha discriminación esta distinción do dereito en función do ano da solicitude.


2.Que se lle recoñeza a todo o persoal non permanente o dereito a desfrutar dos días de asuntos propios recollidos no artigo 11.6 do Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos.


3. Que se lle recoñeza a todo o persoal non permanente o dereito a cobrar os trienios correspondentes, recollidos no anexo I do Convenio colectivo do persoal laboral deste Concello, en función da antigüidade no Concello.


4. Ao abeiro da lexislación mencionada na resolución da Alcaldia só cabe interpretar o artigo 1 do conveno colectivo vixente no sentido de que o ámbito de aplicación do devandito convenio á totalidade do persoal laboral.


Esta solicitude fíxose ao abeiro desta resolución da Alcaldía con rexistro de saída do día 1 de decembro onde se recoñece o principio de non discriminación en función da relación contractual e tendo en conta que en diversos comunicados de resolucións da Alcaldía se discriminou a algúns traballadores do persoal laboral non permanente na proposta de concesión de axudas sociais do ano 2010, na concesión dos días de asuntos propios recollidos no convenio para o persoal laboral, e, igualmente, non se lle recoñece o dereito a cobrar os trienios recollidos no anexo I do Convenio do persoal laboral do Concello de Betanzos.


Na Resolución da Alcaldía utilizouse a argumentación xurídica que dende a CIG levamos meses en escritos e verbalmente nas reunións empregando e indicouse o seguinte:


“Fundamentos de dereito. Primeiro. O arto 15.6 do R.D. Lex. 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, establece:


Os traballadores con contratos temporais e de duración determinada terán os mesmos dereitos que os traballadores con contratos de duración indefinida, sen prexuízo das particularidades específicas de cada unha das modalidades contractuais en materia de extinción do contrato e daquelas expresamente previstas na Lei en relación cos contratos formativos e co contrato de inserción. Cando corresponda en atención á súa natureza, tales dereitos serán recoñecidos en disposicións legais e regulamentarias nos convenios colectivos de maneira proporcional, en función do tempo traballado.


Cando un determinado dereito ou condición de traballo estea atribuído nas disposicións legais ou regulamentarias e nos convenios colectivos en función dunha previa antigüidade do traballador, esta deberá computarse segundo os mesmos criterios para todos os traballadores, calquera que sexa a súa modalidade de contratación.


Pola súa banda, a Directiva 1999/7/CE do Consello, de 28.06.1999, relativa ao Acordo Marco da CES, a UNICE e o CEEP sobre traballo de duración determinada (DOCE n.º L 175 do 10.07.1999-0048), establece:


Principio de non discriminación (clásula 4) 1. Polo que respecta ás condicións de traballo, non poderá tratarse aos traballadores cun contrato de duración determinada dunha maneira menos favorable que aos traballadores fixos cmparables polo mero feito de ter un contrato de duración determinada, a menos que se xustifique un trato diferente por razóns obxectivas. 4. Os criterios de antigüidade relativos a determinadas condicións de traballo serán os mesmos para os traballadores con contrato de duración determinada que para os traballadores fixos, agás que os criterios de antigüidade diferentes veñan xustificados por razóns obxectivas.


O Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas, do 22 de decembro de 2010, resolvendo unha cuestión de prexudicialidade plantexada polos órganos xurisdicionais españois, conclúe que a devandita directiva é de aplicación ás condicións económicas entre traballadores fixos e indefinidos e ás relacións de traballo de duración determinada ou interinos.

Por conseguinte tense que concluír que non hai razón obxectiva, para excluír da percepción das axudas sociais convocadas, ao persoal con vínculo temporal con esta Administración local. Axudas que se teñen que percibir de xeito proporcional ao tempo traballado, computando como tal ata a data da finalización do contrato se esta é anterior ao 31 de decembro de 2011, e esta última data para o caso de contratacións con vencimento posterior á mesma.”


Animamos aos compañeiros e compañeiras que levan anos sendo discriminados implícita e explícitamente a que reclamen tamén individualmente estes dereitos que o Concello leva anos negándolles, que no caso do non pagamento dos trienios supón a perda duns cartos que segundo a lei lles pertencen e moito máis agora que o Concello recoñeceu que non se pode discriminar ao persoal en función da súa relación contractual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario