15/12/11

Últimas novas

O pasado martes, 13 de decembro, tivo lugar a reunión ordinaria de decembro do Comité de Empresa, nesta, entre outras moitas cousas acordouse unha nova reunión extraordinaria para o martes da semana que vén onde se farán as últimas achegas á proposta do convenio e algúns dos anexos.


Igualmente, logo da proposta da CIG, o Comité de Empresa acordou convocar unha asemblea xeral de persoal laboral na que se falará da proposta de novo convenio para o vindeiro 29 de decembro que será convocada de xeito oportuno en todos os departamentos e unha vez que o Comité de Empresa aprobe a proposta de convenio definitiva. Este texto será entregado polo Comité de Empresa en todos os departamentos unha vez que estea aprobado polo Comité uns días antes da asemblea xeral para que todos os traballadores teñan coñecemento del e poidan achegar as súas súbidas ou suxestións nese encontro.


Esta primeira asemblea xeral, nun principio, será monográfica ao tratar o tema do novo convenio mais calquera tema que sexa de interese para os traballadores poderá ser tratado na quenda de intervencións, para o que nos acompañará o asesor da CIG-Administración local da comarca da Coruña.


Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos agradecemos todas as achegas que moitos traballadores e traballadoras nos levan facendo meses para o novo convenio e amosámonos satisfeitos porque o feito de que todo o persoal vaia ter acceso ao texto antes de ser negociado co Concello demostra que o noso xeito de traballar dista moito das formas amosadas por anteriores delegados que negociaban a porta pechada e de costas aos traballadores.


A proposta que a CIG presentou e que leva xa varios meses sendo negociada no propio Comité de Empresa é froito dunha reflexión sobre a precaria situación do persoal deste Concello en moitos aspectos que van máis aló do meramente económico. Nela reflíctense os compromisos de traballo que presentamos as eleccións sindicais e que apoiou a maior parte do persoal laboral do Concello ao nos dar a maioría dos votos, eses compromisos son a base do noso traballo dende que chegamos a este Concello e grazas aos que tanto mudou a transmisión da información a todo o persoal e a defensa dos traballadores ante un Concello afeito ao clientelismo e ao escurantismo en material laboral como cerne do seu xeito de proceder.

Ningún comentario:

Publicar un comentario