03/12/11

Seguimos coas discriminacións: o funcionariado cobrou as axudas sociais do ano 2010 e o persoal laboral non!

Comeza un novo mes e agrávanse as discriminacións, xa que na nómina do mes de novembro o funcionariado acaba de cobrar as axudas sociais do ano 2010 (un ano despois de solicitalas) e o persoal laboral, polo que parece, non ten os mesmos dereitos, e nin sequera un ano despois ten dereito a cobrar á vez que os compañeiros funcionarios.


Logo de múltiples resolucións e requerimentos por parte do Concello ao Comité de Empresa, algo que, insistimos, nunca antes lle acontecera aos comités anteriores, o Concello decide resolver a concesión das axudas sociais do funcionariado e non as dos laborais.



Os trámites seguidos polos representantes do funcionariado non foron os mesmos e accederon ás peticións do Concello, sempre consideradas de dubidosa legalidade por parte da CIG e mais do Comité, mais isto non escusa que a Alcaldía como tal non fixese o traballo ben feito. A Alcaldía, ou no seu defecto a Xunta de Goberno, ten a obriga de resolver as axudas sociais do persoal laboral como outra tantas cuestións, e para isto pode ter en conta ou non os informes do persoal técnico e mais a proposta do Comité, mais o que está claro é que a última responsabilidade é do Goberno municipal. En todo momento o Concello deixou claro que os criterios adoptados polo Comité de Empresa para a súa proposta, baseados principalmente na non discriminación do persoal que non está na RPT, non se terían en conta e o Concello resolvería en función do que informase o persoal técnico do Concello


Dende a CIG do Concello de Betanzos consideramos as decisións do Goberno nos últimos tempos contraditorias e con claros bandazos, non entendemos como cunha partida orzamentaria única e cunha suposta distribución proporcional das axudas o Concello é quen de llas pagar ao funcionariado si e ao persoal laboral non, que pasa... os laborais sempre recibimos a esmola logo de repartir entre o funcionariado?


Outra cousa é que o goberno xa teña nas súas mans unha proposta de concesión das axudas para o persoal laboral da secretaría municipal, omnipresente agora en todos os informes que se lle achegan ao Comité, e non resolva as axudas porque non lle pete, cando sabe perfectamente a cantidade que vai destinar aos laborais, e, de paso, aproveite para dificultar unha vez máis o traballo do Comité de Empresa, tal e como leva facendo dende que este comezou a traballar para intentar esclarecer e mellorar a situación do persoal laboral do Concello de Betanzos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario