20/12/11

Última hora: aprobada por unanimidade a proposta definitiva de convenio

Hoxe, martes 20 de novembro, o Comité de Empresa vén de aprobar por unanimidade a proposta definitiva de convenio que se achegará aos traballadores e se presentará con posterioridade nas negociacións ao Concello.

Esta proposta, baseada no texto achegado pola CIG ao Comité de Empresa, e consensuada no máximo órgano de respresentación do persoal laboral do Concello de Betanzos, será achegada nos vindeiros días a todos os departamentos municipais para que poidan facer as súas achegas de cara á asemblea xeral de traballadores programada para o vindeiro xoves 29 de decembro ás 20:00 h na Biblioteca do Centro de Formación Ocupacional.

Con este traballo a CIG consigue achegar un texto no que levamos meses a traballar e no que se encontran achegas de diversos departamentos do Concello. Intentamos adecuar o marco normativo máis próximo para os traballadores á lexislación actual e marcar as pautas para intentar acabar coas discriminacións en que o Concello incide nas últimas Resolucións ao se basear, en moitas ocasións, no convenio vixente na actualidade.


A asemblea xeral de traballadores que terá lugar a semana que vén será a primeira convocada polo Comité de Empresa e terá como principal punto da orde do día o novo convenio, non obstante calquera tema que sexa de interese para os traballadores poderá ser tratado e acompañaranos o asesor da CIG Administración local da comarca da Coruña para solventar calquera dúbida.

Neste último paso de presentación do texto a todo o persoal agardamos a vosa colaboración e no caso de non poder asistir á asemblea podedes porvos en contacto connosco para facer as vosas achegas a través do noso enderezo electrónico cigconcellobetanzos@gmail.com ou comentándollo a calquera dos delegados e delegadas da CIG do Comité de Empresa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario