25/03/12

O Concello aproba un Plan de Igualdade e nega a conciliación laboral e familiar dalgunhas traballadoras

Nunha mostra máis da pouca ética que está a amosar o Concello de Betanzos en materia de Persoal nos últimos tempos, e logo de levar a pleno un Plan de Igualdade que recolle expresamente a importancia da conciliación da vida laboral e familiar para a consecución da igualdade, o Concello négalle, dende hai meses, pola vía da non resposta, a modificación de horario por conciliación da vida laboral e familiar a varias compañeiras que puxeron o seu caso en coñecemento do Comité de Empresa a través dos delegados da CIG.

Estas compañeiras, de distintos departamentos, solicitaron por escrito ao Concello, e non por primeira vez, o cambio de horario para poder compaxinar a súa vida familiar coa laboral e o Concello deu a calada, ou sexa a negativa, por resposta. Nun dos casos mesmo, a unha traballadora delegada da CIG no Comité de Empresa cambiáronlle dun día para outro o horario que levaba desempeñando catro anos, realizando unha modificación substancial das condicións de traballo que lle supuxo diversos prexuízos.

Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos consideramos que supón unha hipocrisía total por parte do Concello propor e aprobar en Pleno un Plan de Igualdade e non ser quen de tender a man na conciliación laboral e familiar das súas propias traballadoras, cando a propia lexislación recolle na actualidade a importancia da conciliación laboral e familiar en diversas leis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario