A CIG vén de rexistrar un escrito para lle solicitar ao Concello que lle facilite ao resto das candidaturas que se presentan ás eleccións sindicais do persoal laboral, os mesmos medios para a campaña que lle está a facilitar ao sindicato dos funcionarios (CSIF) e, así mesmo, que non ampare e permita que os axentes da
autoridade da Policía Local realicen campaña para as eleccións
sindicais estando de servizo, tal e como aconteceu estes pasados
días.
Esta solicitude faina logo de que varios traballadores llo comunicasen e os propios delegados da CIG puidesen comprobar que un delegado do sindicato de funcionarios (CSIF) e do corpo da Policía Local fixese campaña nas eleccións
sindicais do persoal laboral, en horario de servizo e co
uniforme e o coche oficial da Policía Local. O Concello de Betanzos, pois, facilitou que o sindicato dos funcionarios (CSIF) faga campaña
para as eleccións do persoal laboral do próximo 11 de xuño, e
permite e ampara que ese persoal estando de servizo e en exercicio de
axente da autoridade promova o voto para ese sindicato.
Desde a CIG consideramos gravísimo este comportamento, xa que os axentes da autoridade da Policía Local en situación de servizo, co uniforme correspondente e co coche oficial da Policía Local non poden repartir publicidade de petición de voto para un determinado sindicato e o Concello debería de frear este tipo de prácticas pouco democráticas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario