Miles de traballadores e traballadoras resistiron, grazas á súa aportación, o pulso da patronal
Miles
de traballadoras e traballadores afiliadas/os á CIG puideron
resistir o pulso da patronal grazas á existencia da caixa de
resistencia. Unha ferramenta que o sindicato puxo en funcionamento o
1 de xaneiro de 2007, concibida como instrumento para reforzar a
acción sindical e a solidariedade de clase e que permitiu, ao longo
deste anos, avanzar no modelo de sindicalismo reivindicativo da CIG.
O
IV Congreso da CIG, celebrado en maio de 2005, aprobaba a creación
dunha caixa de resistencia como instrumento para reforzar a acción
sindical e a solidariedade de clase. A finais dese mesmo ano o
Consello Confederal aprobaba o regulamento polo que se rexería esta
ferramenta e tras un ano de capitalización, o 2006, o 1 de xaneiro
de 2007, púñase en funcionamento.
Desde
aquela foron miles as traballadoras e traballadores afiliadas/os á
CIG os que, grazas a este instrumento, puideron manter o pulso á
patronal mantendo no tempo as folgas até conseguir acadar os seus
obxectivos: frear recortes, mellorar o seu convenio e as súas
condicións laborais, impedir despedimentos ou obrigar á readmisión
de compañeiros/as despedidos/as, entre outras.
Por
que se creou?
Ramiro
Oubiña, secretario confederal de Finanzas, lembra que a caixa de
resistencia créase cando a central sindical constata que nos
conflitos a patronal estaba a provocar que este se prolongara para
xerar a asfixia económica dos traballadores e traballadoras e, polo
tanto, das familias. Unha situación que ía debilitando a súa
posición e obrigando a dar por rematada a folga, e polo tanto o
conflito, porque non podían resistir economicamente ese pulso. “Aí
foi onde a central sindical tomou conciencia desa situación e
acordou crear esta ferramenta que se demostrou imprescindíbel para
reforzar a acción sindical”.
Con
todo, a caixa de resistencia non se crea da nada. A CIG contaba xa
cun Fondo de Solidariedade que tiña como obxectivo dar apoio
económico a aqueles conflitos que pola súa crueza, e polo seu
marcado interese sindical, non podían ser derrotados polos
empresarios porque os traballadores e traballadoras non puideran
resistir ao seren afogados economicamente. Ese Fondo de Solidariedade
funcionou durante oito anos, antes de que se optara pola creación da
caixa de resistencia.
Como
se financia?
Os
cartos da caixa de resistencia proceden de aportacións de todas e
todos os afiliados da CIG. De cada cota derívase unha porcentaxe
específica que vai parar a unha conta que ten como uso exclusivo
proporcionar os medios económicos necesarios para as/os
traballadoras/es poder resistir unha folga.
Oubiña
salienta a actitude solidaria que leva implícita esa aportación.
“Cando se acorda a creación da caixa de resistencia hai un
incremento na contía da cota sindical que é asumido por toda a
afiliación da CIG sabendo que esa porcentaxe a maiores vai ser
destinada a acudir en auxilio dun conflito. E iso malia moitas e
moitos afiliados saber que non van ter nunca necesidade de recorrer a
ese apoio económico. Vén demostrar, na organización, a
solidariedade de clase que existe”.
Cando
se activa a caixa de resistencia?
Só
actúa en situación de folga. Cando se inicia o conflito destínase
de aí unha cantidade mensual para eses traballadores/as. O requisito
é que sexan afiliados/as á central sindical con, como mínimo, tres
meses de antigüidade. Até o de agora os primeiros cinco días de
folga non se retribuían. Porén, a partir do 1 de xaneiro deste ano
pasou a tres días, isto é, a partir do cuarto día xa se lle
retribúe ao traballador.
A
cantidade calcúlase no momento no que aportan as nóminas da súa
empresa, onde aparecen reflectidos o número de días que lles
descontan por folga. O secretario confederal de Finanzas explica que
“iso é necesario porque en moitos conflitos, sectores e empresas
hai servizos mínimos e aínda que a vontade sexa secundala, se cadra
de 20 días de folga hai 6 nos que o traballador ou traballadora tivo
que traballar, ou colleu nunha baixa por enfermidade ou comezou as
súas vacacións. Polo tanto a caixa de resistencia só cubre os días
realmente efectivos de folga, os que desconta a empresa.
Que
cantidades se perciben?
Antes
do 1 de xaneiro deste ano as retribucións calculábanse en función
aos seguintes criterios: se se trataba de traballadores/as con tres
meses de antigüidade e menos dun ano percibían o 50% do SMI,
“quedando claro que sempre é en proporción á súa xornada
laboral”, matiza Oubiña, “porque non é igual un traballador que
está a media xornada que outro que está a xornada completa. O que
está a media xornada percibiría o 50% do SMI en proporción a esta
xornada”.
Cando
se superaba o ano de antigüidade, era o 90% do SMI.
Porén,
o 1 de xaneiro introducíronse modificación no Regulamento da Caixa
de Resistencia. A primeira, antes referida, canto ao número de
días e a segunda canto á contía. Agora, no canto de ser o 90% do
SMI, pasa a ser o 100%. “Esas son as prestacións da caixa de
resistencia e esa é a forma de acudir a ela para que,
automaticamente, se liquiden eses días de folga descontados.
Miles
de afiliados e afiliadas xa recorreron á caixa de resistencia
Segundo
explica o secretario confederal de Finanzas, hoxe hai xa miles de
traballadores e traballadoras afiliados á CIG que teñen acudido á
caixa de resistencia, sobre todo en folgas que foron sonadas pola súa
longa duración. A primeira folga na que se activou esta ferramenta
foi a do servizo de limpeza do concello de Compostela. Famosa porque
durou case que 60 días. “Aí foi onde se veu a aportación
positiva para o conflito e para o aguante dos traballadores/as”.
Xunto
a esta, Oubiña lembra outras folgas moi importantes no país onde a
caixa de resistencia tivo unha importancia fundamental para axudar a
sustentar os conflitos. A modo de exemplo salienta a do convenio de
Metal de Pontevedra ou outros máis recentes e tamén moi relevantes,
tanto polo número de traballadores como polo número de días de
folga como o de Albada, na Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario